Aquel home afouto e ergueito

Sempre que morre alguén, dun xeito inevitable, acode a nós algunha imaxe do finado que, polo motivo que sexa, se convirte na máis importante das lembranzas, esa situación, anécdota ou vivencia común que se ergue sobre o resto da biografía reclamando protagonismo fronte a todo o demais. Tal me sucedeu hai uns días cando souben do pasamento de Avelino Pousa Antelo.

Non podo afirmar, sería unha soberbia pola miña parte, que nos coñecéramos. Eu a el si, claro. E estou certo de que todas as veces que coincidimos en sarillos literarios varios, sempre respondeu ao meu saúdo dándome a man con afabilidade e certo aire cómplice, a pesar de que, estou segurísimo, non tiña nin idea de quen era eu a pesar de que nos presentaran en todas e cada unha das ocasións. A súa cara así o delataba. E a min facíame graza.

Como digo, coincidín con el unha morea de veces en premios literarios, na Cea das Letras da AELG e eventos similares, sempre con cerimonia polo medio..., sen embargo, non o asocio, e coido que nunca o farei, a ningún deses momentos, algún deles moi importante para min como foi, por exemplo, cando gañei o Modesto Figueiredo e que me permitiu compartir con el mesa, risas e mantel.

Lembro a súa faciana victoriosa e esperanzada cando entramos todas aquelas miles de almas irmanadas con el, Pai de Todos, no soño común

En realidade, a imaxe máis poderosa que gardo de Avelino Pousa Antelo é a do home afouto e ergueito que nos esperaba, sorrindo, na Praza da Quintana, no remate da cabeceira da primeira manifestación de Queremos Galego. Lembro a súa faciana victoriosa e esperanzada cando entramos todas aquelas miles de almas irmanadas con el, Pai de Todos, no soño común. Ergueito sobre un caxato. As mans calmas sobre el. A pucha sobre a cabeza.

Ese era Avelino Pousa Antelo.

E eu, de bágoa doada cando a ocasión o esixe, souben sostelas dentro do encoro dos meus ollos, ata que entramos na Quintana, e atopamos a Avelino, aquel mozo galeguista de corazón grande, agardándonos

Tiven a sorte, e a honra, de ser un dos convidados a levar a pancarta de cabeceira aquel domingo en Santiago. A emoción foi grande por ese detalle, ao ver que se amoreaban tantas miles de persoas, co sol abeirándose á nosa causa, coa poboación da capital de Galicia amosándonos a solidariedade e sumándose... E a emoción xa foi (case que) incontible ao comprobar cantos eramos alí berrando co corazón o noso amor á lingua. E eu, de bágoa doada cando a ocasión o esixe, souben sostelas dentro do encoro dos meus ollos, ata que entramos na Quintana, e atopamos a Avelino, aquel mozo galeguista de corazón grande, agardándonos.

E daquela rebordei.

Para min Avelino Pousa Antelo vai ser sempre aquel home-dignidade daquela mañá de outono en Compostela. O mesmo que nos falou e emocionou coa súa sinxeleza e determinación despois das arengas políticas. Aquel mesmo que ría a cachón, feliz e agradecido, cando a mocidade alí presente alzaba a súa voz para cantar: "Avelino, patriota galego".

Para min Avelino Pousa Antelo vai ser sempre aquel home-dignidade daquela mañá de outono en Compostela

Ese era e sempre será Pousa Antelo: un home afouto e rexo na defensa de Galicia. Outros, que gozan do poder e o boato dos despachos, non van ser lembrados así. De certo que non.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.