0 Gardados para despois

Amigos da Terra

Medio Ambiente, grande esquecido na cooperación ao desenvolvemento

Ninguén cuestiona xa a relación entre a degradación de medio ambiente e o empobrecemento. Calquera proceso de mellora da calidade de vida, de fortalecemento das actividades produtivas dunha comunidade ou de soberanía e seguridade alimentarias, por citar só algúns dos máis habituais no eido da cooperación ao desenvolvemento, precisan ser medioambientalmente sostibles e respectuosos co entorno. Non podemos mellorar a calidade de vida dunha comunidade se os recursos naturais dos que dependen para a súa supervivencia están degradados ou condenados a esgotarse. Se esta é a realidade, refrendada ademais polo recoñecemento da sustentabilidade ambiental como prioridade sectorial e transversal nas declaracións e normativas de referencia no eido da cooperación, tales como os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio ou a lei galega de cooperación... cando empezaremos a actuar en consecuencia?

Non podemos mellorar a calidade de vida dunha comunidade se os recursos naturais dos que dependen para a súa supervivencia están degradados ou condenados a esgotarse

Aceptando que o reparto de recursos entre os sectores de actuación da cooperación é un bo indicativo da importancia ou prioridade que se lles outorga a cada un deles, está claro que o medio ambiente sempre sae perdendo. Os recursos destinados a actuacións para a sustentabilidade ambiental foron historicamente unha pequena parte do orzamento, que se repartía, e se reparte principalmente, entre unhas poucas partidas realmente prioritarias (cobertura de necesidades sociais básicas , infraestrutura e promoción do tecido económico ou bo goberno e construción da paz).

Se as expectativas ou obxectivos respecto á cooperación en materia ambiental xa son de por si pobres, o incumprimento dos mesmos e as tendencias observadas nos últimos anos empeoran o panorama. O último Plan Director 2010-2013, instrumento de referencia para a execución da Axuda ao Desenvolvemento (AOD) galega fixa como porcentaxe obxectiva para destinar ao sector da xestión sustentable un pobre 4% do total orzamentado, unha cifra que nin sequera se chega a cumprir (o pasado ano se executou un 2,34% sobre o total). Se imos máis aló e botamos a vista atrás, comprobaremos que, ademais, este Plan Director reduce nun 3% o límite que se establecía no anterior Plan. O feito de que a sustentabilidade ambiental sexa case o único sector no que se reduce a porcentaxe proposta en canto ao reparto de recursos, nun contexto no que os restantes sectores manteñen ou incluso aumentan os mínimos prefixados, déixanos ver a realidade de que, na práctica, o medio ambiente non conta, non é un obxectivo real, senón só un eido máis a atender unha vez cubertas outras prioridades.

Esta é a situación real da sustentabilidade e a cooperación ambiental, unha contradición entre os discursos e os feitos, un mero recoñecemento en papel que non conta cos recursos precisos para convertelo en realidade

Por outra banda, a hipotética transversalidade da sustentabilidade ambiental en todas as actuacións de cooperación, sexa cal sexa o sector en que se enmarque, redúcese na práctica a algunha acción illada ou a introdución de “linguaxe verde” nos proxectos co obxectivo de cumprir uns mínimos requisitos formais impostos polas administracións.

Esta é a situación real da sustentabilidade e a cooperación ambiental, unha contradición entre os discursos e os feitos, un mero recoñecemento en papel que non conta cos recursos precisos para convertelo en realidade e unha cuestión clave cuxa importancia non é interiorizada polos axentes do sector. Falamos de conceptos como desenvolvemento sostible ou gobernabilidade global sen asumir que para acadalos necesariamente temos que afrontalos dende o enfoque ambiental e que calquera cooperación que non se sustente nesta base, clave para a súa perdurabilidade, está condenada ao fracaso. É urxente pois un cambio de rumbo que nos permita actuar en consecuencia, asumir a nosa responsabilidade para co medio ambiente e, polo tanto, para coa humanidade. Só deste xeito, poñéndoo en valor e revertendo estas tendencias, poderemos lograr que as nosas actuacións en cooperación fomenten un desenvolvemento humano e duradeiro.

Acerca de Amigos da Terra

Amigos da Terra é unha organización laica que actúa para acadar sociedades perdurables, protexendo o medio e compartindo os recursos do mundo. Forma parte de Friends of the Earth International, que ten grupos en 66 países e un millón de socias/os. En Amigos da Terra concéntranse os esforzos en traballar o consumo sustentable, a xestión de residuos, a conservación e usos da terra, os temas de cambio climático e a cooperación para o desenvolvemento. Ademais conta con dous recursos básicos; o Centro de Educación Ambiental As Corcerizas, na Serra de San Mamede, que se rexe por principios de bioconstrución e enerxías renovables; e o servizo de asesoría xurídica, información e educación ambiental. Dende 1998 está integrada na Coordinadora Galega de ONGD