0 Gardados para despois

Xesús Veiga

O uso dos recursos públicos

Hai poucos días certificáronse oficialmente, por parte do Banco de España, os resultados numéricos do rescate financeiro practicado polas autoridades gobernamentais seguindo as esixencias da Comisión europea e doutras instancias internacionais: dos algo mais de 54.000 millóns de euros destinados ao salvamento de 14 entidades financeiras estímase que serán recuperados uns 14.000 millóns. Ou sexa: o custe asumido pola facenda pública acadará unha cifra superior aos 40.000 millóns dende o 2009.

Coincidindo con esta información, soubose que ABANCA adquiriu por 364 millóns de euros a filial española da portuguesa Caixa Geral de Depósitos. Con esta operación, ficaba demostrada a boa saúde económica da empresa compradora e a súa capacidade para ampliar o negocio alén dos limites do territorio galego.

A pesar de que Bankia ocupa o primeiro posto no volume de axudas públicas concedidas, o vello Novagaliciabanco (que foi, como é coñecido,o nome resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova) figura nunha destacada terceira posición por mor da diferenza entre os mais de 9.000 millóns aportados polo FROB e os case 1.000 millóns recuperados no proceso de venta ao grupo Banesco.

Ao fío destes dados empíricos, pervive unha incógnita que non foi convincentemente clarexada polos xestores dependentes do goberno Rajoy nin polo goberno da Xunta: por qué se acelerou a privatización de Novagaliciabanco e non se agardou -como se está a facer no caso de Bankia- para facilitar unha maior recuperación dos recursos públicos utilizados no rescate? Os beneficios contabilizados pola actual ABANCA demostran que tiña sentido demorar a venta da entidade para evitar o burato nas contas públicas ao tempo que se revalorizaba a propia reputación do banco público. Por que se quixo facer caixa con urxencia, sen considerar as evidentes vantaxes do mantemento da entidade sucesora das Caixas no sector público?

Recentemente, unha ministra do goberno Sánchez descualificou unha eventual intervención da Administración pública nas factorías de Alcoa na Coruña e Avilés (aplicando un artigo do actual texto constitucional) afirmando que non estabamos nun réxime comunista. Calquera analista minimamente informado sabe que no sistema capitalista realmente existente os gobernos interveñen habitualmente nas economías a pesar de que algúns practiquen a hipocrisía de proclamar a súa identificación incondicional co libre mercado. O que está en discusión é o alcance e as características desa intervención. Con que obxectivos e a quen favorecen as regulacións que se establecen na vida económica.

Para quen teña dúbidas velaí están os casos prácticos recentes: Bankia, ABANCA, ALCOA. Por non falar do desastre das autoestradas que circunvalan Madrid salvadas polos recursos públicos que non se queren utilizar noutras vías de comunicación. Así se escrebe a vella historia da socialización das perdas e da privatización dos beneficios.

Publicidade

Acerca de Xesús Veiga

Economista