Todo o que o vento se levou

Nun contexto de inestabilidade económica, incertidume empresarial e desconfianza social como o actual, calquera aposta capaz de xerar emprego e esperanza é tomada como unha bendición. Se ademáis, se localiza nun sector estratéxico para unha rexión e no que se é líder, mellor que mellor. Pero despois da aprobación do Real Decreto-ley 1/2012, de 27 de enero, resulta difícil pensar que o sector eólico en Galicia estea destinado a realizar esta loubable acción. Polo menos, polo de agora. 

Despois de tantos anos de liderado renovable, a nivel de España e mesmo de Europa, a inexistencia dun marco regulador integral termina por pasar factura. E a un prezo demasiado alto. A sucesión de decretos e unha lei, independentemente das cores políticas, de ordes de convocatoria de concursos e doutras disposicións paralelas, non estivo acompañada dunha representación dos intereses de todos os axentes implicados no proceso, un elemento necesario e suficiente para garantir un respaldo normativo sen sobresaltos e non discriminatario. 

Alemaña e Dinamarca iniciaron esta andadura, conscientes de querer reducir a súa dependencia de enerxías fósiles e, polo tanto, de minguar a súa vulnerabilidade enerxética. O seu primeiro triunfo foi crear un marco normativo integral, no que estaban  plasmadas todas as dimensións do sector, desde a económica ata a medioambiental. Empresas promotoras, tecnólogas, entidades financeiras, universidades, concellos, consumidores e propietarios dos terreos (chegaron a ser accionistas) estiveron representados sempre no seu modelo, no que ninguén deixaba de gañar e no que todos evitaron ter moito que perder. Comezaron con primas para fomentar o seu desenvolvemento, e cando o sector acadou a lóxica maduración tecnolóxica, económica e empresarial, foron transformándose noutros sistemas de apoio. E siguen sendo líderes, e as súas empresas son referencia a nivel mundial, e a aceptación social é unha característica diferenciadora, e outros países implantan con éxito ese mesmo modelo. 

En España, en Galicia, as condicións de partida do sector eólico eran as mesmas que neses países. Pero tantos anos despois, seguimos estando no mesmo estadio, sen lograr definir ese marco regulatorio do sector, e sen recoñecer o moito que se pode perder. 

No momento actual, no que se insiste na adopción de conductas económicas racionais e sostibles, o conxunto das renovables parece estar destinada a pagar unha multa da que non é responsable. Cando menos a eólica. Nin os concursos eólicos en marcha, nin os investimentos realizados, nin a posible xeración de emprego, nin os datos positivos constatados polos gobernos e entidades académicas, teñen voz nin voto. 

Parece que o vento se levou moitas cousas nestes anos, cando menos a oportunidade de acadar un liderato sólido nun sector estratéxico e vital para a nosa economía…

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.