Non máis café para todos

O problema do encaixe de Catalunya na España, como tamén a chamada crise do Estado autonómico e máis a orixe da pulsión recentralizadora, vén, en grande medida, daquela transición. UCD e PSOE prantexaron o café para todos e, despois, a lei da falsa harmonización (LOHAPA) a xeito de freo aos autogobernos catalán, vasco e galego, únicos deseñados na Constitución para implantar pola vía rápida e até o máximo de autogoberno posíbel. Outro freo, no caso catalán e galego, foi a imposición polo Tribunal Constitucional das provincias e Deputacións como contrapeso ao autogoberno autonómico.

Descentralizouse moi substancialmente o gasto, mais, agás en Euskadi e Navarra, o ingreso ficou moi centralizado

Creáronse 11 ou 12 autonomías sen substrato histórico, económico ou político ningún e dotóuselles, con trampa, de case o mesmo teito competencial galego. Aznar propio foi quen deu cabo a este absurdo, obrigando as dez chamadas “autonomías do artigo 143” a coller as competencias educativa e sanitaria. Mentres, xeralizábanse os Parlamentos e outras institucións políticas, de primeiras só concibidos para Galicia, Euskadi e Catalunya.

Descentralizouse moi substancialmente o gasto, mais, agás en Euskadi e Navarra, o ingreso ficou moi centralizado. Por razóns totalmente diferentes, nin Galicia (déficit de investimentos chamado débeda histórica e deficiente avaliación do avellentamento e dispersión poboacional a respecto dos gastos social e sanitario) nin Catalunya (transferencia da sanidade moi precaria e falla de consideración do incremento da poboación e da inmigración) recibiron un financiamento xusto, que o Estado estaba lonxe de garantirlle a ningún territorio, pois que retiña os cartos en fondos estatais que repartía discrecionalmente mentres mantiña as funcións sanitaria, social e educativa (transferidas ás CC.AA.) sempre mal financiadas.

Ninguén pode ficar sorprendido que o que se podería resolver coas disposicións políticas e económicas do Estatut do 2006 agora poida precisar de solucións que pasen, cando menos, pola cosoberanía de Catalunya

E, logo dun proceso que demostrou a plena vixencia de todas as leis de Murphy, dixoselle ao pobo catalán que o novo marco de relacións con España que tiña refrendado xa non valía. Véuselle dicir polo Tribunal Constitucional o que tantas veces escoitamos en Madrid “oye, gallego, pero tú te has creído que eso de la autonomía va en serio”. Entón, ninguén pode ficar sorprendido que o que se podería resolver coas disposicións políticas e económicas do Estatut do 2006 agora poida precisar de solucións que pasen, cando menos, pola cosoberanía de Catalunya.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.