Os Bolsonaros que inzan ao noso carón

“Pouco antes de morrer,/ díxolle ó pobo:/ Deus che dea ira,/ que paciencia tes de abondo.” (Do poema O profeta, Cimenterio privado, Celso Emilio Ferreiro).

Ese acordo do Goberno de Sánchez, malia o informe desfavorábel do Consello de Estado, pretendendo que o Tribunal Constitucional tombe a reprobación do Parlament de Catalunya ao rei Felipe VI, pola súa postura no procés, pon de manifesto que entre socialistas e populares non existen liñas divisorias, cando toca mangonear as altas institucións do Estado para polas ao servizo das súas estratexias electorais.

No caso que nos ocupa, tal ocorrencia vén a demostrar unha vez máis o arremedo do PSOE ás posicións do PP, no tocante á cuestión catalá, por carecer de ideas e propostas que debuxen unha configuración político-administrativa do Estado, capaz de recoñecer o seu carácter plurinacional, ata perder o medo a compartir a soberanía cara abaixo, alomenos coa mesma naturalidade que o fai cara arriba, cando deposita, nas mans de funcionarios europeos e doutros internacionais de escasa solvencia democrática, competencias que nunca debían saír das Cortes e dos Parlamentos autonómicos. 

Polo tanto, o que nos debería preocupar non é que un parlamento autonómico reivindique valores republicanos e aposte pola abolición da monarquía, senón que un goberno “democrático” gurre co TC para que afogue o dereito de representantes da cidadanía a entender as cousas doutra maneira.

Son esas miserias, e outras polo estilo, mesturadas co "si, bwana" das maiorías parlamentarias, co compadreo do poder xudicial, co aplauso interesado dos medios sistémicos e coa conivencia da militancia partidaria, as que inducen á xente do común a un excesivo grao de pasividade, que sinte noxo ante resultados electorais como os do Brasil, pero que é incapaz de inmutarse diante dos Bolsonaros que inzan e medran ao seu carón, con absoluta normalidade.

Ah! O meu tío Lisardo pensa que isto é moi mellorábel, cunha maior participación política, coa vixiancia para que, alomenos, pareza que existe a separación dos poderes do Estado, máis autonomía territorial e un bozo no fociño dos poderes económicos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.