0 Gardados para despois

Antón Sánchez

Mato e Vázquez, da herdanza recibida á desfeita asegurada

Ánxeles Vázquez asume a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio substituíndo a Beatriz Mato. Nada irá para mellor. A folla de servizo de Vázquez acredita que foi unha mediocre Conselleira de Medio Rural. Ocupa o lugar de Beatriz Mato que deixa un balance igualmente lamentable á fronte da Consellería de Medio Ambiente. Mato foi a conselleira que tolerou a Lei de Depredación de Galiza. Barra libre para o espolio das nosas riquezas ambientais. Política de protección cero. Submisión aos mandatos das corporacións mineiras, enerxéticas e forestais.

Mato e Vázquez non coñecen máis que o libreto doutrinario do ultraliberalismo ortodoxo e a xestión pública ao servizo dos intereses empresariais de grandes empresas, sobre todo foráneas, enriquecidas con actividades extractivas e de enclave que carrexan impactos ambientais e sociais altamente negativos.

Exemplifican a súa política cómplice coas desfeitas ambientais, a xenerosa concesión do Partido Popular para blindar a permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra, a paralización das Directrices da Paisaxe á espera da instalación da última vaga de eólicos ou a ignominiosa aprobación da Lei de Depredación. Cambiarán as conselleiras mais non van cambiar as súas dependencias nin as súas políticas. Nada deciden. Acatan e asinan o que se escritura nos consellos de administración das empresas amigas.

O abandono dos instrumentos de protección e garantías ambientais

Ánxeles Vázquez tería que impulsar a ampliación da Rede Natura, eternamente adiada polo goberno de Núñez Feijóo, pero recomendada dende 2004 pola Unión Europa, decisión avalada recentemente por un acordo unánime do Parlamento de Galicia. Actualmente Galiza ten 59 LIC, cun total de 374.435 has, que representan o 11,7% da superficie territorial do país; porcentaxe moi inferior á media estatal (23,1%). Nas zonas ZEPA acontece outro tanto: Galiza rexistra un 12% da superficie; a media estatal acada o 27,2%.

A Unión Europea xa subliñou no 2004 e 2006 a deficiencia e incumprimento da Directiva 92/43 de conservación de hábitats naturais e da flora e fauna silvestres. En 2011 a Xunta comezou a tramitación dunha proposta de ampliación da Rede Natura para a ampliación de 28 dos LIC existentes e a inclusión de 22 novos LIC. Esta proposta foi abandonada e en 2014 aprobou un Plan Director da Rede Natura que non só amplía a cobertura senón que reduce a protección dentro dos espazos de Rede Natura. Balance: poucos espazos e mal protexidos.

A Administración Feijóo entregouse, desde 2009, a minguar os orzamentos ambientais e a demorar a aprobación de plans reitores e de usos nos parques naturais e outro tanto fixo cos plans de recuperación e conservación de especies sinalados na Lei 9/2001. Un botón de mostra dos moitos que hai: as Illas Atlánticas non teñen Plan Reitor.

A expansión do negocio da depredación

A conselleira Mato traballou para facerlle o oficio máis doado a Bernardo Tahoces, Director Xeral de Enerxía e Minas, encargado de que as louseiras e outras mineiras teñan os mínimos problemas polos seus reiterados incumprimentos da legalidade; a súa función: levantar garantías ambientais para que negocio da depredación siga xerando beneficios millonarios.

Mato tanto traballou para o Director Xeral de Enerxía e Minas que paralizou a aprobación das Directrices da Paisaxe, prometidas para 2017, deixando marxe para que se consoliden a nova vaga de parques eólicos que abrollaron coa poxa estatal de enerxías renovables. As Directrices poderían condicionar e mesmo obstaculizar definitivamente a súa instalación. Co baleiro legal garantido por Mato, unha vez estean autorizados nada se emendar ou corrixir. O Partido Popular exerce como delegado comercial de eléctricas, bancos e fondos voitre que son os que maioritariamente se lucran lucra coa enerxía do vento en Galiza.

Política de vivenda, balance cero

Vázquez gaña a consellería de Medio Ambiente cun bonus especial: incorpora as políticas de vivenda que lle son retiradas á conselleira Ethel Vázquez despois de que se certificase un dos fracasos máis sonoros da historia da Autonomía galega. En 2017 incrementáronse os desafiuzamentos en Galiza, superando os 5 desafiuzamentos diarios de media. O programa estrela da Consellería de Vivenda, o Programa de Vivendas Baleiras, tivo un grado de execución do 3,6% en 2017. No que toca á vivenda protexida, en 2015 e 2016 iniciáronse en Galiza 5 e 4 vivendas respectivamente, o que representa o 0,30 e 0,19 % do total das iniciadas, entre 35 e 50 veces menos que na media do Estado, onde se iniciaron neses mesmos anos o 10,49 % e 10,48% de vivenda protexida sobre o total. Éxito indiscutible de Ethel Vázquez.

Para redondear á xestión de Ethel Vázquez hai que sumar a existencia dunha lei de vivenda que se conta entre as máis atrasadas do Estado en canto ao trato que dá ao dereito á vivenda dos galegos e galegas. A Lei santifica a vivenda como negocio especulativo, non se fai concesión ningunha á vivenda como dereito social. O mercado manda.

A ordenación minguante do territorio

É a Enxeñería legal inversa, marca rexistrada do Goberno de Núñez Feijóo

Beatriz Mato deixa a Ángeles Vázquez unha gorentosa herdanza: un anteproxecto de Lei de Ordenación do Territorio que ven substituír unha lei de 1995 que tivo unha aplicación en aspectos marxinais e deixou en vía morta moitas das disposicións fundamentais. Inverteuse a secuencia das disposicións normativas; é dicir, modificáronse, por medio de repetidas leis ordinarias ou de acompañamento, un conxunto de normas xerais ou sectoriais que desnaturalizaron completamente a LOT de 1995, tanto nos procedementos como nos seus sectores básicos (solo, eólico, minas...). Desnaturalizouse e degradouse a LOT e quedaron sen aplicar e desenvolver materias como a protección da paisaxe. Agora, o golpe definitivo: a modificación da LOT, que debería ser a primeira en ser acometida, será a derradeira. É a Enxeñería legal inversa, marca rexistrada do Goberno de Núñez Feijóo.

Cambio climático, materia pendente

En setembro de 2018, Beatriz Mato deixa a Consellería sen unha estratexia galega de loita contra o cambio climático, indicador indiscutible da súa sensibilidade e preocupación diante dos maiores retos que enfronta a Humanidade. Mato nin pensa globalmente, nin actúa localmente, inviste en abandono de responsabilidade e deixa pasar o tempo por se cadra que os problemas ambientais caducan ou se resolven sós.

A conselleira saínte, agora deputada pasiva e espelida candidata á alcaldía da Coruña, nin sequera foi clara respecto dos grandes emisores de gases de efecto invernadoiro en Galiza —a gran industria, moitas delas industrias de enclave, como as térmicas— que achegan aproximadamente a metade dos gases de efecto invernadoiro xerados no noso país.

O Plan de Residuos como Plan de Negocio de Naturgy

Outra das fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro é a xestión de residuos, que en Galiza ten un modelo de incineración centralizado no que os residuos percorren decenas de quilómetros para chegar ao seu destino, lastrado por minimalistas índices de reciclaxe e que, ademais, non cumpre coa xerarquía de tratamento recomendado tanto pola Directiva europea como polo propio Plan Galego de Residuos.

SOGAMA só recicla 3,32 de cada 100 toneladas que recibe: 3,32% un dos índices máis baixos de Europa e tecnicamente equivalente ao índice dun vertedoiro. Non deixa de ser rechamante que as cifras de reciclaxe en 2015 fosen mesmo inferiores ás de 2014 (6,3%) e 2013 (3,4%). SOGAMA cada vez recicla menos.

A axenda da nova conselleira de Medio Ambiente

A lista de deficiencias, erros e casos de pésima xestión é inmensa. Os deberes pendentes son moitos. A axenda que terá que enfrontar a nova conselleira é ambiciosa pero o seu historial en Medio Rural non deixa moita marxe para a esperanza.  

A conselleira Ánxeles Vázquez ten que rematar e aprobar xa as Directrices da Paisaxe. Beatriz Mato comprometeuse a rematalas en setembro de 2018. O mes xa morreu. Queda por elaborar xeito participado e transparente unha proposta de ampliación de Rede Natura. Cómpre darlle un impulso ao deseño dos Plans Reitores e de Xestión dos Parques Naturais e que se inicien os traballos para contar con Plans de conservación, recuperación e manexo de especies protexidas ou en perigo de extinción como obriga a Lei 9/2001 de conservación da natureza de Galiza. Nesta lexislatura tería que estar finalizada unha Estratexia galega de loita contra o cambio climático firme e decidida. Galiza precisa que, xunto coa Consellería de Industria, se elabore un plan para a Transición Enerxética de Galiza.

A axenda que terá que enfrontar a nova conselleira é ambiciosa pero o seu historial en Medio Rural non deixa moita marxe para a esperanza

Hai máis. Cómpre proceder á modificación da Lei do Solo de Galiza, cando menos no referido a usos e actividades en solo rústico, para diferenciar os usos permitidos nas diferentes categorías e para que verdadeiramente os centros de tratamento de residuos industriais se localicen preferente en solos industriais. Coherentemente debe mudarse o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galiza para rematar co descontrol actual que só beneficia ás empresas fan da xestión de residuos un gran negocio sen cautelas ambientais. Urxentemente hai que comezar a mudar o modelo de xestión do lixo respectando as directivas europeas, e mesmo a Lei galega que o Partido Popular aprobou, para acadar os obxectivos propostos pola UE, meta que xa é imposible de acadar para o prazo fixado de 2020. É imprescindible apostar pola redución, reutilización, reciclaxe e só, como última opción, pola incineración. Para logralo hai deixar pensar nos beneficios da antiga Gas Natural Fenosa, agora bautizada como Naturgy, socia co 49% do capital de SOGAMA.

Ademais, sería de agradecer o abandono da submisión diante das decisións da Consellería de Economía e Industria, unha resposta máis firme e afoutada fronte á contaminación e agresións ambientais das empresas extractivas e facer da protección do medio ambiente a cerna das políticas públicas da Xunta de Galicia. E calquera outra decisión positiva que impida que a desastrosa herdanza recibida se confirme como novos desleixos e irreparables desfeitas ambientais.

Publicidade

Acerca de Antón Sánchez

Antón Sánchez é Portavoz Nacional de Anova e Vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galiza