Aínda que non queiran

É xusto recoñecer o esforzo dos demais, pero no noso país hai representantes públicos que se negan a isto por sistema. Uns por simple ignorancia (o Partido Socialista non ten actualmente representación en Xove e, cando a tiña, era como se non a tivera) e outros por verdadeira malicia (o Partido Popular, en todos os eidos, é a formación política máis corrupta de Europa).

Para unha mellor ilustración do que estou a falar, direilles que na páxina 58 da acta plenaria do día 18/08/2014 quedou recollida a solicitude formal do grupo municipal nacionalista para que o Goberno municipal de Xove xestionara a creación do Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás. Nesta iniciativa propuxemos conservar a rampla de remonte, a plataforma de despece e as instalacións de procesamento do aceite (deixando estes dous últimos emprazamentos ao aire tras proceder á derruba da factoría). O noso traballo como oposición consistiu nunha valoración rigorosa deste tema, onde incluso nos estrevistamos con algunhas antigas traballadoras da Baleeira de Morás. O resultado foi que, dende o BNG de Xove, instamos a que se promovera unha área etnográfica en Morás na que figuraran paneis informativos. De feito, o equipo de goberno local fíxonos preguntas no Pleno coa finalidade de ilustrarse sobre esta proposta. Tamén puidemos constatar con tristura que a única suxestión do PP de Xove era a de botar abaixo as instalacións da baleeira e facer unha “zona verde e un parque”. A nosoutros a simpleza desa actuación pareceunos un auténtico crime patrimonial.

Quixera facer fincapé en que fomos nós os que promovimos o Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás. Que tamén fomos nós os que propuxemos os paneis informativos. Que mesmo lles advertimos que deberían conter información sobre o xeito no que as baleas eran remontadas cuns ganchos espetados no lombo do cetáceo. Así como sobre a maneira de realizar o esfolado e despece do animal polos homes, calzados cuns zocos especiais con cravos. Que despois se procedía a separar o magro da graxa, recortando grandes anacos para levalos a fundir. E que, para rematar, pasaban a carne destes mamíferos mariños a unas mesas altas onde as mulleres a triscaban e a envolvían cunha rede. Por último, os do PP tampouco sabían que na baleeira de Moras se conxelaba a carne mentres agardaban a chegada dos camións para transportala ata Vigo, dende onde se procedía á súa posterior distribución internacional.

Foi moita a xente de toda a Mariña que traballou na Baleeira, por iso nos escornamos para que se promovera a colaboración coa veciñanza que traballou na fábrica co obxectivo de facela partícipe da creación do Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás, incluso sendo conscientes de que o noso esforzo sería rendibilizado unha vez máis por quen non o merece. Así a todo, diante desta nova ausencia de ideas do Goberno local, centrámonos en evitar que este destacado ben de interese social e industrial ficara no esquecemento tras a recuperación da súa titularidade pública.

Xa sei que en Xove temos o que nos merecemos. Seino. Pero tamén sei que é de xustiza darlle a César o que é de César e a Deus o que é de Deus. Queiran ou non.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.