A necesaria reforma electoral

A nosa normativa electoral é a que é e cómpre acatar os resultados obtidos de acordo coa súa aplicación. Mais semella que as regras da representación non se están a cumprir de xeito moi acaido á vista de que o voto do 45% (28,5% do censo electoral) xera unha maioría absoluta de 41 sobre 75. A caída do segundo partido a niveis do vinte e poucos por cento poderá seguir a deparar esta caste de escenarios, á vista da fortísima corrección que a normativa D’Hondt impón a proporcionalidade a prol do partido máis votado.

Proporcionalidade que, de primeiras, esixe unha circunscrición electoral única para toda Galicia en toda caste de eleccións superalocais (galegas, estatais e europeas), evitando que o voto dun ourensán valla moito máis ca o dun coruñés ou ferrolán

Que lle compre, pois, ao noso Dereito electoral? Recuperar certa proporcionalidade, para non contribuír ao desleixo cara o público, evidente nas últimas eleccións na alta abstención e votación nula, en branco ou a prol do partido Escanos en Branco. Proporcionalidade que, de primeiras, esixe unha circunscrición electoral única para toda Galicia en toda caste de eleccións superalocais (galegas, estatais e europeas), evitando que o voto dun ourensán valla moito máis ca o dun coruñés ou ferrolán. Tamén require da substitución da regra D’Hondt por un sistema proporcional no que cada partido quitaría un número de escanos proporcional aos seus votos, adxudicándose os últimos escanos aos mellores restos. Xa que logo, cos resultados do 21-O, o PP tería 35 deputados e AGE 10. Neste sistema suprimiríase a pouco democrática limitación de acceso ao Parlamento ás forzas que obtiveran menos do 5% dos votos.

Mais unha tal reforma requiriría dun certo consenso social e político e para iso compre,en primeiro lugar, asumir a plena conciencia de que o noso sistema electoral é antigo, pouco representativo e favorecedor en exceso dos partidos maioritarios e, nomeadamente, do bipartidismo. Ao mesmo tempo, a adopción das candidaturas abertas semella, tamén, inaprazábel.

 

A arrincadeira: Unha Europa a 29?

Rajoy e Cameron coinciden en ameazar escoceses e cataláns coa súa suposta exclusión da Unión de se decidir pola independencia, sen dúbida para lles asustar no seu imparábel proceso de autodeterminación. Territorios tan vencellados á Europa acadarían a plena integración como novos Estados da UE en moi pouco tempo, mesmo sen períodos transitorios. Alemaña e os pequenos e medianos Estados serían moi favorecedores desta integración. Ou sexa que ese conto, a forza de se repetir, cada vez vai asustar a menos xente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.