0 Gardados para despois

Manuel Hurtado Sanjurjo

Aniversario da Muralla, outra oportunidade perdida

A Muralla de Lugo celebrou o venres 30 de novembro a súa maioría de idade como Patrimonio da Humanidade. Cumprir 18 anos con este recoñecemento mundial ás súas costas, significa moito para unha cidade que ten o privilexio de contar con tres bens con esa singulariedade.

Acadar que a UNESCO dera o seu visto bo a esta distinción, non foi unha tarefa doada. Ao contrario, precisou dunha unanimidade e dun esforzo colectivo do que só dúas décadas despois parece non quedar nin rastro.

Precisamente, a conmemoración deste aniversario, que podería supoñer unha excelente ocasión para devolverlle aos lucenses parte desa ilusión que sentiron aquel 30 de novembro do ano 2000, cando amenceron coñecendo a nova de  que tiñan un ben Patrimonio da Humanidade ás portas da súa casa, queda botado por terra, unha vez máis, pola improvisación e desdén co que se organiza todo dende a casa consistorial.

Coma de costume, o Concello deseñou un programa de actos pouco orixinal, escasamente ambicioso e que dificilmente nos involucrará os lucenses nunha conmemoración, que non honra como se merece ó noso emblema máis recoñecido fora da nosa cidade.

Ter deseñado unha boa programación, para lembrarlle ao mundo que temos unha Muralla Patrimonio da Humanidade, dende hai 18 anos, non  cremos que sexa tan difícil, só faría falla un pouco de previsión e gañas por situar a Lugo no circuito turístico de referencia. Unha boa fórmula para iniciar o camiño da recuperación da ilusión dunha cidade que precisamente necesita iso, ilusión, estímulos e vida.

Ogallá un cambio de tercio na próxima primavera, poida levar a cabo un proxecto que mire cara o futuro ca determinación de colocar a Lugo, a súa muralla, a súa catedral, o seu camiño e, sobre todo, a súa xente no lugar que lle corresponde en Galicia, en España, e no Mundo.

Publicidade

Acerca de Manuel Hurtado Sanjurjo

Manuel Hurtado Sanjurjo (Lugo, 27/06/1984) é candidato á Alcaldía de Lugo por Compromiso Por Galicia. Licenciado en Xornalismo, Mestre e Adestrador de Atletismo Nivel III, coñecido polos seus éxitos deportivos como atleta profesional dende o ano 2001.