O rescate é un paso necesario cara á unión fiscal

Nos últimos meses o debate público en España arredor da Unión Europea estase parecendo ao británico. En numerosas ocasións pódese ler ou escoitar: “Bruxelas esixe estas medidas”, “a Comisión Europea impón este axuste”, “o Banco Central Europeo demanda estas reformas”. Con este plantexamento incúlcase na poboación a idea de que estes organismos son entes externos. Refórzase a imaxe do “eles fronte a nós”. “Eles esíxennos estas medidas, coas que nós non estamos de acordo, pero dada a nosa vulnerabilidade, non nos queda outro remedio que aplicalas”. Esta narrativa é falsa e perigosa. Falsa porque a UE (e a unión monetaria) non é un ente estraño, senón un contrato voluntario entre estados, e España e os seus políticos teñen un peso importante nesta Unión, e nas súas políticas. É ademais perigosa porque pode fomentar una actitude euroescéptica (moi propia do Reino Unido) que pode reavivar a pantasma dos nacionalismos extremos que tanto sufrimento lle teñen ocasionado ao Vello Continente.

A UE (e a unión monetaria) non é un ente estraño, senón un contrato voluntario entre estados, e España e os seus políticos teñen un peso importante nela

Para moitos, as decisión tomadas no último consello de goberno do BCE foron decepcionantes e insuficientes. Moitos crían que Draghi ía sacar a artillería pesada e salvar a España e Italia coa compra masiva de bonos de débeda soberana. Os que así pensaban ignoraban a estratexia última do BCE. Como ben se sabe, o principal mandato do BCE é manter a estabilidade dos prezos. Nese sentido, o BCE é o máis conservador e ortodoxo dos bancos centrais do mundo. Este é un feito. De todos os xeitos, isto non quere dicir que non haxa marxe de manobra para salvar o euro. Mentres que Jean-Claude Trichet era un ortodoxo convencido, Mario Draghi amosouse moito máis pragmático á hora de atopar solución á crise. A barra libre de liquidez aos bancos é un claro exemplo. Pero Draghi sabe que as súas solucións son simples parches. A solución definitiva (e nisto todos os que cren no proxecto do euro están de acordó) é crear una unión fiscal. E por moito que lle pese a algún, o BCE é hoxe por hoxe a única institución europea que pode forzar os líderes nacionais a chegar a este acordo. Non hai que esquecer que o BCE é o organismo máis panaeuropeo da UE. Máis incluso que a Comisión europea, xa que esta ten un poder máis limitado.

A solución definitiva (e nisto todos os que cren no proxecto do euro están de acordó) é crear una unión fiscal

Draghi, daquela, vén de mandarlle un órdago a Monti, Rajoy e, por extensión, tamén a Hollande. Se estes líderes están a favor dunha maior integración política, dunha unión bancaria e dunha maior mutualización da débeda a través de eurobonos, é dicir, se realmente queren una unión fiscal, daquela Terán que dar pasos cara a ese obxectivo. Cal é o primeiro paso para chegar á unión fiscal? Niso non hai dúbida: traspasar soberanía cara ao centro da Unión. Isto é o que Draghi lle pediu a Rajoy e a Monti, nin máis nin menos. Só así o BCE estará seguro que os líderes europeos están convencidos da necesidade dunha unión fiscal, e poderá actuar en consecuencia sacando o seu arsenal para ‘queimar’ os especuladores que aínda apostan en contra da “irreversibilidade” da moeda única.

A sinatura dun memorándum de entendemento non debería ser unha noticia negativa e humillante para a cidadanía española. Máis ben todo o contrario

Visto desde esta perspectiva, a activación do fondo de rescate transitorio EFSF e o permanente ESM (nas súas siglas en inglés) por España e Italia, e a consecuente sinatura dun memorándum de entendemento, non debería ser unha noticia negativa e humillante para a cidadanía española. Máis ben todo o contrario. Sería un paso determinante cara a unha solución duradeira á crise. En vez de resisitirse á cesión de soberanía, Italia e España deberían tomar unha actitude moito máis proactiva, e empezar a propor, en colaboración con Francia e outros países pequenos do norte (sempre temerosos do excesivo poder de Berlín), que tipo de unión fiscal e política se debe construír de cara ao futuro. Polo de agora, Alemaña tomou a dianteira neste debate. Merkel pronunciouse en varias ocasións a favor da creación dunha unión política con estruturas federalistas seguindo o modelo alemán. No entanto, de París, Roma e Madrid non chegaron propostas alternativas. É máis, o debate público nin tan sequera comezou. O temor dominante é que Alemaña vai impoñer o seu propio modelo de unión fiscal. Isto é un erro. Como demostrou o propio Draghi no BCE, unidas, Francia, Italia e España, poden buscar alianzas cos países pequenos do norte, e así presionar a Berlín para que acepte solución de consenso. Para isto, no entanto, os líderes, e sobre todo as poboacións destes países, teñen que sentirse copropietarios na construcción da Unión Europea e a zona euro. Só así poderemos evitar o destrutivo “eles fronte a nós”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.