Refundar o PSdeG: discurso, democracia, equipo e ilusión

Cando comezou no PSdeG o proceso de pasokización electoral que cristalizou este domingo coa perda da segunda posición política cara Alternativa Galega de Esquerdas en cidades como Coruña ou Ferrol? O propio Odón Elorza abría xa onte, a raíz dos resultados en Galicia e no País Vasco, o debate sobre se non só no PSdeG, senón tamén no PSOE, “algo estaríamos facendo mal”, pero realmente os vasos comunicantes da política española conflúen ó cento por cento coa política galega, e polo tanto están inexorablemente relacionadas, de xeito que o afundimento de Rubalcaba, ten coa caída de Pachi Vázquez, unha relación lóxica de causa-efecto?

Cando comezou no PSdeG o proceso de pasokización electoral que cristalizou este domingo coa perda da segunda posición política cara Alternativa Galega de Esquerdas en cidades como Coruña ou Ferrol?

A estas horas, mentres escribo, ábrese no PSdeG un duro debate sobre se Pachi Vázquez e a CENG deben ou non dimitir, como fixo Emilio Pérez Touriño no 2009, para dar paso a un novo Congreso Galego. E non podo menos que contribuír a poñer algunas reflexións sobre a necesidade de facer cambios no PSdeG. O peor que podería pasar no socialismo galego é que tras estes resultados, nada variase e todo seguira como ata o de agora. O poder, e por suposto o poder orgánico, implica decisións, pero tamén accountability, a devolución da confianza trala toma de decisións representada na información, a transparencia e a asunción de responsabilidades.

O PSdeG, por seguir coa pregunta coa que abrín este artigo, comezou a pasokizarse no intre en que deixou de mirar á sociedade e actuar como unha ferramenta de transformación social, de vontade colectiva, e comezou un proceso de “encapsulamento”

Antonio Gramsci definía os partidos como “un organismo ou elemento da sociedade no cal comezan a concretarse unha vontade colectiva recoñecida e afirmada parcialmente na acción…” Seguindo este argumento ex adverso, os partidos que non reflicten vontades colectivas afirmadas na acción, deixarían de ser partidos ou cando menos minorarían o seu peso na historia dese país, ou como Gramsci mesmo definía: “un partido terá máis ou menos significado e peso na medida en que a súa actividade contribuíse máis ou menos á historia do seu país”. Seguindo esta liña argumental, e sempre dende unha óptica persoal, penso que o PSdeG, por seguir coa pregunta coa que abrín este artigo, comezou a pasokizarse no intre en que deixou de mirar á sociedade e actuar como unha ferramenta de transformación social, de vontade colectiva, e comezou un proceso de “encapsulamento” que o levou non só a liortas internas fratricidas, que non son máis que o resultado dun problema maior, senon a unha dunha deriva discursiva que xa comezou a albiscarse na última etapa do gobernó bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño.

Se miramos atrás, no ano 1998, no Congreso de Ourense, o PSdeG de Touriño levantou a bandeira de Galicia como símbolo de identidade, o que lle permitiu, incluso en tempos tormentosos no PSOE español, recuperar espazo electoral do nacionalismo daquela representado polo propio Beiras da man do BNG dos anos 90, unha ferramenta electoral tan ou máis potente que a recén creada Alternativa Galega de Esquerdas.

O progresivo crecemento electoral e institucional ten levado ó PSdeG a instalación dun “sanedrín político” que durante anos xestionou os tempos políticos dende 2004

Pero o progresivo crecemento electoral e institucional ten levado ó PSdeG a instalación dun “sanedrín político” que durante anos xestionou os tempos políticos dende 2004, pasando pola perda da Xunta de Galicia, ata a chegada de Pachi Vázquez á secretaría xeral do PSdeG, no que este afirmou o seu poder interno a través dun suicida “divide e vencerás”, a través da progresiva eliminación política de figuras de peso intelectual do grupo parlamentario ou das candidaturas electorais, institucionalizando deste xeito un conflito interno que xa viña lastrado entre as diferentes familias internas (touriñistas, varelistas, blanquistas,…), que propuxeron como sucesor de Touriño, trala perda da Xunta de Galicia, a Pachi Vázquez como mal menor, pero non o deixaban despegar, afastando con elo o PSdeG da sociedade na súa acción política.

O PSdeG viviu de costas a sociedade mentres varios condottieros loitaban por implantar o seu poder

A perda de potencia discursiva é máis que evidente no momento en que a reivindicación de Galicia queda en actos testimoniais ou reivindicacións de reforma do estatuto de autonomía dende ópticas conservadoras, pero sen unha aposta cultural e lingüística de calado real. Feito que se traslada á escasa presenza no mundo académico, sindical, profesional e mesmo empresarial. O PSdeG viviu de costas a sociedade mentres varios condottieros loitaban por implantar o seu poder, o que La Palombara definía como the only game in town, eliminando ós seus rivais e sen intencións reais de integración, e por contra, deixando feridas e axustes de contas por todo o partido. A creba máis grande de autoridade interna das estruturas nacional galegas producíase nun intre no que os liderados municipais voltaron, coma nos anos 90, a visualizarse por riba do secretario xeral do PSdeG, como aconteceu no debate sobre a fusión das caixas, nos que cada día parecía que Abel Caballero e Javier Losada xogaban con Pachi Vázquez ó pin pan pun, mentres o voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga trataba de tecer unha posición autonómica seria e comprometida co país.. A deslexitimación do liderado autonómico foi foi un elemento máis que sumou o crecente descrédito do PSdeG como ferramenta da sociedade, cun discurso harmonizado de país, para converterse nun reino de taifas autonómico.

A creba máis grande de autoridade interna das estruturas nacional galegas producíase nun intre no que os liderados municipais voltaron, coma nos anos 90, a visualizarse por riba do secretario xeral do PSdeG

Unido á creba orgánica e discursiva, a crecente desafección interna dos afiliados e militantes quedaba cada vez máis patente nos diferentes procesos congresuais locais, autonómicos ou provinciais, ou procesos de selección de candidatos para listas, nos que se botaba claramente en falta a democracia interna e a utilidade da participación, feito que fixo reflexionar a moitos dos seus militantes e chegar á conclusión de que a súa opinión non valía ou non era tida en conta, e que candidatos votados masivamente nunha provincia, non resultaban integrados nas listas electorais porque non eran da corda deste ou doutro alto cargo. A conclusión lóxica deste proceso foi a apatía electoral interna e externa, o transvase intra-bloque e non inter-bloques. A caída electoral do PSdeG non ten só que ver coa abstención. Sería un erro grave de análise non darse conta que ANOVA lle fixo unha fuga ó casco da nave do PSdeG polo que fuxiron miles de votos. Erro que se o PSdeG non diagnostica ben pode levalo a ocupar a 3ª posición no Parlamento como xa lle pasou coa candidatura de Abel Caballero en 1997, en detrimento do BNG.

A caída electoral do PSdeG non ten só que ver coa abstención. Sería un erro grave de análise non darse conta que ANOVA lle fixo unha fuga ó casco da nave do PSdeG polo que fuxiron miles de votos

Cales son por tanto as receitas que penso que necesita o PSdeG? En primeiro lugar, unha aposta clara por unha refundación. Unha refundación que debe ter catro patas. En primeiro lugar, renovación discursiva que recupere de xeito real e auténtico o galeguismo político como frontispicio de acción política do PSdeG, para recuperar a credibilidade de ferramenta política ó servizo da colectividade galega, pero non como quen cambia de traxe, senón para levar a cabo unha verdadeira transformación social (nulla esthetica sine ética). Se os cidadáns perciben que o cambio é só unha pantalla, seguirán pensando que o PSdeG é una edificación burocratizada e vertical ó servizo de elites que como ben dicían Mills, Pareto ou Gaetano Mosca, só procuran perpetuarse no poder da man da “lei de ferro das oligarquías”

En segundo lugar é necesaria unha aposta por curar as feridas abertas durante os recentes procesos de renovación interna. Desgraciadamente tendemos a pensar que a renovación sempre implica sacrificios de compañeiros, loitas agónicas ou noites de “coitelos longos”. Debemos recuperar a etimoloxía da verba renovación (renovatio era o termo latino recuperado no século XIV polos artistas italianos e utilizado no XIX entre o mundo da cultura do renacemento ou rissorgimento europeo na súa acepción  de “re-novación ou re-nacemento” para expresar a grande necesidade de crear e expresar as súas ideas nun continuum histórico”) e non fusilar politicamente a compañeiros básicos só coa escusa dunha pretendida autoridade política que da unha vitoria interna, ben sexa axustada ou avultada, e que non esconde máis que unha aspiración de práctica inquisitorial onde o dogma o marca o líder e os heterodoxos son expulsados. Sen diferenza non podemos ser representantes da sociedade, que é plural. Sen crítica construtiva non podemos acumular capital social. Compre por tanto un proceso de sanación da organización.

Sen diferenza non podemos ser representantes da sociedade, que é plural. Sen crítica construtiva non podemos acumular capital social. Compre por tanto un proceso de sanación da organización

Se partimos por tanto da democracia interna como ferramenta de traballo, chegaremos á conclusión de que en terceiro lugar, debemos xerar equipos multidisciplinares e asumir que a construción de proxectos non se pode realizar sen acumular saberes, experiencias e coñecementos plurais e multidisciplinares. E para elo debemos apostar por un PROXECTO NO QUE TODOS/AS POIDAN PARTICIPAR. E para iso é por tanto necesario o apoio a unha nova xeración de mozos e mozas no PSdeG, e combinalo coa experiencia das figuras máis senlleiras do partido consideradas como o noso patrimonio inmaterial común: a historia do socialismo galego, os seus referentes, os liderados do pasado teñen que ter voz activa, ter maior presencia nos eidos sindical, universitario e académico pero tamén no mundo empresarial e dos emprendedores. O PSdeG abandonou hai anos toda pretensión de ter unha presencia activa nos círculo económicos onde se decide o futuro do noso país para poder operar a través delas na sociedade: Cámaras de Comercio, Confederacións, Asociacións, Caixas…. O PSdeG debe ter presencia real nese mundo. E por riba de todo, é o momento de que unha xeración do PSdeG de o salto adiante e asuma que chegados son os tempos de asumir responsabilidades no PSdeG máis alá das afinidades a certos grupos ou persoas. É o momento dunha nova xeración de lideres que agromou nos anos 2000-2012 e que deben, co consello dos veteranos, pero sen engurrarse, asumir o liderado no PSdeG para recuperar o pulso da sociedade.

É o momento dunha nova xeración de lideres que agromou nos anos 2000-2012 e que deben, co consello dos veteranos, pero sen engurrarse, asumir o liderado no PSdeG para recuperar o pulso da sociedade

E por último o PSdeG debe recuperar a ilusión. Un partido que se sabe perdedor non ilusiona, non xera sentimentos. E todos sabemos que as campañas sen sentimento non xeran apoio social. O grande erro dos que pensan que “externalizar” as campañas electorais a axencias especializadas é sinónimo de profesionalización política cometen o erro de pensar que os expertos poden traballar con material de mellor ou peor calidade, pero que en todo caso, a súa labor é de apoio e asesoramento non é substitutivo da identidade dun partido. Mesmo alí onde os partidos son máis plataformas electorais que en Europa, como é o caso dos EEUU, existen uns valores subxacentes que conforman o core da organización, o seu self. Ilusionar polo tanto, é mover ós cidadáns cara un proxecto político non só por argumentos, senón tamén por sentimento. Se unha lección deu Xosé Manuel Beiras nestas eleccións, é que o contido (discurso e sentimentos) é máis importante que o continente (partido ou estrutura electoral), e non faría mal o PSdeG en tomar nota so pena de perder de vista que a política como actividade, ten, cando menos, tantos compoñentes subxectivos como obxectivos.

Se unha lección deu Xosé Manuel Beiras nestas eleccións, é que o contido (discurso e sentimentos) é máis importante que o continente (partido ou estrutura electoral)

Conclusión: O PSdeG debe avanzar cara un proceso de refundación interna que permita o rexurdimento dun PSdeG, sen avalanchas nin tropeis, sen sangrías innecesarias, sen acusacións e coiteladas, pero sen procesos de autoalienanción interminábeis, pero que sexa quen de ollar ó pasado sen rancores nin complexos, e de mirar ó futuro sen complexos, con ilusión, valentía e verdadeiras arelas de transformar Galicia para construír entre todos, un lugar mellor para vivir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.