As raíces na terra e o foco na vontade

Non están os tempos pra andar a enredar con lerias dificilmente descifrables por calquera cidadán alleo á tradición do nacionalismo galego. Mais, baixo o convencemento de que as nosas teimas poden acabar sendo asumidas no servizo á democracia, o progreso e o benestar, permítanme hoxe darlle algunhas voltas ó tema. Como galeguista, déixenme humildemente dirixirme ós galeguistas actuais e futuros, pra os motivar a facer do galeguismo unha ferramenta útil con apoio e prestixio social.

Habemos de recoñecer tamén que obxectivamente o nacionalismo galego nunca foi quen de gañar a confianza da maioría social galega

Ben, se partimos de asumir as seguintes realidades ben obvias e constatables :

i. Estamos na obriga de renderlles agradecementos ós irmáns que foron quen de manter vivo o noso movemento político ata os nosos días, levándoo a ocupar ó menos nunha ocasión o segundo lugar no apoio eleitoral dos galegos e galegas e mesmo a co-gobernar o país durante dous diferentes períodos. Mais, por outra banda, habemos de recoñecer tamén que obxectivamente o nacionalismo galego nunca foi quen de gañar a confianza da maioría social galega. O nacionalismo galego non soubo, ou se cadra non quixo, incluír dentro dos seus marcos a determinados sectores que son fundamentais nas dinámicas dunha sociedade occidental moderna, e tampouco foi quen de se presentar socialmente como debería, como a máis útil ferramenta pra o desenvolvemento económico de Galicia e o benestar dos galegos e galegas. Así é que, despois de máis de 3 décadas de errática traxectoria, atopámonos hoxe nunha situación crítica pró noso movemento: co nacionalismo político esgazado, cun apoio eleitoral ó redor dun escaso 16% e cunha percepción social do nacionalismo galego realmente estragada.

ii. As enquisas do II Barómetro Autonómico do CIS revelan que, ó tempo que o orgullo de ser galego segue a predominar en Galicia sobre o de ser español (pregunta 22), tanto o sentimento exclusivamente español como o sentimento exclusivamente galego diminuíron nos últimos anos, deixando un 68% que se sente tan galego coma español, un 6,5% que se sinte só ou máis español e un 24,01% que se sinte só ou máis galego (pregunta 48). Do mesmo xeito, a preferencia ben por un sistema centralista ou ben pola independencia de Galicia tamén son minoritarias, situando ó desexo maioritario dos galegos e galegas en posicións intermedias entre ámbalas dúas (pregunta 46). Xa que logo, podemos concluír que a sociedade galega non interpón ningún tipo de barreira á identidade ou soberanía de Galicia, máis ben observamos como unha ampla maioría amosa unha clara ambigüidade ou indiferenza ó respeito, agardando a ser convencida por unha ou outra opción.

iii. O nacionalismo galego como movemento político, se non o comparamos con casos de militancia masiva como os 30.000 afiliados do PNV en Euskadi, ten a deshonra de ser un dos movementos con menor proporción votantes/militantes de toda Europa. Con arredor de 8.000 militantes rexistrados no 2009, os partidos nacionalistas galegos non pasaron dos 270.000 votos. Ademais, non foron quen de convencer nen tan sequera a ese 24,01 % que se sinte máis galego ca español, non pasando na última convocatoria eleitoral do 16% dos sufraxios. Logo, podemos concluír que hai ampla marxe para a mellora, tanto en termos de eficacia como de eficiencia.

Nós, os que coidamos que o nacionalismo galego pode acadar unha expresión maior, só podemos aceptar a responsabilidade de cruzar o noso particular Rubicón

Ante a situación de partida que enfrontamos, nós, os que coidamos que o nacionalismo galego pode acadar unha expresión maior, só podemos aceptar a responsabilidade de cruzar o noso particular Rubicón. Non nos queda outra que alumear un novo xeito de facer nacionalismo galego, un novo paradigma que se adapte pra satisfacer os problemas da realidade que enche o país, pra abonar a terra e mellorar a colleita da nosa sementeira. Nos próximos lustros, o galeguismo ben poderá redefinir con firmeza o seu discurso e estratexias pra seducir a esa maioría indiferente, ou ben poderá observar pasivo como esfarela calquera posibilidade de subsistencia da identidade galega. Estamos na encrucillada, próximos a un punto de non retorno, e non debemos dubidar escoller a primeira das opcións.

Nos próximos lustros, o galeguismo ben poderá redefinir con firmeza o seu discurso e estratexias pra seducir a esa maioría indiferente, ou ben poderá observar pasivo como esfarela calquera posibilidade de subsistencia da identidade galega

Galicia é unha nación natural, mais por moito que nos apoien unha historia, unha cultura, unhas tradicións comúns e unha lingua propia e milenaria, non seremos nin deixaremos de ser unha nación política porque nós agora teimemos en anuncialo. Así, administrando as nosas conviccións nacionalistas nunha sociedade como a galega, tan complexa e poliédrica, na que son dominantes as reservas e ambigüidades do individuo ante a identidade coletiva, cómpre sermos conscientes de que aquilo verdadeiramente radical é só aquilo que teña viso de tornarse posible. 

Hai que mudar a afirmación pola sedución; debemos seguir o vieiro que, co apoio dos argumentos da razón e a lírica da nosa identidade, nos leve a motivar ó pobo galego a unirse no orgullo de formar parte dunha nación milenaria e no convencemento de que máis soberanía galega implicará un mellor goberno, un maior progreso e benestar e unha máis xenuína democracia. Cando iso aconteza, será o pobo quen se teña salvado a si mesmo e xa nin fará falta que nós o anunciemos, Galicia xa será de facto unha nación.

Atoparemos referentes dabondo se recompoñemos pontes sobre a inmensa fenda aberta coa tradición do galeguismo do primeiro terzo do século XX

Amalgamando un amplo espectro do galeguismo, capaz de representar o latexar da sociedade galega, acreditemos logo no nacionalismo cívico como ferramenta. Sinxelamente partindo de afirmar sermos o que somos, avoguemos por aquelas posturas que nos faculten pra exercermos como simples catalizadores da suma das vontades individuais de cada un dos galegos e galegas; apostemos por aquel discurso que nos habilite pra os acompañar en positivo, en clave de utilidade, e motivalos a expresar conxuntamente a súa vontade nacional coletiva, en sentido galego e de xeito espontáneo e libre.

Atoparemos referentes dabondo se recompoñemos pontes sobre a inmensa fenda aberta coa tradición do galeguismo do primeiro terzo do século XX, ou recollemos as lecións deitadas polo éxito dos partidos nacionais doutras nacións sen estado da Europa.

É o momento de inequivocamente afastar da nosa praxe nacionalista o discurso excluínte, propio do nacionalismo dirixista e defensivo que só sabe moverse nun contexto de suma negativa

É momento de que aqueles nacionalistas galegos que verdadeiramente anceiamos gañar a confianza da maioría social galega, nos atrevamos a reafirmar a nosa quita daqueles vicios que nos limitaban e fagamos un vieiro propio. É xa a hora de librármonos dese síndrome “quixotesco” que só fai ver xigantes onde hai muíños, é o intre de separarse do aloumiñeiro Morfeo e sandarse desa crónica abstracción dos ritmos reais da sociedade galega, é o momento de inequivocamente afastar da nosa praxe nacionalista o discurso excluínte, propio do nacionalismo dirixista e defensivo que só sabe moverse nun contexto de suma negativa.

Só tornaremos a indiferenza en adhesión se nos limitamos a explicar que modelo de país propomos e por que acreditamos en que unha ampliación do poder galego implicará máis oportunidades cidadás e democracia, un maior progreso económico e maior benestar prós galegos e galegas. Debemos explicar porque a lei e a orde galega han de saír só da terra galega. Debemos explicar porque será mellor para todos cobrar os noso impostos aquí; porque
só unha reforma da administración local e da lei eleitoral pensadas en e pra Galicia permitirannos aforrar millóns de euros e limpar partidos e institucións.

Debemos explicar para que sirve ter unha lingua propia e internacional como o galego; porque estamos no centro do mundo das comunicacións e porque son posibles uns mellores sistemas portuario, ferroviario e aeroportuario centrados en Galicia

Debemos explicar pra que sirve ter unha lingua propia e internacional como o galego; porque estamos no centro do mundo das comunicacións e porque son posibles uns mellores sistemas portuario, ferroviario e aeroportuario centrados en Galicia. Debemos estar ó carón dos empresarios e industriais pra
explicarlles porque maior autogoberno e peso político en Galicia suporá máis estímulo ós sectores estratéxicos da economía galega; ó carón dos protagonistas do coñecemento e da iniciativa pra explicarlles como poderán triunfar aquí.

Debemos estar ó carón dos traballadores e dos excluídos pra lles explicar que só o galeguismo poderá conducirnos a unha revitalización económica que traia máis traballo; pra lles explicar que só o galeguismo poderá satisfacer as necesidades dos discriminados e asegurar o mantemento duns servizos do benestar que atendan á realidade demográfica e social galega. En definitiva, debemos ser os que máis e mellores análises e solucións proporcionen ós problemas reais do país, e ese ha ser o noso xeito de sermos nacionalistas galegos, o xeito pra unha nova doutrina galeguista no século XXI.

Debemos estar ó carón dos traballadores e dos excluídos pra lles explicar que só o galeguismo poderá conducirnos a unha revitalización económica que traia máis traballo

Botar man da argumentación activa que sinale o camiño do progreso requirirá de máis esforzo que a simple melancolía; mais cando fagamos de Galicia a nosa tarefa, pouco preocupará xa o atraso. Que non falten os folgos nen a valentía; con compromiso, imaxinación, traballo, traballo e máis traballo, aínda será posible determinar o noso propio futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.