0 Gardados para despois

José Luis Sucasas

Busco a Jacq's

As mensaxes políticas gurran por entrar e asentar nos nosos cerebros, competindo co resto das mensaxes comerciais de todo tipo. Hai xa unha boa chea de anos, un tipo de Cadrón morreu de golpe e sen querer, e na autopsia o forense descubriu entre nos miolos as frases “Busco a Xan”, “Tanto por sentir”, “Xuntos mais fortes”, nun entrelazado coma de calceta. Había moitas outras, pero perderan letras ou estaban moi borrosas.  Tamén segundo o informe do forense, extenso e pormenorizado, as tres correspondían a campañas publicitarias: Busco a Xan era unha deturpación do Busco a Jacq's de Brummel; Tanto por sentir, da xenebra Larios e Xuntos mais fortes era o último éxito do mais grande cantante que deu Tabeirós e Terra de Montes.

As mensaxes comerciais –entre elas as políticas- deben ser curtas, suxeito e verbo, a poder ser sen predicado ningún; deben semellar concretas sendo moi abstractas; deben insinuar mais que afirmar; en fin, deben ser galegas o mais que poidan

As mensaxes comerciais –entre elas as políticas- deben ser curtas, suxeito e verbo, a poder ser sen predicado ningún; deben semellar concretas sendo moi abstractas; deben insinuar mais que afirmar; en fin, deben ser galegas o mais que poidan. Collamos unha, a xeito de exemplo, que está moi seguro almacenada en millóns de cerebros de todo o mundo: Yes, we can, ou en inglés vulgar “Si, nós podemos”. É curta, só tres palabras. A presenza do suxeito NÓS semella que personaliza e que lle da concreción á acción do verbo; mais é unha trampa, xa que ó prescindir de predicado a suposta concreción fica no aire. É dicir, claro que nós podemos, pero non sabemos que carallo podemos. Xa que logo, non deixa de ser unha insinuación, a pesares de ir disfrazada de afirmación contundente con ese SI inicial. A frase foi popularizada por un afroamericano, pero xa estou por pensar que detrás dela está algún emigrante galego ou fillo de.

Hai uns días, o presi (no círculo íntimo dicímoslle así) Feijoo soltou por esa boquiña retranqueada (retirada cara atrás respecto do queixelo): “CATALUÑA PIDE, GALICIA PAGA”. O contexto, xa sabedes, é a petición dos cataláns de fondos estatais para cubrir as súas necesidades de tesourería. Realmente son dúas mensaxes, que se podían moi ben dicir por separado (por exemplo: declarar hoxe que Cataluña pide, e para a semana, facer público que Galicia paga). Pero a Feijoo interésalle xuntalas por aquilo do contraste, xa que se ámbalas dúas pediran ou pagaran xa non habería razón para declarar nada. Aínda que son dúas mensaxes nunha, a resultante segue a ser curta e apta para ser memorizada sen problemas, ó carón de mensaxes de cosméticos ou titulares do Marca. Suxeito mais verbo, sen predicado ningún. Semellan concretas sendo abstractas. Semellan afirmar cando en realidade só insinúan. Son galegas, cento por cento colleita dos socalcos dos Peares.

Correspondería moito mais á realidade afirmar que Galicia paga cos cartos que Cataluña pide. Cataluña e Galicia achegan a súa cota correspondente ós fondos estatais. Pero Galicia é beneficiaria dos Fondos de Compensación, e Cataluña non

CATALUÑA PIDE, declara Feijoo. Pero non concreta o obxecto da pedida. Que carallo pide Cataluña? O presi deixa que sexa o imaxinario colectivo quen lle poña predicados á oración. E cadaquén poñerá os que saiba e os que mais lle aquezan. Así, Cataluña pode pedir cartos, cebolas, independencia, chuvias, sol … Como a mensaxe vai dirixida a xente que xa é consumidora do produto Feijoo ou anda niso, vai ser moi raro que alguén pense que Cataluña pide o seu, ou parte do que é seu. Non esquezamos que como comunidade rica, Cataluña é contribuidora neta ós fondos do Estado. GALICIA PAGA, declara tamén Feijoo. Como prescinde do predicado, tampouco aquí se nos di que raios paga Galicia. Un autoservicio, cadaquén que lle poña o que queira. Galicia paga as súas débedas, fachendearán os fieis. Pois vaia cousa, iso facémolo todos, quitaranlle méritos os infieis.

Pero tamén se podería pensar que Galicia paga as consecuencias, ou paga sen culpa, ou paga traidores. Incluso podería alguén pensar que Galicia paga a pena. Pero a chave do raio, que diría a vella de Goiás, está en xuntar as dúas mensaxes nunha: Cataluña PIDE, Galicia PAGA. Así xuntas, ademais de dicir que Cataluña pide, Feijoo está a insinuar que Galicia non o fai; ademais de dicir que Galicia paga, deixa caer que Cataluña non. E ninguén o poderá acusar nunca que chegou a dicir tal cousa.

As mensaxes comercias –entre elas as políticas- non teñen por que responder á realidade das cousas. Mais aínda, se algunha vez corresponden é por unha desas casualidades non buscadas. No caso que nos ocupa correspondería moito mais á realidade afirmar que Galicia paga cos cartos que Cataluña pide. Cataluña e Galicia achegan a súa cota correspondente ós fondos estatais. Pero Galicia é beneficiaria dos Fondos de Compensación, e Cataluña non.

Acerca de José Luis Sucasas