Desculpen

A caixeira do supermercado cobroulle de menos a un par de clientes. Ninguén aposta porque fose a mala fe: na cabeza ten máis problemas que códigos de barras. A súa pólvora está empapada. Aínda así, ela sabe que o seu estado habitual non é unha escusa. Ao remate da xornada as contas non encaixan. O encargado pídelle responsabilidades pola neglixencia. Ela pide desculpas. Despedida.

Está claro que o seu sentimento de culpabilidade non ten o brillo do Toisón de Oro e a súa dignidade segue a non ser aforada. Recolle os bártulos sabendo a consecuencia: “pasalas canutas” para chegar a fin de mes. Ten tres fillos. “A volta ao cole”, lembra. O marido está no paro. Por unha noite, mentres os dous fan piruetas coa calculadora, a ex caixeira foi trending topic no salón da súa casa. As pílulas antidepresivas mal calibradas e os efectos dun empacho de Twitter “para desconectar”, provocáronlle un sono sadomaso con Guillermo Collarte. “O pavo gaña 5.100 euros ao mes por levantar o dedo e di que non lle chega”, coméntalle ao marido na cociña mentres lle serve aos nenos o sucedáneo de Cola-Cao. “Imaxinas que entre os dous gañáramos iso?”, preguntou ela. “Preséntate ás eleccións –recomendou el- son dentro dun mes e pico”. Sorríronse cun xesto finxido, como de Ecce Homo. 

Se o despistado Collarte con 5.100 euros (máis ou menos) non é quen de chegar a fin de mes, está claro que os cidadáns deixamos os cartos públicos en mans de xestores dunha pésima categoría. Ás veces a democracia é imbécil

O perdón é católico. É un dos números predilectos do teatro de varietés do catecismo. Fomos educados con máis esforzo para pedir perdón logo de cagala, que  para previr –controlar- a inclinación ao mal. Canto inútil anda solto nos seos dos partidos políticos porque “un fallo teno calquera”? Pois iso, está no ambiente. A experiencia da culpabilidade é tan subxectiva que calquera pode facer que a crea ata un parlamentario. Un deses que están máis vixiantes de ingresar as dietas que de cumprir o que lle esixe o seu contrato: servizo á cidadanía. E se á caixeira a botan por neglixencia –que non por impericia- quen é o responsable de pedir a dimisión dun cargo público que se ri de nós? Porque se o despistado Collarte con 5.100 euros (máis ou menos) non é quen de chegar a fin de mes, está claro que os cidadáns deixamos os cartos públicos en mans de xestores dunha pésima categoría. Ás veces a democracia é imbécil.

Os perdóns que proveñen dos que manexan cartos públicos non deberían de ser produtivos. E supoño que nas nosas mans está previlos. O 21 de outubro, por exemplo, ou días así

“No entiendo que me crujan vivo por decir la verdad”, insistiu na mofa o parlamentario e concelleiro. Pero aplicou o fiel antídoto: pediu desculpas, e é xusto aquí cando os contribuíntes notamos como o contrato que debería cumprir un cargo público queda, como xa vén sendo habitual, en papel mollado. Como o contrato con Galicia que asinou Feijóo cando saíu elixido e que é posible que estea apodrecido pola humidade nun garaxe -como aquel do electricista- entre as cousas inservibles e mal aparcadas.

Os perdóns que proveñen dos que manexan cartos públicos non deberían de ser produtivos. E supoño que nas nosas mans está previlos. O 21 de outubro, por exemplo, ou días así. Ao mellor estou a falar de máis. Desculpen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.