Notas de campaña (e II). De animais telúricos e outra fauna

O equilibrio global entre o bloque de electores de dereitas e de esquerdas rexistrado ao longo da última década, unido a un escenario de fragmentación de candidaturas como había tempo non se vía en Galiza, daban a entender claramente que a campaña electoral sería decisiva para o resultado das eleccións do vindeiro domingo día 21. Ao que parece, así está a ser, e é ben sabido que nas campañas case sempre gaña quen menos erros comete, ou polo menos quen os comete de menor gravidade que os contrincantes.

A campaña comezou cun PP instalado na maioría absoluta e con tendencia á alza, debido fundamentalmente a tres factores: a pésima avaliación social sobre o traballo da oposición parlamentar, moi inferior á do propio Goberno galego; a relativamente boa imaxe de Alberto Núñez Feijoo en comparación con Pachi Vázquez e Francisco Jorquera; e a alta porcentaxe de indecisos, que en condicións normais serían un caladoiro fácil para o PP.

Os erros da campaña do PP e a improvisación dun plan B

Mais o PP, que habitualmente deseña e executa as campañas electorais con perfección, incorreu nun despiste que pode acabar sendo fatal para os seus intereses: non percibiu que estas eleccións están moi lonxe de se desenvolveren en condicións normais. Por outras palabras, confiou tanto en si mesmo que non tiña un plan B; e de aí nacen o nerviosismo de Feijoo nos últimos días e as improvisacións desta recta final para tentar reverter a tendencia descendente que, de consolidarse, lle custará ao PP a Xunta de Galicia e a Mariano Rajoy unha severa complicación coa que non contaba.

 

O PP non percibiu que estas eleccións están moi lonxe de se desenvolveren en condicións normais

Vaiamos, pois, coa análise da campaña desenvolvida polo PP até agora. A primeira mensaxe-forza do PP consistiu en ofrecer estabilidade fronte a unha alternativa incapaz de entenderse, pero cometeu o desliz de programar debates televisivos cara-a-cara permitindo que Pachi Vázquez e Francisco Jorquera escenificasen diante da audiencia a súa sintonía e unha manifesta vontade de entendemento. Se a iso se lle suman as declaracións explícitas tanto de Xosé Manuel Beiras como de Xoán Bascuas no sentido de que só apoiarán –baixo a fórmula que sexa– un goberno que dea un xiro copernicano á acción política levada a cabo por Feijoo, tórnase evidente a perda de eficacia do argumento do PP.

O segundo triunfo da campaña era o de exhibir o (máis que discutible) diferencial positivo da balanza económica galega derivado da (máis que presunta) austeridade da Xunta baixo o mandato de Feijoo; e a pesar de que callou relativamente ben, o certo é que semella un argumento destinado a consolidar o voto máis conservador, mais porén sen poder para mobilizar o decisivo voto indeciso, por dous motivos moi potentes: un, que a maioría das persoas do común non se interesa por datos macro senón polas condicións micro que vivencian e observan no seu entorno inmediato; o outro, a incapacidade de Feijoo para conectar emocionalmente coa xente que sofre e o bo desempeño de Pachi e Jorquera neste punto nos seus respectivos debates fronte a Feijoo, colocándose ambos nun discurso de sensibilidade social e de solidariedade coas persoas, as familias e os sectores que máis padecen as consecuencias da crisestafa que nos azouta.

A última cartada do PP, o seu as de ouros, era o propio Feijoo; mais despois de comezar a campaña como líder incontestable da escena política galega, a estas alturas o seu brillo encóntrase notablemente diminuído, por non dicir ofuscado. Isto débese á crise de credibilidade xerada polo Pemexgate e polos informes do Consello de Contas, e mais a que non foi capaz de gañar con claridade ningún dos dous debates televisados nos que participou. Mais tamén, e eu diría que sobre todo, á re-emerxencia da figura dun Beiras engrandecido á medida que avanza a campaña e cuxa presenza fai que automaticamente a imaxe de Feijoo como único líder posible se vexa seriamente cuestionada.

Engádaselle a todo iso que a oposición non está a desangrarse en liortas internas –que as hai, pero de baixa intensidade e sen grande transcendencia de cara ao público– e temos o pior escenario posible para un PP que se enfronta a unha situación idéntica á que sofreu o bipartito nas eleccións de 2009: interminable debate sobre a data electoral, seguido dunha campaña que comeza plácida e remata agónica, culminado cunha amarga derrota perante un rival que semellara ao longo de toda a lexislatura estar á beira do KO. Cos mesmos ingredientes na panela, é ben posible que a receita dea o mesmo caldo.

Ao PP está a fallarlle o seu relato, dado que foi incapaz de definir a axenda de debate

O resumo da campaña do PP é claro: está a fallarlle o seu relato, dado que foi incapaz –nin directamente nin a través da imprensa subvencionada– de definir a axenda de debate, de xeito que se está a discutir non do que lle convén ao PP senón do que máis dano pode facerlle, polo que está a acabar a campaña a contrapé. A estas alturas, a súa única vaza é facer da necesidade, virtude: iso pasa por aproveitar a irrupción de Beiras no centro do escenario para polarizar a campaña e tensionar o seu propio electorado, formulando unha dicotomía Feijoo vs Beiras cuxo resultado ben pode resolverse a cara ou cruz.

Mais boa parte dos problemas do PP derivan non só dos seus propios fallos, senón tamén dun paradoxal fogo amigo, o da demoscopia da imprensa afecta á dereita. O exceso de celo da caverna mediática tanto en Madrid como en Galiza levou a outorgarlle unanimemente ao PP maiorías absolutas claras, contribuíndo a aumentar a bolsa de electores indecisos, moitos deles votantes do PP en 2009 mais pouco proclives a avalar o rumbo seguido por Feijoo e Rajoy; ao tempo, esas mesmas enquisas foron insuflando aire á AGE –o protagonismo do tracking de Sondaxe nese sentido foi impagable– até acabar por convertela nunha opción que entra de cheo no reparto diso que se chama voto útil, en todas as circunscricións. Esa semente está na orixe da espectacular irrupción de Beiras na segunda metade da campaña, ocupando un espazo que –ao difuminar o protagonismo de PSdeG e BNG– lle serve ao PP para reforzar o seu perfil de única alternativa de goberno, mais ao tempo formúlalle un desafío: lograr unha mobilización case plena do seu electorado, dado que a AGE pode contribuír a fomentar unha maior participación da esquerda habitualmente abstencionista.

Permítaseme reivindicar, neste punto, o papel esencial que están a xogar dous medios de comunicación: o moriturus El País Galicia, cuxos magníficos profesionais son capaces de dar o mellor de si mesmo nas actuais circunstancias, sacando á luz pública os datos dos informes do Consello de Contas; e esta Praza Pública que nos acolle, cuxo escueto pero brillante equipo de xornalistas foi capaz de pór na axenda de debate o Pemexgate, de desmascarar o xogo sucio do poder e de ofrecer unha cobertura da campaña á altura do medio de referencia no que pretende converterse, se é que xa non comezou a selo; e que ao tempo ofrece a única ágora amable para todas aquelas persoas que desexan o cambio, converténdose nun imprescindible foro de encontro mais tamén dun debate insospeitadamente respectuoso e construtivo na inmensa maioría das ocasións. E é que nunha cousa ten razón Feijoo: pódese facer máis con menos; e engado eu... cando as prioridades son ben definidas, e este xornal é exemplo tanxible diso.

A campaña da oposición: o Beiras que evoca, convoca e provoca vs todos os demais

En termos de concepción estratéxica, a campaña das forzas de oposición deixou bastante a desexar. (i) O PSdeG copiou a campaña do PP en 2009, cun lema que interpela mais non propón e simultaneamente mantendo a discutible estética do propio PSdeG naquela campaña, mais non conseguiu en ningún momento centrar a campaña do “Galicia decide” nunha elección binaria, a pesar do bo papel de Pachi Vázquez no seu duelo televisivo fronte a Feijoo e da boa valoración do PSdeG e do PSOE na defensa dos servizos públicos esenciais. (ii) O BNG definiu unha campaña en clave interna, facendo da soberanía e do concerto económico os seus eixos de campaña, o que só se pode entender como unha aposta a longo prazo de dubidosa eficacia se os resultados inmediatos non lle son favorables. (iii) A AGE preséntase sen máis programa que un conxunto de proclamas e a vontade de facer oposición á dereita, facendo da figura de Beiras o seu principal activo e ao tempo a cortina-de-fume para encobrir calquera contradicción. (iv) Só CxG optou por unha campaña claramente propositiva, mais a súa menor penetración no electorado, a ausencia dun líder capaz de facerse espazo nos medios e a escaseza de medios materiais son lastros difíciles de superar nun prazo tan curto e aínda máis coa concorrencia electoral que se dá nesta ocasión.

E nisto chega O' Beiras, incapaz de suxeitarse a calquera deseño partidario de campaña, e consegue colocarse no centro do escenario, en boa medida pola inacción dos demais e pola necesidade do PP de polarizar a campaña, mais tamén grazas ao seu instinto de animal político. Ou, máis ben, de animal telúrico, pois que O' Beiras transcende calquera explicación racional para virar un mito, unha sorte de símbolo sebastianista que evoca o país que Galiza podería ser, enchendo uns de entusiasmo e outros de receo.

O' Beiras transcende calquera explicación racional para virar un mito evocador, unha sorte de símbolo sebastianista

Á medida que Beiras consegue quebrar as fronteiras que confinaban a AGE dentro do apartado de forzas minoritarias e colocar os focos sobre a súa figura, impondo o seu relato como única oposición dialéctica fronte a Feijoo, o PP articula o seu contrarrelato. Ambos conseguen, así, convocar arredor de si o maior número de apoios, e no caso de Beiras é notable a diversidade de fontes das cales proveñen. Boa parte desa capacidade de Beiras nace das súas performances provocadoras, conseguindo estampar en titulares da imprensa galega e española as súas invectivas.

Beiras ofrece algo máis poderoso que análises de dubidosa validade e explicacións tan críticas como obvias

Non busquedes propostas programáticas, nin explicacións novidosas, nin sequera as bases dun proxecto político futuro. Beiras ofrece algo máis poderoso que análises de dubidosa validade e explicacións tan críticas como obvias: ofrece intanxibles tales como fe, esperanza e credibilidade. E basea a oferta na súa obra, que non é O atraso nin os seus testamentos políticos en forma de libros de conversas, senón el mesmo, obra-prima escrita en primeira persoa autobiográfica e avalada pola curia cultural do país.

E é que Beiras, como ser telúrico que é, consegue facer das súas palabras un exercicio de taumaturxia: logra aparecer como o único que di, que pon nome aos bois, mentres os demais semellan só falaren, aínda que pronuncien as mesmas palabras e mesmo as enfeiten con planos concretos que Beiras omite en todo momento. Dese xeito, Beiras conseguiu converterse no segundo grande asunto de conversa da campaña: nas conversas políticas dos bares e tabernas desta terra só se discutía se o PP tería ou non maioría absoluta, mais desde o final da primeira semana de campaña irrompeu a figura de Beiras como tema alternativo para unha boa parola. Loxicamente, a partir de aí o discurso de Beiras discorreu pola pendente da confluencia entre ambos aspectos, presentándose como garantía da derrota do PP.

O certo é que tanto é posible que teña razón como que se engane rotundamente, pois se o voto á AGE pode conseguir mobilizar novo electorado, en vez de só nutrirse da desafección cara ao PSdeG e ao BNG, tamén contribuirá a activar parte do electorado indeciso a prol do PP. Esa é unha das incógnitas da noite electoral, mais unha cousa é clara: se nas condicións habituais das últimas dúas décadas, as dúas forzas progresistas precisaban dunha vantaxe dalgúns millares de votos para se imporen á dereita en número de escanos, desta volta a maior fragmentación da esquerda obrigará a unha mobilización claramente superior á da dereita, de non menos de varias decenas de millares de votos e ao menos 3 puntos sobre censo.

O PSdeG preparou ben o terreo nos meses previos ás eleccións e conseguiu facer de Pachi un candidato máis coñecido e mellor valorado, mais o partido fallou na hora H

Canto ás demais candidaturas, o PSdeG é sen dúbida o grande perdedor en termos de rendemento na campaña electoral. Preparou ben o terreo nos meses previos ás eleccións –tentando reconectar cos movementos e sectores sociais dos cales se compón a súa base electoral– e conseguiu facer de Pachi un candidato máis coñecido e mellor valorado, mais o partido fallou na hora H. Erros como as acaloradas disputas públicas pola confección das listas, unidos a acidentes de percurso como a Operación Pokemon e á incapacidade para definir un discurso propio nun momento en que a matriz estatal non inxecta máis que perda de credibilidade, fixeron que o desempeño de Pachi Vázquez ficase en segundo plano, mesmo coa súa vitoria no debate televisivo fronte a Feijoo. Únase a iso a ausencia de propostas que permitan conectar co malestar social e mais a irrupción estelar dun Beiras especialista en morder no electorado do PSdeG, e non cabe concluír outra cousa que un resultado electoral máis próximo dos 20 escanos que dos 25 que agora ocupa o PSdeG, algo perfectamente lóxico en quen salta ao campo pensando en non perder por moito.

Esa mesma actitude pode reprochárselle ao BNG, que deu un ton nitidamente reactivo á súa campaña, a pesar de contar con algunhas das propostas programáticas máis interesantes. Nin soubo explotalas nin conseguiu pór en valor o traballo social realizado ao longo da lexislatura, ademais de cometer o gravísimo erro de non colocar en primeiro plano a máis que notable actuación de Jorquera na súa recén concluída etapa nas Cortes españolas. Do mesmo xeito que o PSdeG, a campaña do BNG estivo demasiado condicionada polos debates na TVG, o que levou a unha planificación conservadora dos tempos que saltou polos aires por conta do pésimo trato dado ao BNG polos grandes medios de comunicación e mais polo factor Beiras.

A partir do momento en que se visibiliza a potencia electoral da AGE é cando o BNG e o PSdeG cometen, xuntos, o seu maior erro: presentárense como eixo da alternativa de goberno a Feijoo, deixando dese xeito un flanco enorme para que Beiras siga a cultivar o voto do descontentamento

E é precisamente a partir do momento en que se visibiliza a potencia electoral da AGE cando o BNG e o PSdeG cometen, xuntos, o seu maior erro: presentárense como eixo da alternativa de goberno a Feijoo, deixando dese xeito un flanco enorme para que Beiras siga a cultivar o voto do descontentamento. Esa estratexia era correcta na altura nos debates na TVG, mais a escasos días do peche de campaña, tanto o BNG como o PSdeG deberían subir o diapasón ao invés de recluírense en xogos parlamentares. E deberían, tamén, facer unha severa autocrítica sobre o papel dos seus respectivos equipos de campaña, que non conseguiron mostrar suficientemente as virtudes dos seus candidatos, presentados ante a opinión pública como meritorios apparatchik sen perfil propio.

A propósito dos debates televisivos, é significativo que a valoración social foi mellor canto maior o nivel de cabreo mostrado, facendo primar a sintonía emocional sobre a capacidade analítica, expositiva e propositiva. Foi aí onde Pachi e sobre todo Jorquera, debido ao seu menor grao de coñecemento, conseguiron gañar puntos perante un Feijoo cínico e sen a menor dote para a empatía. Ademais, escenificaron a súa vontade de acordo de xeito convincente no cara-a-cara entre ambos, desarticulando unha das liñas argumentais do PP. Mais nin o un nin o outro se moveron coa mesma soltura ante os ataques de Beiras, que insistentemente metía o PSdeG e o BNG no mesmo saco que o PP, e iso pode custarlles caro a ambos. Especialmente ao BNG, que estará máis preocupado pola distancia a respecto da AGE que polo seu propio resultado en termos absolutos.

Ese é un defecto común a BNG e AGE: a tendencia a interpretar as eleccións como un solo e non como unha peza coral, mesmo con plena consciencia de que calquera alternativa pasa polo entendemento a tres ou catro bandas. Mesmo semella que entre as forzas de oposición só o PSdeG –ou polo menos o seu candidato, o que non é necesariamente equivalente– ten claro que quere gobernar, mentres o BNG acepta esa posibilidade cun sorriso amarelo para as cámaras e a AGE renega dela abertamente.

CxG desenvolveu sen dúbida a campaña máis orixinal tanto en propostas como en métodos

E para completar o panorama, está Compromiso por Galicia. Pouco se pode criticar da súa campaña, sen dúbida a máis orixinal tanto en propostas como en métodos, sendo con moitísima diferenza a máis modesta en recursos, mais o silenciamento case absoluto dos grandes medios e a dificuldade propia para definir con claridade un espazo político e electoral facilmente identificable fan que as súas expectativas estean ben por debaixo das do resto de forzas progresistas. Entrar no Parlamento xa sería un éxito, algo que CxG aspira a lograr en Ourense e Pontevedra, e nos cálculos máis optimistas mesmo na competidísima circunscrición da Coruña. Mais independentemente do resultado do domingo, CxG terá que dar resposta ás preguntas en aberto –fundamentalmente, sobre posicionamento e liderado– se desexa conseguir ter un rol protagónico no novo mapa de partidos que neste domingo comezará a deseñarse.

Conclusión e convite

Vou facer un exercicio –a medio camiño entre a sinceridade radical e a hipérbole– de hipercriticismo, segundo o cal podemos concluír que... (A) O PSdeG non merece o voto, pola súa indefinición ideolóxica e pola permanente ausencia dun compromiso claro co país. (B) O BNG non merece o voto, polo seu enclaustramento e a súa incapacidade para evoluír. (C) AGE non merece o voto, pola insalvable distancia entre o que di e o que é e mais pola carencia de propostas. E (D) CxG non merece o voto, por falta de madurez dun proxecto que aínda ten que decidir que lugar quere ocupar.

Os galegos merecemos un Parlamento plural e un Goberno que sirva de portavoz ás alternativas políticas e sociais fronte a esta distopía na que pretenden condenarnos a vivir

Mais... os galegos non merecemos catro anos máis de Feijoo; nin o empoleiramento soberbio dun Rajoy fortalecido; nin a desmontaxe e privatización sistemática dos sistemas públicos de sanidade e de educación; nin ser presididos por un mentireiro contumaz, cínico e insensible; nin o desprezo pola nosa cultura e pola lingua que a expresa; nin a destrución do noso medio natural ao servizo das contas de resultados das mesmas grandes corporacións que provocaron a crise; nin a fractura social e a emigración dos excedentes humanos que o noso tecido empresarial non consegue ocupar; nin a merma da nosa capacidade para decidir sobre o noso destino... Non merecemos, en fin, asistir como simples espectadores á destrución da nosa economía e dos nosos bens comúns en prol da instauración de relacións sociais cada volta máis xerarquizadas, autoritarias e predadoras humana e ambientalmente. Merecemos, polo contrario, un Parlamento plural fronte ás tentativas de Feijoo de recortar a democracia; e merecemos un Goberno galego que exerza as súas magras competencias políticas e financieiras coa prioridade nas persoas e non nas follas de Excel, un Goberno que sirva de portavoz e soporte –en Galiza pero tamén no Estado español e en Europa– ás alternativas políticas e sociais fronte a esta distopía na que pretenden condenarnos a vivir.

Propoño que declaremos o domingo día de festa, que votemos e que inundemos as rúas, prazas e camiños do país de ilusión polo cambio

Por iso chamo a votar por calquera das forzas progresistas indicadas máis enriba. Non pensando no que elas merecen, senón no que merecemos nós, cidadáns que queremos selo dun país que camiñe cara á conquista de máis prosperidade, máis xustiza e máis liberdade. Deixalo para comezar a partir do luns pode ser tarde demais. Por iso propoño que declaremos o domingo día de festa, que votemos e que inundemos as rúas, prazas e camiños do país de ilusión polo cambio. E que deixemos as cábalas e as esixencias para o luns, e desde ese momento exerzamos a crítica de xeito tan contundente como sexa mester. Fagamos do domingo non unha alba de groria, mais si un abrente de esperanza. Estás nas nosas mans, somos máis e temos a razón histórica da nosa parte. Poñámonos en marcha!

*  *  *

Notas de campaña (I). Man de seda en luva de ferro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.