Contra o capitalismo e a súa austeridade

O pasado sábado 27 de outubro tivo lugar en todo o país unha mobilización cidadá desobediente e non violenta que xorde como protesta masiva ante a crecente restrición de dereitos e liberdades públicas ás que o actual sistema económico e político está sometendo á cidadanía. Un nutrido grupo de cidadáns e cidadás que, en representación dunha parte importante da cidadanía que non está de acordo co rumbo que están tomando as cousas e coas medidas adoptadas polo Goberno, manifestan pacificamente o seu desencanto e a súa negativa a perpetuar un sistema inxusto que permite que cada vez sexan máis as persoas que viven na pobreza mentres a minoría privilexiada sigue aumentando as súas contas bancarias. Estas mobilizacións veñen motivadas pola determinación do pobo a facer fronte a un réxime inxusto, desigual e indigno que, amparado na imposición de austeridade que chega dende Europa, prolonga e lexitima a dominación da minoría que ostenta o poder fronte á maioría.

As irregularidades cometidas polo sistema financeiro e as grandes empresas e multinacionais pasan hoxe factura ao pobo, afogado polos estragos dunha “crise” da que non ten culpa

Non foi o única mobilización que tivo lugar nos últimos días. As accións dos días 23 e 25 de outubro coincidiron coas xornadas de debate para a aprobación definitiva dos presupostos xerais para o ano 2013. Uns presupostos que, como cabía esperar, destinarán unha porcentaxe desproporcionada ao pago da débeda contraída por unha elite económica (grandes empresas e sector financeiro) que durante anos e de xeito impune realizou unha pésima xestión encamiñada, unicamente, a engrosar as súas propias contas en detrimento da cidadanía, mentres a clase política e os medios de comunicación maioritarios facían a vista gorda. Así, as irregularidades cometidas polo sistema financeiro e as grandes empresas e multinacionais pasan hoxe factura ao pobo, afogado polos estragos dunha “crise” da que non ten culpa, e que se salda co recorte de liberdades e dereitos básicos, o desmantelamento dos distintos mecanismos de solidariedade, altísimas taxas de desemprego, aumento dos impostos,  retroceso nas condicións laborais dxs traballadorxs ou ataque e limitación  das liberdades, entre outras.

A desigualdade é un mal endémico e crecente da nosa sociedade. Así, os ricos son cada vez máis ricos, e os pobres cada vez máis pobres, coa particularidade de que este segundo grupo está medrando a marchas forzadas como resultado das políticas neoliberais que Goberno ven adoptando. Así, esta desigualdade destápase como consecuencia lóxica dun sistema creado para favorecer á minoría privilexiada a costa dunha maioría sometida, que ve ademais como os seus chamamentos á xustiza social son reprimidos polas forzas de seguridade.

Unha parte importante da cidadanía opta pola toma de conciencia crítica e a adopción dun papel activo na protesta, na loita contra este sistema capitalista, inxusto e restritivo

Por iso nestes tempos, máis ca nunca, cómpre manter  a fe no cambio e no poder do pobo. Neste contexto unha parte importante da cidadanía opta pola toma de conciencia crítica e a adopción dun papel activo na protesta, na loita contra este sistema capitalista, inxusto e restritivo que promove a desigualdade e pretende despoxar á cidadanía da súa dignidade. Hoxe a mobilización cidadá destápase como a opción máis responsable para facer fronte a un sistema que persegue a limitación dos dereitos da cidadanía e a restrición das liberdades. 

Cómpre promover, por tanto, a participación activa na FOLGA XERAL do vindeiro 14 de novembro, unha folga que atinxe tanto ao ámbito laboral como ao social (atendendo a reivindicacións relacionadas co recorte de dereitos, o imperialismo, a ditadura dos mercados, as restricións ás liberdades individuais…).

A cidadanía, en coherencia cos seus principios éticos e a súa conciencia e compromiso social, rebélase contra o sistema. Compre saír á rúa sen medo, en defensa do pobo e duns principios universais como a xustiza, os dereitos e a igualdade. ¡¡¡Defendamos os dereitos e as liberdades de todxs nós!!!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.