Asemblea cidadá de Podemos Galiza: Máis do mesmo?

1- Do manifesto “Mover ficha” á actualidade

Pasou xa moito tempo desde os inicios, nos que un número relevante de asinantes, nun prazo determinado avalaría a construción dunha nova organización política. Número e prazo víronse superados nas previsións, moi superados.

Aquel manifesto non só quedou atrás no tempo, senón que, desgraciadamente, quedou moi atrás na política, sendo abandonadas pouco a pouco as súas ideas por unha moderación no discurso e na práctica e por un abandono tamén da súa clara mensaxe rupturista. Unha mostra abonda: unha das ideas máis exitosas daquel momento foi a da “casta”; hoxe en día semella que se está a mendigar a participación en gobernos dirixidos por parte “daquela casta”.

E no seu primeiro congreso estableceuse un modelo de partido, que tampouco se compadecía nada ben co que o antedito manifesto semellaba que nos propoñía.

Resumindo, o modelo “populista” afastábase cada máis do pobo, establecendo un abismo entre a dirección e as bases, construíndo un partido de elites, as únicas capacitadas para debater entre elas e tomar as decisións políticas, que logo confirmaban plebiscitariamente as bases virtuais. No medio, os círculos,  ninguneados; e de ser asembleas de debate, abertas, pasaron a ser lugares para charlar, pero sen capacidade de influencia directa na organización, pois non había ningún mecanismo que establecese algún tipo de conexión entre eles e a elite do partido.

 
2- O cemento identitario de Podemos: liderado carismático e emotividade

Co modelo de partido instaurado en VistAlegre I, e coa anteriormente sinalada desactivación dos Círculos, irá esmorecendo pouco a pouco a vida interna política de Podemos; e coa desaparición da vida interna política, entón o que vai unir a Podemos, a esa base virtual de inscritos, non é tanto unha liña política, uns principios políticos, un modelo organizativo, senón que vai ser ese liderado carismático, como “significante baleiro”. Cada vez máis se vai substituíndo Podemos por unha elite, e dentro da elite, polo liderado supremo.

A ausencia de política, o establecemento da total verticalidade política, ao máis vello estilo, substituirá a esta pola emoción, á imaxe dos seguidores dun equipo de fútbol, como quería algún dos seus líderes: iso se quería en Podemos, a adhesión inquebrantábel, a asunción da pertenza, que non da participación, cegada e negada.

E tamén unía a indignación; pero a indignación sen política non serve de nada. Ou, o que sería peor, se non damos contido político rupturista á indignación, outros poden darlle un contido radicalmente oposto, como está a facer a extrema dereita en toda Europa; e non só en toda Europa. Chegouse a dicer que en España non había extrema dereita porque había Podemos, porque Podemos canalizara  a indignación politicamente cun proxecto de esquerdas. Entón, ou se recupera claramente ese proxecto rupturista, ou podemos deixar un camiño aberto para opcións radicalmente opostas no político e emotiva e irracionalmente máis fortes. 
  

3, A anterior Asemblea Cidadá galega, coa política e o modelo organizativo ausente

Na anterior asemblea cidadá galega presentábanse tres candidaturas á secretaría xeral e tres listas para o Consello Cidadán. O problema que resultou foi que a ausencia de debate fixo imposíbel saber porque se ía votar a unha ou a outra persoa, a persoas dunha lista ou doutra.

Ao final, son as habilidades retóricas, as habilidades nas redes sociais as que decantan para unha beira ou outra as votacións, pois nin tan sequera en debates ou en entrevistas cruzadas quedou claro que diferenzas políticas había.

Semella como se en Podemos se tivese medo a “entrar en política”, ou a facer público que hai distintas opcións tácticas, de alianzas, de organización. Ao final, o que queda de todo vén sendo que todo se reduce a un conflito personalista, a unha loita polo poder, a unha ambición por situarse mellor dentro dos pequenos ámbitos de poder autonómicos ou locais, a ter un enlace máis directo cos que exercen a dirección política, a elite de Madrid.
 

4- Asemblea Cidadá Galega de 2018: máis do mesmo

E se a anterior asemblea cidadá tivo esas características ás que acabamos de referirnos, esta que está a comezar vai polo  mesmo camiño. E iso que as condicións agora reclamarían un debate maior e unha valoración dos últimos dous anos.

De novo, en vez de chamar á política, de promover debates políticos, de manifestar as diferenzas políticas, tanto tácticas como de alianzas, de facer patentes os modelos organizativos, a súa ocultación o que se está a conseguir é que os verdadeiros activistas de Podemos, os que seguen a participar, dalgún modo, nos Círculos, estean alleos ao que se está a xogar nesta Asemblea Cidadá, reducida aparentemente a un puro enfrontamento personalista.

E iso que, neste caso, era bastante doado; habería que facer un balance, rotundamente crítico, da práctica antiestatutaria da dirección anterior de Podemos Galiza; e tamén daquelo á que se uniu esta: a ausencia dunha dirección política.

Pero toda esta desfeita non era ignorada pola dirección central, pola elite de Podemos no poder; e cando esta dirección, a galega, onde debía estar era no Comité de Garantías, resulta que a súa práctica, chamarlle política sería improcedente, recibiu toda a aceptación desas elites centrais.

Moito xogo político daba o reiterado espectáculo da Secretaría Xeral, facendo unha consulta manipulada, cunha interpretación manipulada do resultado, cunha convocatoria aos fieis cando se lle impón desde Madrid a outra opción de confluencia e, finalmente, manifestando, cando había oportunidade de facelo, a súa non fidelidade ao proxecto, que se lle impuxera desde Madrid e que esa Secretaría asinara en Galiza.

Esta situación debería dar lugar a un debate político sobre as futuras relacións de Podemos co resto das forzas do cambio, e en particular con En Marea. Ese debate político tampouco semella que estea á orde do día; e, mesmo, se todas as candidaturas participasen, ou non, da mesma idea de como confluír, ou non confluír, ou con quen, no seu caso, debería facerse patente para que a afiliación de Podemos a coñecese, coñecese os argumentos e puidese opinar, puidese debater e puidese coñecerse cal era a opción política maioritaria ao respecto entre a “militancia” de Podemos, entre as persoas que se manteñen activas.

Pero a política se lle subtrae a todos aqueles que aínda participan en Podemos. As únicas persoas capacitadas para debater politicamente e para tomar as decisións correctas son as direccións; e unha vez decidida a política correcta, as bases, a xente, os inscritos, non teñen outra que confirmala.

Os Círculos, os “militantes”, condenados, unha vez máis, ao silencio, á irrelevancia. E, finalmente, aos inscritos se lles pedirá que elixan entre opcións; pero cun pequeno problema, por que van elixir unha ou outra, con que criterios, por que motivos políticos, se a política “nin está nin se lle espera”?

 

5- O debate: como cambiar o mundo, e con el Galiza, de base

Pódese converter esta asemblea cidadá galega de Podemos Galiza nunha nova oportunidade perdida ou pode converterse no inicio nun cambio de tendencia da organización. Para que sexa isto último debemos ter claros os nosos obxectivos, construír unha organización rupturista, antineoliberal, que defenda o dereito de autodeterminación dos pobos, republicana, feminista, ecoloxista, comprometida cos intereses das de abaixo.

Debemos debater sobre como orientarnos cara iso, o que significa promover as confluencias coas forzas do cambio, fóra de patriotismos de partido, no sentido de contruír un partido-movemento no que caiban todas as forzas e sensibilidades que tamén se presentan cambiar o mundo, e por tanto Galiza, de base.

Temos que debater tamén sobre como reconstruír a vida interna política da organización, repensar o papel dos círculos como ferramenta de construción política fundamental, de debate e participación, o que debería levar a establecer os mecanismos horizontais de influencia real nas decisións de Podemos Galiza, abandonando o modelo verticalista imperante.

Nese sentido, é necesario repensar o modelo para que Podemos Galicia acade máis autonomía e capacidade de decisión, para que non fique reducido a unha mera franquía de Madrid, senón que  bote raíces reais no territorio en constante interacción cos movementos sociais. Unha ferramenta útil para unha transformación social radical.
Precisamos que Podemos axude a construír un espazo do cambio que non se subalternice ao PSOE, que non se contente con servir de “muleta” deste partido de Réxime, senón que aspire a gañar non só no terreo electoral, senón a implusar e alimentar a mobilización social para arrancar máis dereitos e  axudar a xerar un músculo social imprescindible. Precisamos un cambio, non un “recambio”.

O debate, por tanto, non debería versar sobre persoas, sobre baronías, sobre cotas de poder, senón sobre horizontes estratéxicos transformadores. Se conseguimos que este sexa o debate real, entón tamén podemos conseguir a recuperación da ilusión que hai anos este proxecto xerou. E pódese.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.