Complicidades, hexemonía política e saída da crise

Unha das cuestións que afectan a todos os partidos de esquerdas establecidos, incluso ás novas formacións que están a nacer, é algo tan básico do como se relacionan coa sociedade, pero o certo é que uns por inmadurez ou incapacidade organizativa e outros porque as “obrigas institucionais” os consomen, carecen dunha relación directa cos cidadáns. Ningún ten capacidade de mobilización, fundamentalmente porque son incapaces de ilusionar os seus propios militantes (que sería o vehículo natural primario), e pola outra, carecen de medio de comunicación algún con apoio masivo. Quizais, deberan reflexionar sobre a historia da formación e do compromiso militante dos primeiros sindicatos, partidos socialdemócratas e socialistas. Eles levantáronse sobre estes piares.

Isto trae consigo, que fundamentalmente, relaciónanse coa sociedade a través do filtro dos medios de comunicación tradicionais, vinculados aos grupos financeiros e de presión que condicionan de xeito visceral o discurso político e desvirtúan as reivindicacións dos cidadáns comúns. Hai tamén que salientar que as redes sociais se ben están a axudar na mobilización, aínda están en cueiros simplemente porque non todos os cidadáns están na Rede. É dicir, a metade da xente común non ten acceso - ou un acceso axeitado - ben porque deben atender a sobrevivir no día ao día, ben porque segue a ser caro ou non forma parte aínda dos seus hábitos culturais e menos de información e conformación da realidade social.

Polo tanto, as esquerdas non lle están disputandoa hexemonía á dereita nun eido tan importante como é a da comunicación e formación da opinión pública. Son pretendidas elites, recluídas na acción institucional e sen lazos reais coa sociedade.

Hai outro elemento que é usado pola propaganda dos medios de comunicación da dereita e que ademais serve para separarnos da nosa base social. As complicidades co funcionamento do sistema e no desenvolvemento da crise económica social que padecemos. Lembremos que a resposta do ministro De Guindos, ao que sen dúbida é un dos descubrimentos desta lexislatura no Congreso, a Alberto Garzón ao inicio do Caso Bankia, viña dicir que estaban claras as cousas. Que se sabía quen formaba parte do “Consello de Administración, entre eles dirixentes de IU”. Así tamén, os dous últimos ex ministros de Economía do presidente Zapatero forman parte de sendas empresas multinacionais. É dicir, en política non só hai que ser, senón parecer.

A responsabilidade da esquerda na crise está na aceptación dos postulados neoliberais, na participación acrítica na xestión

A responsabilidade da esquerda na crise está na aceptación dos postulados neoliberais, na participación acrítica na xestión (evidentemente, en maior medida nos socialistas, pero tamén no nacionalismo gobernante e noutras formacións). Somos cómplices por asumir un discurso oficial que prioriza a redución do déficit e a colaboración institucional sobre as necesidades cidadás e sobre a conformación dunha hexemonía cultural para o cambio.

Así Gramsci non forma parte da cultura política da nosa esquerda. Levándonos a non entender a nosa realidade, que a relación entre o poder e os dominados require de coacción e consentimento, e que vivimos nunha sociedade complexa, onde o traballo institucional debe combinarse coa loita ideolóxica e cultural de xeito transversal, dende abaixo e fóra das institucións, que modifique os clixés oficiais aceptados vulgarmente pola maioría da sociedade. Cítolles un: “Os recortes son imprescindibles e non hai alternativa”.

O Partido Popular despois da Lei 6/1998 do 13 de Abril de Liberalización do Solo - promulgada por Aznar e Rato - a desfeita do sistema bancario e o Caso Bankia, que tan de cheo tócalles, aproveita para cambiar o actual modelo económico e político de democracia liberal, por unha nova cultura social “neocon” subordinada aos intereses dunha dereita xermano-norteamericana. E xa avanzan que van adoutrinar aos nosos fillos, nos preceptos fundamentalistas do mercado coa nova “Educación para a Cidadanía”.

Os crecentes conflitos sociais amosan como a dereita económica, clase dominante, debe convencer os dominados de que a súa hexemonía serve, cando menos, en parte para os intereses destes últimos

Pero, os crecentes conflitos sociais amosan como a dereita económica, clase dominante, debe convencer os dominados de que a súa hexemonía serve, cando menos, en parte para os intereses destes últimos. É dicir, a ruptura do pacto social por parte do PP é tamén unha oportunidade para o conxunto da esquerda, especialmente, para un novo discurso socialista en sentido pleno, que entenda que aínda que a maioría da poboación aposta pola integración no sistema, os neoliberais españois están decididos a botarnos a todos. Unha dereita que aposta por unha loita de clases en estado puro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.