Verdades a respecto das preferentes

A sensibilización social e xurídica acadada pola mobilización das Plataformas de afectados polas preferentes é, quizais, o fenómeno máis notábel deste proceso polo que condiciona as análises xurídicas  e as reaccións mediáticas. Porque é moi distinto contarlle a un xuíz a historia dun engano ou erro na prestación dun consentimento na adquisición dun produto financeiro ca inserírllelo nun fenómeno social que atinxe a  uns 45.000 aforradores. Polo mesmo, a innovadora e intelixente demanda de clase que presentou Carlos Varela, fiscal superior de Galicia, amosou as moi comúns eivas na prestación do consentimento na maioría dos aforradores atinxidos.      

As Plataformas e partidos políticos ben farían en recoñecer esta realidade e axudarlle aos aforradores a defender os seus casos perante o Instituto galego de Consumo ou os xulgados competentes

Compre recoñecer que a nova dirección de NCG Banco, precisada de restaurar unha danada reputación, posibilitou unha canle pouco custosa e moi rápida de resolución dos conflitos, como é a arbitraxe de consumo, que se resolve en Dereito dende a Administración galega de consumo. Por Castellano a arbitraxe tería comezado xa hai seis meses, cando non se intensificara aínda a fuxida de depósitos. A responsabilidade deste adiamento é cousa de Feijóo, Almunia e Rajoy-Guindos.

Estaba visto tamén que a UE non ía permitir unha solución colectiva que non pasara pola peneira da declaración de nulidade, quer xudicial, quer arbitral. A durísima normativa de troco promulgada polo Goberno Rajoy avoca ao exercicio da acción de nulidade e as Plataformas e partidos políticos ben farían en recoñecer esta realidade e axudarlle aos aforradores a defender os seus casos perante o Instituto galego de Consumo ou os xulgados competentes.

Moitos destes casos dubidosos acadarán sentenzas civís favorábeis por mor dos graves defectos no proceso de contratación por parte das antigas Caixas

Semella, por outra banda, que existe unha minoría de varios milleiros de casos moi dubidosos que non terán máis remedio que acudir á vía xudicial individual, por non ter canle axeitada nin na arbitraxe nin na adhesión á demanda colectiva do Fiscal. De todos os xeitos, moitos destes casos dubidosos acadarán sentenzas civís favorábeis por mor dos graves defectos no proceso de contratación por parte das antigas Caixas.

 

A arrincadeira: O extremismo de Gallardón

O extremista Gallardón prométenos unha fonda revisión no sentido de penalizar condutas de oposición na rúa e introducir un cárcere perpetuo inconstitucional

Por se o Código Penal non fose un dos máis duros de Europa, o extremista Gallardón prométenos unha fonda revisión no sentido de penalizar condutas de oposición na rúa e introducir un cárcere perpetuo inconstitucional. A comunidade xurídica habería  facer ouvir a súa voz contraria de xeito inequívoco.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.