O exemplo do Centro Galego de Bruxelas

O Centro Galego (CG) de Bruxelas é titular dunha moi aquelada instalación de concertos e ventos, La Tentation, onde se desenvolven toda caste de actuacións. O sábado 8-D está previsto un concerto de varios artistas e grupos cataláns, mallorquíns (Valtonyc) e vascos (Kepa Junquera), promovidos pola asociación patriótica catalá CATGlobal, na súa sala Rosalía, que leva o nome da poeta nacional galega. Un concerto dedicado aos presos políticos cataláns e que tenta achegar cartos para esta finalidade.

Os CG, no noso País, son institucións privadas, mais partillan da rede da galeguidade no exterior, receptora de axudas públicas (Leis da Galeguidade do 1983 e 2013). Os CG constitúen unha urdime avantaxosa, con potencialidade abonda para representar con grande suceso ás nosas empresas e á nosa cultura, malia que dende o PPdeG só se saiba ollar cara elas como elementos de propaganda partidista.

O presidente Núñez Feijóo e máis o secretario xeral de Emigración do Goberno, o alaricano A.R. Miranda, han pensar que os CG todos do exterior, que adoitan vivir ( polo menos na Europa) en ecosistemas democráticos, son tan mandadiños como algunhas das institucións privadas galegas que adoitan semellar inertes perante a omnipresenza da Xunta de Galicia.

Cando na nosa Galicia  temos sociedade civil abonda para amosar outra caste de resposta diante destas agresións gratuitas ás liberdades da cidadanía, neste caso ás liberdades dos presos políticos e exiliados cataláns e ao dereito de decidir dos cataláns. Porque Galicia non quita beneficio ningún dunha actitude silente que semella pairar riba dos partidos, sindicatos e axentes sociais galegos despois das eleccións do 21-D, como se na batalla da Catalunya non estivésemos a xogar cuestión fulcrais para a cidadanía galega no ámbito dos nosos dereitos fundamentais e do noso dereito a decidir como nación.

En calquera caso, malia que o CG de Bruxelas perceba subvencións da Xunta (menos dun 1,5% do seu orzamento anual) non deixa de ser unha institución privada e independente, suxeita nomeadamente ás leis da cidade de Bruxelas e do reino plurinacional dos belgas.

A Galicia exterior vive, ás veces, fóra do alcance das gadoupas do Goberno galego. Neste caso por sorte.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.