Fake news: A Galicia que non debe a ninguén

Unha das características mais salientables do crecemento capitalista das derradeiras décadas, tanto na fase expansiva como na grande recesión, foi o crecente recurso ao endebedamento tanto privado como público. Recurso que lle permite as rendas de capital combinar a rebaixa salarial coa expansión do consumo para así garantir a súa ganancia. Características que quedaron en evidencia tanto na fase expansiva –cando se dispara a débeda privada- como posteriormente na grande recesión –tempo non que se disparan as débedas públicas e se reducen as débedas privadas en moitos casos por impagables- (FRANÇOIS CHESNAIS: “As débedas ilexítimas”. Edit. Clave intelectual) Unha dinámica a que Galicia non é allea, de ningures, entre outras razóns por carecer de políticas propias e distintas as neoliberais. 

Cando estourou a crise financeira (2008) quedou en evidencia en Galicia, como en toda España, que o grande problema de débeda era a débeda privada (familias, empresas e entidades financeiras), que non a débeda pública como intentaron convencernos as elites políticas e económicas e os seus altofalantes. Débeda que, segundo as fontes mais fiables, en España superaba os 3 billóns de euros (900.000 millóns correspondentes as familias, 1,2 billóns as empresas e 1 billón as entidades financeiras) equivalentes ao 265% do PIB, que multiplicaba por 7 a débeda pública (450.000 millóns equivalentes ao 39,5% do PIB) e que supuña o 87,5% da débeda total. Unha débeda privada que en Galicia, segundo cálculos propios, superaba o 200% do PIB galego (120.000 millóns de euros) repartida en partes equivalentes entre as entidades non financeiras (familias e empresas) e financeiras (maiormente as caixas) pero que multiplicaba por 30 a débeda pública autonómica (4.000 millóns equivalentes ao 6,7% do PIB) (*) e que supoña o 96,7% da débeda total.

Unha situación que cambiaría diferencialmente na grande recesión como consecuencia maiormente de tres factores: 1. Os rescates con fondos públicos das entidades financeiras con enormes problemas de liquidez (velaí, por caso, o creba das caixas galegas), 2. As duras políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial (que debilitaron a demanda), 2. O elevado apalancamento das entidades privadas (familias, empresas) incapaces, en moitos casos, de facer fronte as débedas. Agora o problema maior pasaría a ser a débeda pública sen que, nembargante, a débeda privada deixara de selo. Un feito diferencial nembargante relevante.

Un feito diferencial que reflicte como se produciu un importante recorte da débeda privada en España (2017) debido tanto a que unha grande parte da débeda das entidades financeiras pasou a ser débeda pública como a que as familias e as empresas non financeiras rebaixaron a súa enorme débeda (familias: 700.000 millóns de euros, empresas non financeiras: 900.000 millóns de euros). Aínda que non hai datos oficiais organismos solventes cifran a débeda actual da grande banca española por riba dos 700.000 millóns de euros, a pesar dos rescates. Isto daría unha débeda privada (2017) en torno a 2,3 billóns de euros equivalentes practicamente ao 200% do PIB. Pola súa parte a débeda pública española sitúase nos 1,15 billóns de euros equivalentes ao 98,5% do PIB. Un cambio diferencial relevante -67% débeda privada, 33% débeda pública- en relación a situación das débedas cando estourou a crise -87,5% e 12,5% respectivamente-.

En Galicia as débedas seguiron un camiño similar pois mentres se dispara a débeda pública que ascende (2017) a 11.210 millóns de euros (18,4% do PIB, 4.150 euros per capitá) as débedas privadas experimentaban unha forte redución  –especialmente por parte das entidades non financeiras- colocándose no 150% do PIB (95.000 millóns de euros). Un cambio diferencial relevante -88% débeda privada, 12% débeda publica- en relación a situación previa a grande crise -97%, 3% respectivamente-. A débeda pública en Galicia, como sucede no conxunto de España, pasou a ter un peso cada vez maior no conxunto da débeda.

Cambio diferencial que, nembargante, non modifica o modelo de crecemento económico instaurado logo do auxe do capital financeiro e que se basea nun endebedamento xeral. Por caso en España a débeda global apenas se modifica substancialmente a pesares dos elevados pagos feitos: 3,5 billóns no ano 2008 (312,5% do PIB), 3,45 billóns no 2017 (295% do PIB). Unha situación algo diferente ten lugar en Galicia cuxa débeda global si experimenta unha notable caída   -por mor do forte apalancamento nas débedas das entidades privadas non financeiras-: 120.000 millóns de euros no ano 2008 (205% PIB), 105.000 millóns no 2017 (175%PIB). O que realmente cambia, en ámbolos dous casos, é a dimensión do carácter público ou privado da mesma por mor de o estado terse feito cargo da débeda das entidades financeiras: débeda privada que se transformou en pública.

Realidade que segue marcada polo elevado peso das débedas e que desmente categoricamente os argumentos gobernamentais –neste caso da Xunta de Galicia- de non ter que pagar factura a ninguén. Moi ao contrario, a pesar dos pagos feitos …. os galegos/as non paramos (familias, empresas, administracións públicas) de pagar facturas (débedas) …. para negocio (auténtica estafa) da grande banca.

 

(*) En puro rigor, ao falar da débeda pública galega, teríamos que sumarlle a débeda autonómica a débeda das entidades locais: 650 millóns no ano 2008, 475 millóns no 2017. Cantidades que nembargante non modifican as teses do artigo senón que confirman o endebedamento xeral. Ben e certo que son as únicas entidades públicas que rebaixan, e de xeito considerable, o importe das súas débedas respectivas mentres que a Xunta de Galicia e o Estado español incrementan as súas correspondentes. Dato que evidencia como practicamente a totalidade da débeda pública pertence en primeiro lugar ao Estado central pero tamén a Administración Autonómica.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.