Votar ao partido da orde ou votar contra o capitalismo

Desgraciadamente, as opcións que se nos presentan como máis probábeis nas eleccións do 21-O son malas ou menos malas, pero en ningún caso boas. A opción mala sería a renovación da maioría absoluta pola versión máis conservadora do partido da orde (ou do réxime); a menos mala é que esta non se dese e, pola contra, a outra versión do partido da orde (a, máis ou menos, liberal) puidese, ben en coalición, ou ben recibindo o apoio necesario, alcanzar os votos suficientes para substituír á outra sección no goberno. A boa noticia, que nada prevé que se vaia dar, sería o descalabro electoral do partido da orde nas súas dúas versións.

Está máis claro que nunca que as diferenzas entre as dúas seccións do partido da orde son accidentais, menores

Está máis claro que nunca que as diferenzas entre as dúas seccións do partido da orde son accidentais, menores. Está máis claro que nunca que converxen nun mesmo modelo europeo, é dicir, nun mesmo modelo social (mellor sería dicir antisocial). E non hai que esquecer que a construción europea se fixo baixo o consenso desas dúas seccións, a popular (sen que se saiba porque lle chaman así) e a que se adoitaba denominar (descoñecéndose tamén os motivos de tal apelativo) socialdemócrata.

O modelo actual da UE -establecido en Maastrich e apuntalado co Tratado de Lisboa, co Pacto de Estabilidade e Crecemento e co Pacto do Euro- construírono en común as dúas caras do mesmo partido europeo, no que se integraron as seccións nacionais dos mesmos e para o que contaron coa colaboración entusiasta de distintas organizacións sectoriais del, como a prensa ou a igrexa, que non son senón áreas súas. E ese partido da orde europeo (así como a súa sección española -e catalá tamén, por exemplo-), que están e estiveron nos gobernos dos Estados que participaron nesa construción, veñen sendo, como é claro é distinto, aquelo que xa nos explicara o vello Marx: “un comité que administra os negocios comúns de toda a clase burguesa”, poderiamos engadir: europea, se é que a estas alturas cabe diferenciar intereses distintos entre grupos burgueses (como europeo, norteamericano, xaponés...).

De aí o que diciamos ao principio. Non semella previsíbel que as dúas caras da burguesía sexan amplamente derrotadas; máis ben semella que só se pode producir unha pequena modificación na distribución de votos, ou, mellor, de escanos (¡oxalá nos equivoquemos¡).  

Unha política que pretenda ser contraditoria coa actual de recortes, de salvaxismo capitalista, de ataque frontal ás conquistas sociais e aos dereitos cidadás, non pode pretender construírse coa colaboración (e non digamos subalternizándose) a algunha versión do partido da orde

Tamén, polo mesmo, a constatación de que “son o mesmo”; dúas caras “da mesma moeda”, dúas caras políticas do capital. Logo, non ten sentido pensar que cabe ningún tipo de aproximación a un deles para “derrotar” ao outro ¿para derrotar a quen? ¿que contido de clase podería ter unha política na que participa o partido da orde na versión que sexa -e non digamos se o fai como socio maioritario-? A resposta é doada, seguro que os que, reclamándose “de esquerdas”, constituíron gobernos cun deles ben poden responder (e tamén os cidadáns que sufriron eses gobernos): aquí o BNG, por outros lares IU. Se IU non para de tropezar, todas as veces “que é necesario”, coa mesma pedra, quizais o BNG teña aprendida a lección.

Unha política que pretenda ser contraditoria coa actual de recortes, de salvaxismo capitalista, de ataque frontal ás conquistas sociais e aos dereitos cidadás, non pode pretender construírse coa colaboración (e non digamos subalternizándose) a algunha versión do partido da orde. Caer nese erro sería abondar nese “lugar común” de que “todos son iguais”, pois ¿acaso se pode pensar nunha política “distinta”? ¿tan pouca memoria hai de como comezou o momento álxido desta última crise, con que políticas se comezou e quen tomou as decisións?

As opcións ao partido da orde deben recuperar o sentido orixinario da política e rachar con ese que dicía “lugar común” de que “todos son iguais” (“lugar común” ben interesado de “espallar” polo partido da orde e por algunha das seccións do mesmo, como os coñecidos como medios de manipulación de masas: a súa área de comunicación): NON. NON TODOS SON IGUAIS: Hai alternativas, hai outras políticas posíbeis (auditoría da débeda, banca pública baixo control social, recuperación da soberanía democrática sobre o banco central, progresividade fiscal, salario mínimo decente, xubilación decente e adianto da idade de xubilación, redución do tempo de traballo e reparto do traballo, renda básica de cidadanía, reforzo da negociación colectiva, hexemonía social do galego, dereito de autodeterminación ...). E hai que facer críbel a tal posibilidade: un dos grandes problemas é o do derrotismo: as políticas actuais vense como inxustas, pero moitos pensan que son “inevitábeis”.

Estou a falar de que van facer, das decisións desas forzas políticas, da súa práctica. Que non concedan á vitoria ás forzas do partido da orde antes de facerlles fronte

Pero tamén teñen que ser críbeis as forzas políticas que, reclamándose “de esquerdas”, nos propoñen políticas alternativas. Non só se trata, o que xa é un arduo traballo a realizar, de convencer de que, efectivamente, cabe “outra política” (outra política de clase); senón tamén hai que convencer de que eses que falan da tal política A VAN FACER se están e condicións institucionais, e non só institucionais, de levar a cabo as súas propostas. E nisto non só conta o presente e as expectativas de futuro; desgraciadamente para algúns tamén conta o que se dixo e o que se fixo no pasado (sobre todo alí onde se puido facer algo, sexa no ámbito que sexa).

E non se trata das dificultades que van poñer as diferentes áreas do partido da orde, nin as dificultades desa minoría privilexiada que goza co latrocinio: a burguesía, o capital; tampouco se trata das dificultades que se van encontrar debido á carencia de capacidade política propia, é dicir, a ausencia de soberanía política, o asoballamento político, a dependencia. Non; estou a falar de que van facer, das decisións desas forzas políticas, da súa práctica. Que non concedan á vitoria ás forzas do partido da orde antes de facerlles fronte (que non caian tamén “no derrotismo”, “no posibilismo”, “no realismo”): que confíen nos traballadores e que se apoien neles.

E isto é outra cara máis a ter en conta. As eleccións son un “síntoma” e o poder político non se limita ás institucións. Conceder que o campo onde se produce o enfrontamento se reduce ao ámbito institucional é aceptar a derrota de antemán. O campo de loita é a sociedade toda; e as institucións deben reflectir a correlación de forzas; todo o contrario que pensar que a correlación de forzas consiste nos escanos que se posúen.

Resumindo: negativa a calquera componenda coa sección máis ou menos liberal do partido da orde, que aquí se denomina, na súa faciana política, PSdG (hai outras facianas como xa dicía, das que as máis salientábeis son os medios de manipulación de masas: a información privatizada: a desinformación interesada: a alienación planificada). Conquista da credibilidade, da credibilidade dunha política antagónica á actual política burguesa: unha política de clase: unha política que teña como norte os intereses dos traballadores. E credibilidade das forzas políticas que pretenden que esta política é a súa aposta. Apoio na acción dos traballadores e non redución da política ás institucións; é dicir, nova concepción da política, é dicir, ruptura co modelo burgués de política.

Apoio na acción dos traballadores e non redución da política ás institucións; é dicir, nova concepción da política, é dicir, ruptura co modelo burgués de política

E isto tamén supón a introdución de modificacións lexislativas, como a responsabilidade política (mentir non só debe ser “pecado”, tamén debe ser un delicto: mentir á cidadanía debe ter consecuencias), tamén responsabilidade das decisións polos políticos (acabar con esa infamia da chamada “clase política”, allea á cidadanía e con privilexios inadmisíbeis), novo sistema electoral (realmente representativo). Para non cansar: no camiño nunha democracia participativa, dunha democracia radical: Non se trata de que haxa que confiar nos políticos, por moi honrados que poidan ser; trátase de que os cidadáns teñan capacidade de intervención directa naquelo que é o seu interese: a vida política.

Entendemos que, tamén no proceso electoral, trátase de crear as condicións para que o que agora vemos pouco probábel poida darse nun futuro non moi afastado (se é moi afastado ao peor nin hai futuro): o descalabro definitivo do partido da orde: un cambio radical de política. Que por fin non gane a burguesía as eleccións, senón que as ganen os traballadores.

Pero lembramos o dito: esas eleccións non se ganan só “nas eleccións”; esas elección só se poden ganar cando se teña vencido politicamente: esas eleccións, esa vitoria electoral, só será un “síntoma”, da vitoria social das clases traballadoras. A responsabilidade, tamén no vindeiro proceso electoral, dos partidos que tal cousa pretenden, ou que din pretender, que falan de “anticapitalismo”, é a de construír esa posibilidade, colaborar nas condicións de posibilidade desa vitoria social, da vitoria dos traballadores.

Tamén, para rematar, e repetíndonos, non só se fai política nos procesos electorais; é máis, tamén o dixemos, os procesos electorais son “síntomas” de como “van as cousas”, da política que se está a facer “na sociedade”. Presentarse a unhas eleccións ou non facelo non é algo definitivo: non indica a existencia ou non dunha opción política: iso o expresa a práctica diaria, a política diaria, que estea en condicións de facer, segundo as forzas de que dispoña.

As diferentes opcións políticas electorais van situarse nun deses dous ámbitos finalmente, “compañeiros de viaxe” do partido da orde, ou “compañeiros de viaxe” cos traballadores

En definitiva, as diferentes opcións políticas electorais van situarse nun deses dous ámbitos finalmente, “compañeiros de viaxe” do partido da orde, ou “compañeiros de viaxe” cos traballadores. Non hai termo medio, por moito que a moitos lles gustaría. Ou se fai política burguesa, e unha das súas caras é votar á burguesía, aos seus axentes políticos; ou se fai política obreira, sendo unha das súas caras votar opcións anticapitalistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.