Acordo histórico da esquerda galega

O acordo electoral entre ANOVA e Esquerda Unida abre un proceso de reconciliación histórico, entre a esquerda estatal e nacional. A disputa política iniciada nos anos 60 cun claro gañador, a esquerda nacional, parece que está a punto de rematar nun empate político e amigable.

As estreitas relacións do BNG e Esquerda Unida no Parlamento Español e o actual acordo electoral entre ANOVA e EU sinalan claramente que estamos a transitar unha nova etapa da esquerda no noso país

As estreitas relacións do BNG e Esquerda Unida no Parlamento Español e o actual acordo electoral entre ANOVA e EU sinalan claramente que estamos a transitar unha nova etapa da esquerda no noso país.

No caso de ANOVA, o propio Xosé Manuel Beiras provén do Partido Socialista Galego (PSG) quen formaba parte dunha estrutura estatal de partidos afíns, algúns dos cales se unificaron posteriormente co PSOE.

Se ben a precipitación electoral pode xerar algunhas dificultades, o certo foi que as bases de ambas as dúas organizacións e as súas cúpulas dirixentes maioritariamente acordaron dar este paso tan importante.

Por agora, o acordo parece ser soamente electoral aínda que moitas voces consideran que debe consolidarse nunha alternativa política movilizadora das loitas políticas e sociais de Galicia.

Algunhas forzas, inclusive nacionalistas como a FPG, que apostaron firmemente por este acordo, ven máis alá e cren que esta mesma Fronte Popular debería concretarse en todo o Estado.

A realidade é que este acordo potencia o voto da esquerda, xera unha grande ilusión colectiva e instala na sociedade galega unha alternativa de esquerdas e anticapitalista.

Cando esta se formalice en poucos días seguramente se multipliquen as súas expectativas electorais, colocando a esta formación e a Xosé Manuel Beiras no centro da política galega

Antes de concretarse este acordo as sondaxes sinalaban un bo resultado electoral para a coalición. Cando esta se formalice en poucos días seguramente se multipliquen as súas expectativas electorais, colocando a esta formación e a Xosé Manuel Beiras no centro da política galega.

Sen lugar a dúbidas, a primeira consecuencia deste histórico acordo será a derrota electoral do Partido Popular e a posibilidade de conformar un goberno cun programa de esquerdas, en clave galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.