Proceso electoral en En Marea

Na estela do recente plenario  e con vistas ao vindeiro proceso electoral téñense escoitado certas afirmacións e argumentacións que merecen unha reflexión:

1, Que a derrota no plenario das teses oficialistas debéronse a que unha mesa vencedora por só tres votos concedeu a entrada a un número inmenso de xente que influíu decisivamente no resultado final.
2, A dirección actual é plural e representa a unidade.
3, A lista da dirección non é produto dunha negociación de cúpulas de partidos, senón que é produto de....
4, A proposta da dirección actual é a “galeguista”, a centrada no país, por canto o outro proxecto significa ceder a dirección de En Marea a axentes políticos externos a Galiza (suponse que a Pablo Iglesias, como xa veu dicer nunha entrevista o mesmo Luís Villares).

1, É falso que a mesa (por certo, máis lexítima se gañou por tres votos que a que perdeu por tres votos, que parece que é ao revés)  “deixou entrar a toda esa xente”. A nova mesa o que fixo foi deixar nas mans da asemblea que se permitise ou non entrar a todos aqueles que puidesen xustificar a súa intención de inscribirse e que non o puideron facer por problemas técnicos. Quen decidiu foi a asemblea e non a mesa.
E a asemblea decidiu, por máis de 60 votos de diferenza, que os que puidesen acreditar o anteriormente indicado puidesen entrar. Isto é, sen contar esas incorporacións, xa había unha maioría clara da confluencia crítica.

Pero non só aconteceu nesa votación. Nas votacións realizadas antes do cambio de mesa (e, por tanto, de que se suscitase a cuestión aludida, antes da incorporación “de toda esa xente”), a confluencia crítica gañou todas as votacións sobre as emendas presentadas por ela. É máis, a mesa saínte obrigou a votar sobre o documento xa emendado, e a aprobación do documento coas emendas aprobadas superou en máis de 50 votos aos que rexeitaban o documento coas emendas aprobadas xa (e isto tamén pasou antes de que “entrase toda esa xente”).

Logo, é falso dicer que a entrada “de toda esa xente” influíu decisivamente no resultado final.

2, E precisamente é falso a pretendida, retóricamente, pluralidade. Como se pode dicer que é plural e representativa de “todas as sensibilidades” cando non hai máis que membros de tres correntes na mesma, mentres que non hai ninguén das outras correntes (anova, eu, podemos, maioría das mareas municipais, incluíndo as que posúen a alcaldía)? Semella bastante claro que a confluencia crítica é bastante máis plural que a dirección actual.

A chamada reiterada á unidade de Luís Villares o é en base ás súas proposta e o seu modelo organizativo; se o apoian hai unidade, e como temos que estar pola unidade hai que apoialo, insiste; pero sobre iso non hai unidade. O que hai son maiorías e minorías. E así quedou patente nas eleccións, en que uns cantos: presentáronse cun proxecto (maioritario) e logo avalaron outro (minoritario).

Iso si, todo o fixeron en nome da “unidade” e “pluralidade”. Ao final, xa se sabe canto ten de plural a dirección e canto de falaz ten a recorrente reclamación de “unidade e pluralidade”. Ao final, o que está claro é que Luís Villares é portavoz polos votos das listas minoritarias e dos tránsfugas da lista que era a maioritaria, incluído el. É dicer, na lista pola que el se presentou non se defendía a súa portavocía; e el, como formando parte desa lista, non a defendía. Pero acabou sendo portavoz. E logo parécelle estraño que quedase “no imaxinario popular que eu negociara con esas listas para ser voceiro” (como “se laiou” nunha recente entrevista).

3, Está claro que as listas son produto da negociación entre as forzas que se integran nesa lista; polo tanto, se hai dous grupos de forzas, pois os dous grupos de forzas negociaron para a constitución; tanto nun caso como noutro. Ou senón como se constituíu a lista que abandeira o actual portavoz? Pois está claro, negociaron representantes das tres forzas que apoian a actual dirección. Da mesma maneira, as forzas que conforman a confluencia crítica negociaron para conformar esa lista; e todo o mundo sabe quen está detrás de cada. Da intelixencia política de cada grupo está a capacidade para abrirse a grupos ou persoas independentes e poder integralas nas respectivas listas.

Ou acaso, tampouco, o actual portavoz, non negociou con ninguén, con ningunha cúpula partidaria, o acceso a ese cargo, á portavocía? Está claro, e ademais non podía ser doutra maneira, que negociou cos representantes das dúas candidaturas que se enfrontaron á súa; e, como xa dixemos, curiosamente, como resultado desas negociacións, modificáronse minorías e maiorías non en función do proxecto defendido, senón “de escuros intereses”, que acabaron dando o resultado coñecido a xa comentado.

4, Resulta abraiante, por non utilizar outro termo máis axeitado, a crítica á “intromisión” de Podemos e o recurso á “galeguidade” dunha lista fronte das dependencias españolas da outra.

A ver. En Marea, como se ten dito reiteradamente en todo proceso electoral ante a cidadanía, é unha forza política plural, na que prima o carácter de esquerda sobre identificacións patrióticas, nas que prima o proxecto sobre afirmacións identitarias; pois ben, semella que, mesmo algúns que dixeron iso, non o crían.
Se dentro de En Marea hai organizacións políticas de ámbito español e que, polo mesmo, teñan a autonomía que teñan no ámbito galego, está claro que hai, por parte desas forzas, que son Esquerda Unida e Podemos, unha dependencia das súas políticas respecto das políticas globais a nivel de Estado. Pero iso é así se hai acordos con forzas que non son soberanas galegas. A intelixencia política dos dirixentes estatais desas forzas concederalles máis ou menos autonomía nas decisións políticas en función das características da loita de clases no país; ou non o farán. É cousa de intelixencia política.

Pero o que é absurdo, ridículo e demagóxico é defender o proxecto de En Marea  e logo queixarse de que hai “intromisión” de partidos de ámbito estatal nas decisións de “En Marea”. Pero é que ese partidos están apoiando o proxecto “En Marea”. Ou acaso o que pasa é que se queren os seus votos, pero que estean caladiños e que deixen facer á dirección o que lle pete? Acaso molesta que esas organizacións formen parte da confluencia crítica? Acaso o que molesta é que se implicasen no último plenario e, polo tanto, os resultados fosen os que tiñan, razoábelmente, que ser, en función das maiorías e minorías reais, e non en función de acordos “cupulares” (Villares e as cúpulas dos minoritarios) para retorcer os resultados dunha votación e, por tanto, dun proxecto que recibira o apoio maioritario?

Pero é que, ademais, é falso, rotundamente falso, que a existencia de organizacións políticas de ámbito do Reino de España apoiando o proxecto “En Marea” e, polo tanto, integrando á súa afiliación no proxecto, signifique que as decisións se van tomar fóra do país. Non. “En Marea” é unha organización galega, de ámbito galego, e de soberanía galega; e as decisións que se tomen en “En Marea”, nos seus órganos políticos, tómanse nos seus órganos políticos, non en ningún outro sitio.

Que nesas decisións poden influír proxectos políticos de ámbito do Reino de España está claro; pero xustamente facendo propostas e tomando decisións nos órganos de “En Marea”, non en ningún órgano de ningunha outra organización política. Así é como se asegura que as decisións se toman no país, mediante a existencia de organizacións nacionais soberanas, como é “En Marea”, pero na que poden participar persoas porque coinciden co proxecto estratéxico, non porque asuman ningún identitarismo nacional, senón un proxecto, que é, por iso, un proxecto de país.

Semella que hai que repetir o evidente: é precisamente ese, o da integración da esquerda española nun proxecto nacional, de ámbito galego, o sinal de identidade fundamental do proxecto “En Marea”; e co que iso implica de defensa dos dereitos nacionais galegos; e co que iso implica de que as decisións políticas se toman nos órganos propios e soberanos desa organización: nos órganos de “En Marea”.

E se alguén pensa que por estar nese proxecto persoas que están vinculadas a organizacións do ámbito do Reino de España xa non está asegurada a soberanía nacional decisoria, ou sexa, que ten moita desconfianza dos órganos de “En Marea”, xa sabe o que ten que facer. Esa outra opción xa existe e todos sabemos como se chama: BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.