0 Gardados para despois

Pilar Peón

Cooperación internacional desde os concellos para garantir o acceso á auga

O acceso á auga limpa é esencial para vivir e hai suficiente auga doce no planeta para abastecer a todos os seus habitantes. No entanto, o reparto actual non é o axeitado e a escaseza do líquido elemento afecta a máis do 40% da poboación mundial

O acceso á auga limpa é esencial para vivir e hai suficiente auga doce no planeta para abastecer a todos os seus habitantes. No entanto, o reparto actual non é o axeitado e a escaseza do líquido elemento afecta a máis do 40% da poboación mundial. Un problema sobre o que Nacións Unidas chama a atención no Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6, de entre os 17 ODS fixados en 2015 polos Estados membros, co que avoga por “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todas as persoas”. Unha reivindicación que sacamos á palestra coincidindo co Día Mundial do Urbanismo, que hoxe se conmemora en aras de concienciar sobre o impacto que o desenvolvemento dos territorios ten sobre a sociedade e o medio ambiente.

A planificación dos asentos humanos ha de ser contemplada desde unha perspectiva global e os servizos de subministro e saneamento son clave nestes plans a longo prazo. As administracións locais teñen moito que dicir na súa implementación no eido municipal, pero tamén noutras latitudes onde a seca agrava a pobreza e a desnutrición. Así o fan preto dun cento de concellos, coma o de Silleda, e mais as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, participando no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Entre os últimos proxectos da entidade, cómpre destacar o levado a cabo na vila mozambicana de Nhamayábue, onde a construción de dous pequenos sistemas de abastecemento de auga contribuirá a reducir as numerosas mortes que se viñan producindo polos ataques de hipopótamos e crocodilos cando as mulleres ían encher as garrafas no río Zambeze. O acceso a auga potable mingua tamén a incidencia de doenzas como a diarrea, que cada día provoca o falecemento de máis de 800 nenos e nenas menores de cinco anos. O Fondo Galego está cofinanciando ademais actuacións de ONGD galegas neste eido en Guinea-Bissau, con Asemblea de Cooperación pola Paz, e en Honduras, canda Enxeñería sen Fronteiras. Iniciativas todas elas que teñen en conta a participación da comunidade na xestión dos recursos hídricos.

O Fondo Galego está cofinanciando actuacións de ONGD galegas neste eido en Guinea-Bissau, con Asemblea de Cooperación pola Paz, e en Honduras, canda Enxeñería sen Fronteiras

Nicaragua, Perú, Cuba e, sobre todo, Cabo Verde, son outros dos países onde o Fondo Galego ten actuado a prol do abastecemento auga e o saneamento, mesmo coa dotación de baños e latrinas. Unha acción da que calquera concello galego pode participar uníndose a esta rede municipalista, tendo en conta ademais que, de aquí a 2030 a ONU propón no ODS 6 aumentar a cooperación internacional e o apoio a países en vías de desenvolvemento para a creación de programas de captación de auga, uso eficiente da mesma, desalinización ou depuración. A día de hoxe, máis do 80% das augas residuais resultantes da actividade humana vértense nos ríos ou no mar sen ningún tratamento e aproximadamente un 70% de toda a auga extraída dos cauces, lagoas e acuíferos se empregan para regar.

Nicaragua, Perú, Cuba e, sobre todo, Cabo Verde, son outros dos países onde o Fondo Galego ten actuado a prol do abastecemento auga e o saneamento

O Dereito Humano á auga e ao saneamento foi recoñecido pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas en 2010, de xeito que “toda persoa ten dereito a dispoñer de auga suficiente, salubre, aceptable, accesible e asequible para o uso persoal e doméstico”. Cada unha e cada un de nós, pero tamén cada administración, pode tomar medidas para realizar un consumo racional, evitar a contaminación e protexer os ecosistemas vinculados á auga. Un xeito de actuar con impacto na nosa contorna inmediata, pero que tamén pode telo máis alá.

Publicidade

Acerca de Pilar Peón

Pilar Peón, concelleira de Benestar, Igualdade, Xuventude, Ensino, Sanidade, Normalización Lingüística e Comunicación Social do Concello de Silleda