0 Gardados para despois

Orlando Saavedra

Impulsar o crecemento económico, pero non a calquera prezo

O traballo decente é un dos elementos clave para frear as inxustizas neste proceso de globalización no que a sociedade se atopa inmersa.

O traballo decente é un dos elementos clave para frear as inxustizas neste proceso de globalización no que a sociedade se atopa inmersa. Pero, que se entende por un “traballo decente”? O emprego digno implica que todas as persoas teñan a oportunidade de realizar unha actividade produtiva que lle reporte ingresos xustos, seguridade no lugar de traballo e a protección social derivada del, ao tempo que ofreza mellores perspectivas de desenvolvemento persoal e favoreza a integración social. O problema non está só entón en crear emprego, senón tamén en que este sexa de calidade, e así o recolle o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 8 aprobado polos Estados membros de Nacións Unidas, que avoga por “promover un crecemento económico sostido, inclusivo e sustentable, o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as persoas” no horizonte de 2030.

Esta fin de semana conmemorouse o Día Internacional para a Abolición da Escravitude, un termo que podería considerarse desterrado pero que por desgraza segue vixente nas súas formas tradicionais e modernas. Estímase que uns 204 millóns de persoas se atopan desempregadas en todo o mundo, pero tamén acontece que uns 780 millóns daquelas que traballan non gañan o suficiente para saír da pobreza. Ademais, uns 25 millóns de persoas se atopan atrapadas no traballo forzoso, cando menos a quinta parte delas vítimas da explotación sexual. Calcúlase asemade que 152 millóns de nenas e nenos están suxeitos ao traballo infantil -un 38% realizando tarefas perigosas-, principalmente en África, o que implica en moitos casos que fiquen á marxe do sistema educativo. Investir en formación é precisamente unha das vías para evitar esta lacra.

Estímase que uns 204 millóns de persoas se atopan desempregadas en todo o mundo, pero tamén acontece que uns 780 millóns daquelas que traballan non gañan o suficiente para saír da pobreza. Ademais, uns 25 millóns de persoas se atopan atrapadas no traballo forzoso

A desigualdade de xénero é outro dos aspectos a ter en conta, pois segundo os datos da ONU a fenda salarial sitúase nun 23% a favor dos homes. A participación da muller na poboación activa é do 63% fronte ao 94% deles, e, pese á crecente presenza das donas na vida pública, o certo é que seguen a facerse cargo 2,6 veces máis do coidado de persoas non remunerado e dos labores domésticos. Outro caso grave é o da xente nova e o das persoas migrantes ou con discapacidade, de xeito que se produce un progreso lento e desigual, e xa non digamos cando se aúnan varias destas circunstancias. Cómpre pois que o crecemento económico se combine cun reparto máis equitativo da riqueza e sempre de maneira sostible, sen menoscabar os dereitos laborais, sen danar o medio ambiente e favorecendo unha produción e consumo eficientes dos recursos.

O Fondo Galego ten contribuído a fomentar o turismo de base comunitaria en países como Nicaragua ou Cabo Verde

É por iso que o ODS 8 aposta por mellorar a produtividade con base na innovación, apostando por políticas que fomenten a creatividade e o emprendemento, apoiando as microempresas e as pemes mesmo a través do acceso a servizos financeiros. O turismo sostible, que promova a cultura e os produtos locais, é un dos sectores nos que se focaliza a nova axenda internacional do desenvolvemento para a creación de emprego e no que se envolve tamén o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, rede integrada por un cento de administracións locais e provinciais da que o Concello do Barco de Valdeorras forma parte. O Fondo Galego ten contribuído a fomentar o turismo de base comunitaria en países como Nicaragua ou Cabo Verde, tanto financiando proxectos de cooperación específicos como enviando persoal técnico dos municipios a intercambiar experiencias cos seus homólogos sobre o terreo, a través do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo. Pequenas achegas que nos permiten aos concellos contribuír ao cumprimento dos ODS.

Publicidade

Acerca de Orlando Saavedra

Orlando Saavedra, concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Barco de Valdeorras.