O BNG, atrapado na espiral

A espiral é o símbolo da UPG, unha icona da propia esencia antropolóxica galega que abunda nos petróglifos e da que Méndez Ferrín ten feito fantásticos poemas e relatos. A espiral é, segundo o dicionario da RAG, a "liña curva que dá voltas ao redor dun punto fixo, separándose cada vez máis del". Metáfora perfecta para un BNG encabalgado na espiral, afastándose cada vez máis do punto fixo de calquera partido político: a realidade, as coordenadas nas que a cidadanía cruza as súas arelas coas súas posibilidades.

Metáfora perfecta para un BNG encabalgado na espiral, afastándose cada vez máis do punto fixo de calquera partido político: a realidade

Persoalmente, pensaba que na propia noite electoral na que a fronte perde cinco dos seus 12 escanos no parlamento galego o Consello Nacional do Bloque dimitiría en pleno e anunciaría unha Asemblea Extraordinaria de refundación. Equivoqueime. Ao candidato Francisco Jorquera sentinlle moito mentar a Xosé Manuel Beiras e denunciar pinzas políticas que danaron o nacionalismo.

Hai que aclarar que no suposto de que todos os votos que obtivo a AGE fosen para o BNG, o PP seguiría a ter unha maioría absoluta ben cómoda de 40 escanos. Polo tanto, o obvio apoio que La Voz de Galicia lle deu á nova coalición de IU e Anova non se pode converter na xustificación da pesada derrota do Bloque. Tampouco convence xa a ladaíña de que se eliminan do debate diario a identidade e o autogoberno porque ambos conceptos eran pivotes do discurso de Beiras, amais de que poucas veces antes desde a aprobación da Constitución do 1978 se falou nos medios madrileños tanto de soberanismo, independencia e dereito de autodeterminación.

Na esquerda só se crea alternativa unindo sensibilidades. Ben a posteriori, como fixeron felizmente o PSOE e o BNG en moitos espazos, incluída a Xunta, ben a priori, como buscou facer a AGE

Fincar tanto a mensaxe en que a alianza do nacionalismo beirista con IU só beneficia a coalición que dirixe o Partido Comunista de España é unha simplificación que a cidadanía castigou. A estrutura electoral de Galiza segue a ser a mesma a pesar da crise: a dereita consegue votos cunha precisión de reloxeiro e na esquerda só se crea alternativa unindo sensibilidades. Ben a posteriori, como fixeron felizmente o PSOE e o BNG en moitos espazos, incluída a Xunta, ben a priori, como buscou facer a AGE. Nese ensaio de mestizaxe de emerxencia para salvar o Estado social, as forzas participantes poden presumir de atraer o voto de ao redor de 200.000 persoas. Nese diálogo entre diferentes para encontrar puntos en común estivo, está e estará o único camiño realista para acabar coa "maioría ríxida" do aparato popular.

Certos dirixentes do Bloque consideran que danan o futuro dunha Anova independente insistindo en que o seu programa está suxeito ás necesidades de IU. Esa loita dentro do nacionalismo é fratricida e dificulta que a sociedade galega perciba que as forzas propias son necesarias e útiles para resolver os seus problemas e vivir mellor no futuro. Esquivar o papel relevante do nacionalismo personificado en Beiras na AGE tíralle forza ás referencias propias.

O BNG logrou ser a casa común do nacionalismo durante moitos anos. Non se entende que se desprece no Bloque actual o seu propio pasado

O BNG logrou ser a casa común do nacionalismo durante moitos anos. Non se entende que se desprece no Bloque actual o seu propio pasado. "Cando mellores resultados obtén Beiras mellores resultados obtén o PPdeG" é unha frase que creba o afecto por un proxecto que se gababa de admitir todos os matices do nacionalismo galego. A que vén ese axuste de contas retroactivo? Cantos anos foi Beiras a cabeza visible do Bloque? Cantas persoas en Galicia se fixeron nacionalistas porque admiraban o discurso de coherencia e brillantez de Beiras?

A febleza da ideoloxía nacionalista no tecido social de Galiza esixe que todas as sensibilidades se unan para gañaren visibilidade e poder de decisión

A febleza da ideoloxía nacionalista no tecido social de Galiza esixe que todas as sensibilidades se unan para gañaren visibilidade e poder de decisión. Esa vía segue a ser a única posible. Se, como di o alcalde de Teo, Martiño Noriega, non pode ser baixo o mesmo teito, que sexa, polo menos, en chalés adosados. É hora de iniciar o camiño de retorno cara ao centro da espiral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.