O camiño tomado

A vontade expresada polos militantes do BNG na pasada Asemblea Nacional evidenciou a presenza de dúas grandes correntes políticas, de dimensión cuantitativa semellante, ambas internamente complexas. A noticia a tirar non é a da existencia de dúas posicións distintas, posto que isto ven sucedendo no nacionalismo de esquerdas desde antes da caida da Ditadura, senón o facto de iso ocorrer dentro do Bloque con programas alternativos, anunciando a posibilidade de empreender o debate necesario sobre a procura da hexemonía democrática como horizonte insoslaiábel da emancipación nacional e social.

Un debate sobre o estado da sociedade galega: a economía, a lingua, a memoria histórica e a consciencia nacional após séculos de dependencia e marxinación e de trinta anos de autonomía e acerca da loita para alcanzar o pleno autogoverno, quer nun Estado plurinacional, quer como entidade estatal independente, encarando os propósitos españolistas. Tamén verbo da UE, no continente ao pertencemos, sen ignorar que a Unión é a primeira economía mundial e que malia os governantes actuais non é o pior lugar para defender as conquistas públicas do estado do benestar; sabendo en especial que constitui un espazo novo para a autodeterminación de Galiza como nación, tal como pratica para Escocia o Scotish National Party. E asemade sobre a situación internacional, mui diferente da existente durante a Guerra Fría con EEUU e a URSS como potencias enfrentadas, coa  emerxencia de novos estados como actores globais determinantes -entre eles o Brasil da lingua que común e a China do capitalismo de estado e da precariedade social-, e coñecendo a consciencia liberadora que medra no planeta frente ás ameazas militaristas e a dominancia do capitalismo ultraliberal. 

O debate que se precisa reférese principalmente ao proxecto de nación e á estratexia a apresentar perante a sociedade galega. Atrévome a dicer, máis unha vez, que para conseguir a hexemonía democrática as propostas a defendermos serán tanto máis xustas e eficaces canto máis incorporaren unha firme visión esperanzada sobre Galiza como nación no mundo e a respeito do devir mundial. O escepticismo pesimista non pode chegar até o ponto de dar por realizadas as pretensións asoladoras dos poderes e as ideoloxías hoxe dominantes. 

Con aquelas posicións, o BNG ten que asumir posicións políticas máis adiantadas, tanto nas cuestións nacionais e linguísticas como nas económicas e sociais.

Para a corrente que non gañou o resultado da Asemblea Nacional non foi o que se quería. Mais o conseguido foi positivo, sabendo ademais que de dispor xa dunha maioría interna, as dificuldades a superar serían praticamente ás mesmas. Mantendo abertamente as ideas defendidas, este é o momento de continuar no camiño tomado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.