0 Gardados para despois

Xosé Manuel Sarille

Que pase algo

Desde as candidaturas das mareas para os concellos, o máis importante que pasou na esquerda de Galicia, PSOE incluído, é que Carolina Bescansa presente candidatura ás primarias de Podemos. Así de cativo é todo. E até ten semellanza coa arribada de Manuel Fraga, salvando a distancia ideolóxica.

É verdade que o ultradereitista desaqueloutrábase coa emoción e saloucaba diante das cámaras, pero ao mesmo tempo destilaba frases que denotaban reflexións previas sobre o asunto galego, o cal non é pouco, como aquela de España é o meu pai e Galicia a miña nai. Dicía que el era populista e teorizaba o concepto nas roldas de prensa, considerándoo propio do seu acervo político, para a continuación proclamar que en Galicia os parvos fan reloxos e acariñar así a orella dos parvos e dos non parvos.

Ouviu do seu segundo no goberno da Xunta que eles no PPG estaban na fronteira da autodeterminación. Naquel tempo encargaron un encofrado teórico galeguista á Fundación Alfredo Brañas, de pátina carlista, e xuntos popularizaron o concepto de autoidentificación. Artellaron un Montejurra no centro do territorio e puxéronse a subir alí cada ano, bebendo tinto de Chantada e comendo churrasco despois das arengas, igual que os bávaros chupaban e chupan cervexa a fartar nas festas da CSU, partido rexionalista forte, centrípeto tamén, fundado polo león de Baviera, un ex nazi de cólera fácil e peito ancho, como o do león de Vilalba. 

Naquel tempo encargaron un encofrado teórico galeguista á Fundación Alfredo Brañas, de pátina carlista, e xuntos popularizaron o concepto de autoidentificación. Artellaron un Montejurra no centro do territorio e puxéronse a subir alí cada ano, bebendo tinto de Chantada e comendo churrasco despois das arengas, igual que os bávaros chupaban e chupan cervexa a fartar nas festas da CSU

Fraga chegou ao uso oral da forma culta da lingua galega valéndose do portugués, que estudara antes. Notábaselle nos primeiros meses, cando soltaba formas inexistentes no estándar oficial do galego. Falábao ben, non como Feijoo, de vocación provincial, gris, que non consegue colocar os pronomes, transparentando así un desleixo e unha mentalidade chata. 

Fraga envolveuse na bandeira galega e buscou a bendición das xentes de Galaxia e de Realidade Galega, que lla deron a cambio dunha ensamblaxe sólida na política cultural da Xunta. Eles ingresaban, ampliaban e multiplicaban as súas institucións, destinadas todas a labores semellantes e como compensación certificaban a garantía galeguista do vello ministro da ditadura. O conselleiro de cultura dicía que a el un galeguista lle custaba cen mil pesetas. 

Todas esas cousas e o ensaio dun traxe de gala autónomo galego baseado nos tradicionais, ademais das gaitas desfilando cara o Obradoiro, configuraron un tipo de rexionalismo forte, que até lle valeu para disputar a presidencia da Asemblea de Rexións de Europa a Jordi Pujol, unha estrela de masa pesada nos anos noventa. 

Fraga converteuse nun líder con territorio e poder,onde os xefes centrais do seu partido non conseguían meter o nariz. No nacionalismo galego seguiuse falando de españolismo, mais o termo sucursalista desapareceu da circulación para referirse a el, porque non aquelaba chamarlle así a quen mandaba sen pedir permiso.

Esta amalgama, agora falando en serio, é reaccionaria pero é densa. Unha densidade da que todos os demais presidentes galegos careceron

E con todo iso  das rexións, do pai e da nai, do traxe, das gaitas, da autoidentificación e do de subir e baixar do monte para comer e beber, até propuxo a Administración única como xeito de convidar a unha certa renovación do Estado.  

Esta amalgama, agora falando en serio, é reaccionaria pero é densa. Unha densidade da que todos os demais presidentes galegos careceron. Xosé Manuel Beiras semella recoñecer iso cando combinan para discutir nunha cea persoal, sendo inimigos encarnizados; trátase dun acto que desde ese punto de vista non parece inxenuo. 

Pode parecer que non hai proporción entre a chegada de Manuel Fraga e a de  Carolina Bescansa. Mais o feito de ser ela un dos principais fundadores da organización que transformou a paisaxe política do Estado Español non é cousa menor. 

Fraga chegou a Galicia despois de entregar o relevo á nova xeración e sobre todo decidiuse a vir cando soubo que nunca gañaría a presidencia do goberno español. E Bescansa aparece cando tampouco lle queda osíxeno en Madrid. Son nacementos que carecen dunha vocación principal polo país e reforzan o papel dependente e subalterno de Galicia, até para o fornecemento de líderes. 

Deixándose de gaitas e de análises, pedir que aquí pase algo, que se mova algo, que se xere algo, polo menos a posibilidade de botar da Xunta ao contábel e artellar algo que ilusione e sexa practicábel

Agora é cando cumpriría que alguén metese a rea de adxectivos cristalinos sobre a Galicia que debe ser e o distante que está a candidata de conseguir aproximarse. Mais como estamos nesta gándara, na que reina a case nada, pois igual está mellor partir do realmente existente. Ou deixándose de gaitas e de análises, pedir que aquí pase algo, que se mova algo, que se xere algo, polo menos a posibilidade de botar da Xunta ao contábel e artellar algo que ilusione e sexa practicábel. 

A esquerda? Pois varios concellos facéndoo ben e o demais mal, sen líderes nin cousa que se pareza, sen claridade programática, táctica establecida nin viso de gañarlle nunca á dereita. En consecuencia falta de densidade, sexa no PSOE e no BNG ou na nova esquerda. Por todo isto a operación da dirección de Podemos Galicia chamando á líder estatal para que se presente ás primarias é interesante.

Así que lendo as entrevistas e o que vai comunicando Bescansa desde que anunciou a presentación, adivíñase que por primeira vez pode establecerse un duelo no escenario galego desde a retirada de Xosé Manuel Beiras. Sitúa as fichas. Visto desde a harmonía dos círculos celestes isto é vulgarmente terreo, pouca cousa, pero hai casta, dito sexa con ironía.

No seu discurso domina loxicamente a vertente social. Establece como núcleo de traballo o modelo produtivo de Galicia e aborda como primeiros temas os servizos sociais, a sanidade, a cuestión inmediata de POVISA. Ou sexa que ordena a estratexia, até agora mal proxectada e percibida entre o público de xeito confuso. Son as necesidades principais e as demandas urxentes, que deberían permitir ampliar a base.  E non descarta liderar a unidade popular, a esquerda alternativa.

Se Bescansa gaña as primarias acelerará os tempos internos das mareas e obrigará aos líderes municipais a pensar de novo o escenario xeral, entrando seguramente nunha moi salutífera competencia virtuosa

De momento evita a cuestión nacional. Refírese a Galicia como nación. Menta o dereito á autodeterminación cando se refire a Cataluña, outra nación como Galicia. Usa correctamente a lingua (ten importancia, porque o mal uso sinala inconsistencia, un asunto grave en quen ten responsabilidades máximas; se é por desprezo tamén, porque transmite unha inquietante carencia de profundidade). Introduce a Rosalía no discurso, vinculándoo coa preponderancia feminina da súa candidatura.  

Non sabemos como se envolvería na bandeira. Nin que encofrado encargaría. A paisaxe ademais é estraña e moi inestábel. A totalidade do galeguismo pasa pola súa peor crise desde os decenios entre os séculos XIX e XX. Os aliados nacionalistas de Podemos Galicia son de tradición principalmente independentista e desde o 1-O situaron a cuestión nacional nun plano máis destacado. O BNG, cuxa tendencia maioritaria se informaba no federalismo, saltou para o independentismo por mímese con Cataluña, sen que mediase reflexión nin debate, situándose a unha distancia enorme dunha parte das súas bases e sobre todo da poboación, que reacciona maioritariamente moi mal ante a demanda que se fai en Cataluña. Ninguén sabe, eles tampouco, se haberá un retorno cara as vellas posicións, agora que parece comezar o repregue catalán, polo menos o de ERC.    

Se Bescansa gaña as primarias acelerará os tempos internos das mareas e obrigará aos líderes municipais a pensar de novo o escenario xeral, entrando seguramente nunha moi salutífera competencia virtuosa.

Publicidade

Acerca de Xosé Manuel Sarille