Salario mínimo e desemprego xuvenil

Non rematara Pedro Sánchez de anunciar a intención do seu goberno de subir o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) aos 900 euros a partir de xaneiro do 2019 (actualmente está nos 736 euros polo que de levarse a cabo suporá a maior suba de sempre) cando a dereita política e social, así como os seus altofalantes que son maioría, saíron en tromba a criticar esta medida. Entre as razóns apuntadas polos críticos, os de sempre, están aquelas que van na dirección de que esta medida freará a alza do resto dos salarios, destruirá emprego e disparará o desemprego, especialmente, entre a xente moza.

Non resultan sorprendentes estas reaccións coñecendo o pensar e sentir das forzas políticas e sociais que se opoñen a esta medida. Pero vaiamos as evidencias e comprobemos, dada a súa relevancia, que hai de certo nesa afirmación dunha relación directa entre Salario Mínimo Interprofesional e desemprego: maior salario, maior desemprego. Analicemos, por caso, a situación nos estados da Unión Europea.

Segundo información contrastada (https://datosmacro.expansion.com/smi)  non todos os estados europeos contan con un SMI habendo ademais importantes diferenzas entre estes. Compre sinalar, por caso, que os estados escandinavos (Suecia, Finlandia e Dinamarca) non teñen un SMI e o mesmo sucede con Austria, Italia e Chipre. Quen si o teñen son por un lado Alamana (1.498 euros), Francia (1.498,5), Gran Bretaña (1.297), Holanda (1.578), Bélxica (1.562,6), Luxemburgo (1.998,8) e Irlanda (1.614) ademais de Portugal (676,7 euros), Malta (735), Eslovenia (805) e Grecia (683,8). Como podemos ver hai enormes diferenzas no importe entre os estados do sur (Portugal, España, Grecia, Malta, Eslovenia) e os do centro (Francia, Alamana, Países Baixos) a prol de estes últimos que mais que duplican o importe medio daqueles. Aínda que a partir do ano 2019 o SMI en España ascenda aos 900 euros seguirá estando moi por baixo da media dos estados europeos mais próximos. Claro está que, para os negativos, é un importe claramente superior a media nos estados europeos do Leste (Hungría, Chequia, Eslovaquia, Polonia, Bulgaria, Rumania….) onde non chega aos 500 euros. Non estaría de mais lembrarlles que tal SMI estará por baixo do 56% da mediana salarial en España e do 62% da mediana salarial galega.

Vexamos agora como está o desemprego xuvenil en cada un destes estados. Recollendo datos subministrados polas oficinas da Unión Europea (http://es.statista.com) atopamos o seguinte: 1. Os estados europeos que contan cun SMI mais elevado non son, de ningures, os que teñen maior desemprego xuvenil (Alemaña: 6,4%, Francia: 21,8%, Gran Bretaña: 11,8%, Holanda: 7,4%, Bélxica: 17%, Luxemburgo 14%, Irlanda: 13,5%). Nembargante os estados europeos cun SMI inferior si están entre os que teñen un mais elevado desemprego xuvenil (España: 36%, Portugal: 21,5%, Grecia: 42%) coa notable excepción de Eslovenia (9,9%). Compre tamén sinalar como particularidade que entre os estados europeos que no teñen un SMI establecido a situación é dispar: por un lado está Italia que ten un moi elevado desemprego xuvenil (32,5%) e por outro estados con menor desemprego xuvenil como por caso os escandinavos (Finlandia: 18,1%, Suecia: 16,6%, Dinamarca: 9,7%) e Austria (9,35) quen se ben non teñen un SMI oficial si gozan de elevados salarios vía negociación colectiva,

As evidencias empíricas non parecen dar a razón aos agoireiros: non hai, de ningures, base científica que demostre que se da unha relación directa entre SMI alto e desemprego xuvenil elevado. As razóns, loxicamente, son outras. Incluso mais ben parecera que a relación é inversa: un SMI decente (“living wage”) contribúe en grande medida a uns niveis de desemprego e pobreza baixos. Unha vez mais a dereita española, e galega, quedan en evidencia: non son os salarios elevados a causa principal do elevado desemprego en España e Galicia. As causas son outras como xa sinalamos no seu día.

Si, por caso, analizamos o sucedido en España, e en Galicia nas derradeiras dúas décadas nas que primeiro houbo unha fase expansiva (2000-2008) que logo dou paso a grande recesión (2008-2015) veremos como son outras as variables que inciden no desemprego xuvenil que, de ningures, teñen que ver co SMI. Variables que si teñen que ver coa marcha global da economía e que confirman as teses contrarias as da ortodoxia neoliberal: os períodos con baixo desemprego xuvenil coinciden coas fases expansivas da economía na que medran os salarios reais e, xa que logo, o salario mínimo. Polo contrario nas fases recesivas disparase o desemprego xuvenil ao tempo que o salario mínimo permanece practicamente estancado cando non diminúe.

Evidencias que sinalan que o emprego/desemprego xuvenil está mais directamente relacionado co nivel da demanda global: si cae a demanda cae a actividade e medra o desemprego xuvenil. Trátase, xa que logo, de incentivar a demanda mediante políticas expansivas que estimulen a produción e, xa que logo a demanda global de traballo.

Para que esta chegue a poboación moza non hai que abaratar os custos laborais e baixalos salarios senón mellorar tanto a cualificación profesional, que debe vincularse a actividade produtiva, como os incentivos que favorezan a incorporación dos/as mozos/as ao mercado laboral.

Solucións que nada teñen que ver con políticas de escravización dos/as traballadores/as mozos/as que xa están cobrando, os/as que teñen emprego, por baixo do SMI: segundo fontes sindicais o salario medio dos/as mozos/as galegos/as (34,5% de desemprego) rolda actualmente os 500 euros mensuais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.