0 Gardados para despois

José Luis Sucasas

Novos ricos, novos pobres

O ciclo económico non é neutral a respecto da distribución da riqueza. Cando a economía medra, as oportunidades de negocio agroman aquí e acolá, a xente atopa traballo, aumenta a súa capacidade consumo, aparecen mais oportunidades de negocio, hai novos traballos e mellores soldos, aumenta aínda mais a capacidade de consumo…  Moitas desas oportunidades de negocio son aproveitadas por xente emprendedora e arriscada pero de escasos recursos económicos. Se o tempo de bonanza dura abondo, moita desta xente chega a consolidar os seus proxectos e acceder así a un status de riqueza moi superior a aquel do que partían.

Os maiores ingresos procíclicos dos Estados garanten mellores prestacións e servizos públicos para todos, pero sobre todo para os mais necesitados

Son os chamados novos ricos, alcume despectivo composto a partes iguais de envexa e desprezo: envexa daqueles que hai nada partillaban pobreza con eles; desprezo dos ricos de vello, que ven intrusos axexando polas ventás dos seus clubs de elite. Pero non só o nacemento de novos ricos fan estreitar a distribución da riqueza. Grazas ós mellores traballos e soldos que ofrece unha economía en crecemento, unha gran cantidade de xente accede a un status económico que sen ser rico é acomodado, configurando o que se coñece como clase media. E aínda non remata aí a mellora, xa que os maiores ingresos procíclicos dos Estados garanten mellores prestacións e servizos públicos para todos, pero sobre todo para os mais necesitados.

Canto mais dure o ciclo alcista, mais e mais axiña minguan as marxes de beneficio dos negocios

A secuencia retroalimentada do crecemento só terá por límite as posibilidades de financiamento sostible do sistema. Con todo, canto mais dure o ciclo alcista, mais e mais axiña minguan as marxes de beneficio dos negocios, e o capital busca saída en investimentos cada vez mais arriscados ou abeira nalgún paraíso ata que cheguen mellores tempos. Sexa porque rebenta o sistema por algún lado, ou sexa por simple esgotamento, o caso é que nalgún momento a secuencia “oportunidades de negocio –traballo -consumo” detense e comeza a recuar; e faino coa mesma determinación e intensidade que cando ía cara adiante. Neses primeiros intres de cambio de sentido da actividade económica, aínda hai xente que ten a habelencia e sorte de salvar os mobles. En Galiza temos un exemplo paradigmático:  Manuel Jove fíxose rico co boom inmobiliario e inmensamente rico tendo a habelencia de vender nese intre a súa empresa e a sorte de atopar quen lla quixera mercar.

Estes novos pobres son efectivos que vai perdendo a clase media e vanse sumando ós pobres de sempre nun exército cada vez mais numeroso

Outros non teñen esa sorte e afúndense co barco e maila tripulación. Daquela van aparecendo os novos pobres, xente que hai nada gozaban dunha posición acomodada e da noite para a mañá atópanse sen traballo e, moitos deles, co seu patrimonio esfarelado en negocios afundidos ou en investimentos devaluados. Estes novos pobres son efectivos que vai perdendo a clase media e vanse sumando ós pobres de sempre nun exército cada vez mais numeroso; e por riba, coma se a fame se xuntara coas gañas de comer, os agora menores ingresos procíclicos dos Estados teñen que facerlle fronte ás necesidades básicas de moita mais xente. Canto mais dure o ciclo depresivo, a distribución da riqueza agrandará a súas diferenza, xa que namentres medra sen xeito coa desfeita das clases medias, os ricos serán os mesmos, cuarta arriba cuarta abaixo.

Os ricos de vello gañan mais nas etapas de crise ca nas de bonanza

Os ricos de vello gañan mais nas etapas de crise ca nas de bonanza. Sofren perdas nos seus activos e investimentos, é certo, pero abondo compensadas pola a relatividade do concepto riqueza: ó aumentar a pobreza que os arrodea, un pode ser mais rico aínda con menos. A diferenza das etapas alcistas, onde calquera pillagaliñas pode especular coa subida de prezos futuros, nas recesións os cartos que quedan no sistema téñenos os ricos e só eles poden especular cos prezos futuros, pero agora á baixa. Creo que todos, nos nosos pobos, vilas e cidades, podemos pórlle  nome e apelidos a xente que amasou grandes fortunas mercando de saldo as miserias dos seus concidadáns.

Nos derradeiros días da seca no Serengeti, os animais feridos, enfermos ou esfameados serven de xantar para os que aínda se teñen en pe

Nos derradeiros días da seca no Serengeti, os animais feridos, enfermos ou esfameados serven de xantar para os que aínda se teñen en pe. É duro, mais é a lei natural. Algo así tamén é o que di o liberalismo. Pero non di que no Serengeti os depredadores pouco mellor están cas súas presas, e de xantalas ou non depende tamén a súa vida. Que non é o caso dos especuladores nas depresións.

Acerca de José Luis Sucasas