0 Gardados para despois

Luís Ledo

“Hai que construír unha esquerda para gobernar, non para protestar”

Esta afirmación expresada por Marcelo Ebrard (que vai deixar o goberno da capital mexicana nas mans do seu sucesor do Partido da Revolución Democrática para preparar a súa candidatura ás próximas eleccións presidenciais de México) é aplicable tanto en Galicia como en España. A crítica ó sistema e a apelación a imperativos morais constitúen un primeiro paso imprescindible, pero vólvense estériles se non van acompañadas de propostas tan cribles como ilusionantes.

A esquerda adoita caer nunha crítica adolescente a todo o que hai, sen chegar á madurez de elaborar propostas realistas para substituír o sistema

A esquerda adoita caer nunha crítica adolescente a todo o que hai, sen chegar á madurez de elaborar propostas realistas para substituír o sistema. Resulta comprensible que exista certa dificultade en destacar medidas viables cando a militancia máis ideoloxizada esixe certo discurso ritual, pero iso tamén forma parte do proceso de maduración dos partidos que deben ser capaces de abandonar ladaíñas dogmáticas a favor de propostas instaladas na realidade que, non por iso, teñen por que deixar de ser todo o radicais e revolucionarias que se queira.

A superioridade moral da esquerda sobre a dereita é algo que se da por descontado, pero non serve para moito cando está instalado no imaxinario colectivo que a esquerda vale para repartir a riqueza, pola súa cultura solidaria, pero só a dereita é quen de producila grazas á súa insensibilidade social

A superioridade moral da esquerda sobre a dereita é algo que se da por descontado, pero non serve para moito cando está instalado no imaxinario colectivo que a esquerda vale para repartir a riqueza, pola súa cultura solidaria, pero só a dereita é quen de producila grazas á súa insensibilidade social. Hai que darlle a volta a tortilla e demostrar que a esquerda é capaz de mostrar un perfil competente, eficiente e eficaz na xestión da cousa pública, sen deixar de presentar ó electorado unhas propostas políticas que supoñan cambios estruturais profundos capaces de ilusionar á cidadanía. Os principios teóricos xerais están moi ben, pero a xente quere ver medidas prácticas viables, para poder ser cridas, e transformadoras, para poder resultar atractivas.

Por outra banda, a tendencia a constituír forzas illadas tamén representa unha consecuencia improdutiva desa falta de madurez: non ten sentido que existan partidos ecoloxistas, animalistas, feministas, pacifistas, socialistas, galeguistas, etc. que pretendan levar a cabo propostas políticas de forma independente, cando todos responden a unha mesma posición fundamental de respecto ás persoas, ós animais e ó planeta. Neste sentido resulta moi interesante a proposta do Espazo Ecosocialista de constituír unha “cooperativa de partidos”, porque permite darlle eficacia á acción política á vez que mantén a especificidade de cada parte no todo (nesta mesma liña, sería desexable que o EE e EQUO Galicia empezasen a colaborar, aínda que mantendo a súa personalidade propia, pensando máis en reforzarse mutuamente e nos obxectivos ecosocialistas perseguidos por ambos que nunha competencia partidista estéril).

Resulta moi interesante a proposta do Espazo Ecosocialista de constituír unha “cooperativa de partidos”, porque permite darlle eficacia á acción política á vez que mantén a especificidade de cada parte no todo

Non cabe senón felicitar a tódalas forzas que constituíron a Alternativa Galega de Esquerda por representar este acordo un xesto de xenerosidade e intelixencia que vai ser ben valorado polo electorado. Temos que facer que o seu éxito sexa tal que non poidan caer na tentación de rachar esta unión tralas autonómicas, obrigándoos a prolongar a coalición á vista duns resultados contundentes, coalición que debería servir de modelo para un proceso similar a nivel de España. Nesta liña resulta moi esperanzador tanto a presentación de Izquierda Abierta, o partido promovido por Gaspar Llamazares para abrir Izquierda Unida ás esquerdas que están fora de IU, como a propia posición de IU de crear unha fronte común en todo o estado, posición que vai ser referendada no seu congreso a finais de ano.

Pero volvendo a Galicia, a porcentaxe que asegura un escano en cada provincia é o seguinte: na Coruña, 4,17%; en Lugo, 6,67%; en Ourense, 7,15%; en Pontevedra, 4,55%, aínda que na Coruña e en Pontevedra hai que chegar ó 5% para entrar no reparto. Parece case imposible pensar que a Alternativa Galega de Esquerda (formada, lembrémolo, por EU-Os Verdes, Anova, EQUO e Espazo Ecosocialista) non logre un primeiro escano por provincia, tendo en conta que as enquisas dan en torno ó 10% na Coruña e en Pontevedra, en torno a un 7% en Ourense e Lugo, e que o xogo dos restos pode facer que se saque escano nestas dúas últimas provincias con pouco máis do 5 ou 6%.

Hai alternativas; o único que fai falla é intelixencia para redactalas e ilusión para transmitilas

Na Coruña e en Pontevedra asegúrase o segundo escano con 8,34% e 9,10% respectivamente, o que está ó alcance da man, polo que estariamos falando de seis escanos para a Alternativa Galega de Esquerda, que podería incrementarse en dous máis se os restos nestas provincias occidentais proporcionan o terceiro escano. Evidentemente todo isto depende da abstención posto que unha alta participación obriga a máis votos para obter a mesma porcentaxe.

Hai alternativas; o único que fai falla é intelixencia para redactalas e ilusión para transmitilas.

Acerca de Luís Ledo

Luís Manuel Ledo Regal (Chantada, Lugo, 1963) é licenciado en Filosofía pola UNED, en Ciencias Físicas pola UPV-EHU e diplomado en Estudos Avanzados de Filosofía pola USC. É delegado sindical da CIG e foi na lista de EQUO ás xerais de 2011 pola Coruña. Declárase ecosocialista e galeguista. Tamén é o autor da exposición itinerante ¿Deja la Ciencia Sitio para Dios? para a asociación Iniciativa Atea, exposición que xa estivo en diversas cidades de España.