0 Gardados para despois

Xosé Manuel Sarille

O Congreso de Ronda. A autodeterminación da pobreza

É pouco coñecida a influenza do movemento catalanista nos outros procesos peninsulares de afirmación identitaria. En Galicia e Andalucía faltan estudos sobre a transferencia de conceptos, a adaptación de normas e a mímese social procedente de Cataluña ao longo dos séculos XIX e XX.

Explica Josep Pla que Romaní i Puigdengolas foi quen usou por primeira vez o termo rexionalismo. Rematara a Primeira República e cumpría escoller a palabra, porque a sutileza era moi importante naquela circunstancia. O catalanismo non podía chamarse a si mesmo  federalista, pois dese xeito vinculábase con Pi i Margall e era sinónimo do que el representaba:  o caos, o cantonalismo e a acracia da Primeira república. Isto é o que di o conservador Pla.

Os fabricantes e os comerciantes tampouco aceptaban falar de autonomía, porque lles facía pensar na campaña a favor da autonomía de Cuba e púñalles os pelos de punta.

Os seus intereses na illa eran enormes e entón catalanismo si, máis ou menos, pero colonialismo tamén, e nese caso pola graza de Deus e da Coroa española. Entón Romaní di rexionalismo, un vocábulo abondo radical como para contentar aos catalanistas da primeira hora e tamén sobradamente vago e inofensivo como para non escorrentar a ninguén. Non cómpre explicar que os galegos importaron o couso a partir de todo iso. 

O catalanismo adoptou formas políticas diversas, pero ademais dos comerciantes, interesa destacar a importantísima presenza conservadora de raíz tradicionalista, de grande predominio. O rexionalismo galego no entanto ten unha especial inclinación polas teses federalistas (á esquerda) e no andalucismo, até onde eu coñezo, que é pouco, o conservadorismo non se expresa en absoluto, porque a raíz federal informa todo o movemento. 

Un dos pais da patria catalá daquela época é Valentí Almirall. Nótase que este anglófilo escribe con pracer cando explica a ruína da Primeira República, e a do proudhoniano Pi: “Foi inenarrábel a necesidade que sentiron os republicanos deste país de adorar as nulidades máis profundas e pervertidas”. Pi non tiña ideas propias, segundo el, nin tampouco o máis mínimo sentido da realidade, non foi orixinal nin razoábel, estivo dominado por unha tendencia á abstracción tan permanente que só o feito de imaxinar que puidese gobernar demostra que o seu é un caso de fanatismo, de falta de crítica e de ignorancia indescritíbel. Para rematalo de dous disparos afirma que lle horroriza o concreto, a pesar de ter unha mentalidade estreita de “botigueret”, de tendeiro chato.

Non se pode entender o catalanismo sen ter en conta ese desengano coa Primeira República. Namentres, o andalucismo observa os particularismos dos vellos reinos cristiáns con moito interese e usa conceptos como rexionalismo e máis tarde a idea de nación (sempre como  táctica), pero mantén en todo momento os fundamentos federalistas, ácratas e  cantonalistas, pois baséase neles e proclámaos. Así o fan os órganos culturais e políticos e tamén o propio Blas Infante na súa obra teórica.

Algúns teóricos andalucistas actuais continúan a falar de municipio e cantón como bases da nación, ou do Ser, que é como Infante a define. É verdade que iso non se traduce nun movemento político (ou apolítico) e somentes fica escrito nos papeis e discutido nos ateneos e nas fundacións.

Aínda así hai estudosos que propoñen medidas concretas e convén coñecelas.

 

A Autodeterminación da Pobreza

No congreso da Fundación Blas Infante celebrado en Ronda a semana pasada, o profesor Joaquín Urías expuxo que a Asamblea de Ronda de 1918 son dúas ideas: Nación e fame, é dicir, suxeito histórico e reparto da riqueza. Que non hai nin houbo nación andaluza sen vinculala á pobreza, nin antes nin agora. Que en 1918, mentres se celebra a asemblea, as faeneras de Málaga están na rúa demandando pan porque a fame está matando os seus fillos. Todo é a mesma loita.

A semente de Ronda xermina en 1982 despois dun movemento de anos na rúa. Sérvelles para obter un estatuto de autonomía de primeira, como os de Cataluña, Euskadi e Galicia. Segundo Urías queren pasar de suxeito histórico a suxeito político reivindicando un autogoberno de primeira.

Mais non o conseguiron porque o modelo de país que é Andalucía decídese en Madrid.

Nun modelo federal non habería nada no referente ás competencias propias por riba do Parlamento andaluz. Por tanto Andalucía non é un suxeito político.

Arestora o sistema está en crise e vai caer polo modelo territorial, segundo a súa previsión. Andalucía non ten discurso para cando se cambie o modelo. (Galicia tampouco, podería engadirse aquí). Se outros demandan a autodeterminación, para a cal os andaluces non teñen en absoluto forza popular, os andaluces, di Urías, deben demandar a autodeterminación dos pobres (Sic).

Falar da distribución da riqueza dentro de Andalucía, facéndoa unha firme demanda popular, e dentro do modelo federal ditar as propias normas. O federalismo non é un modelo senón moitísimos modelos. O de Andalucía xa que logo non é o de esixir un referendo de autodeterminación inviábel e irreal, senón un estado federal, onde a nación dite as propias normas sen ataduras, para distribuír a riqueza e gobernar o propio.

A parábola que se forma é moi interesante.

 

Bibliografía

Francesc Cambó. Pla, Josep. Obra Completa, Volum 25. Edicións Destino 1973.
Joaquín Urías é profesor de dereito constitucional, foi letrado do Tribunal constitucional e membro da comisión negociadora do estatuto de autonomía de Andalucía de 2007.

Publicidade

Acerca de Xosé Manuel Sarille