O medo vota

Case dez millóns de persoas no conxunto do estado atópanse en risco de pobreza, e concretamente en Andalucía o 41,7% da poboación atópase nesta situación segundo datos de EAPN

Quen non tivo medo algunha vez? Segundo a Real Academia Galega, o medo é o “sentimento de inquietude que se experimenta ante a presenza, real ou imaxinaria, dun perigo.” Eu, polo menos, tiven medo moitas veces na miña vida e estou certo de que terei medo outras moitas veces mais.

O medo a quedar sen traballo, sen casa, sen cartos, ou, en definitiva, a non ter unha vida digna afecta a millóns de persoas no Estado español. Case dez millóns de persoas no conxunto do estado atópanse en risco de pobreza, e concretamente en Andalucía o 41,7% da poboación atópase nesta situación segundo datos de EAPN.

As eleccións andaluzas foron un baño de realidade para todo o mundo. Ese baño de realidade mostrou como a ultradereita de Vox irrumpiu no Parlamento de Andalucía con 12 deputados e case o 11% de votos. Foi un golpe moi duro para a esquerda, que viu como unha parte do electorado de clase obreira depositou a súa confianza nun partido que promulga o peor da condición humana: o odio e a intolerancia.

Entón podemos dicir que hai 400.000 fascistas en Andalucía? Eu penso que non. Nestes días lin e escoitei moitas análises sobre as eleccións andaluzas tan simplistas que son unha mostra do grande problema que ten a esquerda para chegar á clase obreira. A culpa do ascenso de Vox non é dos seus votantes.

Se non garantimos a existencia material digna da cidadanía non seremos quén de combater o fascismo e perderemos á xente do común que cada vez ten menos e cae na trampa das mentiras da ultradereita

Por unha banda, temos a PP e Ciudadanos pelexando por liderar a dereita, e nesa loita apareceu un discurso que Vox levaba moitos anos defendendo. Coma sempre, a xente prefire o orixinal á marca branca, malia que o PP e C’s están a facer un gran traballo para parecerse a Vox. Pola outra banda, unha esquerda que non foi capaz de ofrecer unha alternativa que interesara á xente do común. Esa xente que non entende as referencias a Juego de Tronos ou por que as únicas novas que lle chegan son sobre liortas internas polo poder.

O populismo sabe como apelar ás emocións, especialmente o medo. Vivir na corda frouxa fai que ese instinto primario de supervivencia se active cando o discurso xenófobo de Abascal chega ós seus oídos. 

O antifascismo é amor polos demais. Ese amor que temos pola nosa xente debe chegar ás maiorías. A esquerda ten a responsabilidade de recuperar a confianza da xente do común

De que serve que na Constitución española figuren dereitos que non son garantidos? Onde están o dereito á vivenda, ó traballo, á remuneración suficiente ou á dignidade? Acaso vivir con 400 euros ó mes pode considerarse digno? Se non garantimos a existencia material digna da cidadanía non seremos quén de combater o fascismo e perderemos á xente do común que cada vez ten menos e cae na trampa das mentiras da ultradereita.

O antifascismo é amor polos demais. Ese amor que temos pola nosa xente debe chegar ás maiorías. A esquerda ten a responsabilidade de recuperar a confianza da xente do común. Aínda estamos a tempo, non está todo perdido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.