Unidade de acción e programa común

Di o meu ocasional ex-viciño de arriba e antropólogo Marcos Lorenzo que Galiza se atopa en “liquidación de existencias” dende hai, cando menos, un lustro. A lexislatura de Feijoo supuxo o período de maior agresión cara os intereses da cidadanía do común que se coñece dende que existe poder “autoanémico” en Galiza: esfarelamento da economía produtiva e dos postos de traballo, destrución da ecoesfera terrestre, espolio dos recursos naturais, baleiramento demográfico, abolición dos servizos públicos (educación, sanidade e outros servizos sociais), recurte dos dereitos laborais e suba das imposicións fiscais ou ataque indiscriminado contra as liberdades cívicas, a nosa cultura e a nosa fala. 

Non se trata de escoller unha representación parlamentaria. Do que se trata, entón, é de poñer freo ás agresións que está a padecer a cidadanía galega na súa liña de flotación e supervivencia

En consecuencia, os comicios eleitoriais que se celebran o 21-O, co Estatuto vilipendiado e a Constitución abolida, non constitúen un exercicio de sufraxio convencional, debido á incertidume do momento social e económico de excepción polo que atravesamos. Ninguén sabe con certeza que vai acontecer no futuro próximo coas institucións que fan parte do aparello de estado e a segura intervención e rescate financeiro fai prever unha situación, se cadra, aínda máis “líquida” e dramática para a sociedade. Non se trata pois de escoller unha representación parlamentaria que posibilite unha maioría suficiente para determinar un poder executivo durante os vindeiros catro anos. Do que se trata, entón, é de poñer freo ás agresións que está a padecer a cidadanía galega na súa liña de flotación e supervivencia.

O noso País atópase en “estado de emerxencia” e convén reaxirmos cunha proposta de unidade de acción ampla, en base a uns principios programáticos común

Para tal fin, igual que fixera a Frente Popular no 1936 fronte a ameaza fascista, cómpre acumular forzas. É aquí onde toma todo o seu sentido e significado a proposta que Beiras, como Portavoz Nacional de ANOVA, lanzou –orixinariamente- o pasado Día da Patria. O noso País atópase en “estado de emerxencia” e convén reaxirmos cunha proposta de unidade de acción ampla, en base a uns principios programáticos comúns, onde se visualicen respostas para as principais cuestións que hoxe preocupan á cidadanía e que están a acabar por agotar as poucas “existencias” que quedan na Galiza.

Non é o momento de siglas, nin de disputas terminolóxicas posmodernas, nin tampouco de lembrar afrentas políticas do pasado

En consecuencia, nesa alternativa eleitoral común e popular ten cabida todo o que queira participar (CXG, EU e BNG como principais interlocutores) e se sinta interpelado pola urxencia de construir unha réplica crítica, efeitiva e contundente. Non é o momento de siglas, nin de disputas terminolóxicas posmodernas, nin tampouco de lembrar afrentas políticas do pasado. O episodio actual desta traxedia merece que nos agrupemos baixo uns principios programáticos comúns, que ilusionen a unha maioría social desmoralizada e descrida da clase política, e que pratiquemos a unidade de acción contra un inimigo coas ideas ben claras, representado polo PP-PSOE como forzas da alternancia do sistema e principais responsábeis da situación que padecemos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.