O futuro chámase unidade

Os resultados das recentes eleccións ao Parlamento Galego supuxeron un severo varapao para o nacionalismo galego no seu conxunto e afondaron no retroceso, agora dramático, da confianza que a cidadanía galega levaba depositando nas forzas que defenden o dereito a decidir do noso país.

É abondo evidente que, a pesar de que algúns altofalantes queiran malinterpretar os resultados e sumar as actas dunha coaligazón que si ten nacionalistas no seu seo, aquela presentouse ao electorado da man de destacados líderes do PCE e IU, tal Cayo Lara, quen deixou ben claro que en Galiza xogaban a facer política española. As bandeiras republicanas tricolores, que representan claramente esa vocación, ondeando nos actos da coaligazón antisistema, son a evidencia simbólica da estratexia asimiladora dunha forza que non ten no noso país os seus ámbitos finais de decisión e que, xa que logo, a fai incompatíbel cos principios da autoorganización e a soberanía nacional.

A clara derrota do nacionalismo puxo de manifesto as funestas consecuencias que se prediciron tras a ruptura da unidade organizativa resultante da asemblea de Amio

A clara derrota do nacionalismo puxo de manifesto as funestas consecuencias que se prediciron tras a ruptura da unidade organizativa resultante da asemblea de Amio. As causas son coñecidas e a explicación delas, tamén. Se quixermos reconstruír a creba, de nada valería repetilas e, moito menos, buscar culpábeis ou reiterar argumentos. Como nada é branco nen mouro e sempre hai matices, de seguro que houbo erros e boas intencións de todas as partes e, agora mesmo, o único certo é o desenlace final.

 

Esas fondas disensións, nas formas e no fondo, supoñen que se faga practicamente imposíbel a reunificación en torno aos mesmos moldes e sen cambiar as receitas

Aquela ruptura fixo visíbeis as diferenzas insalvábeis de modelo organizativo e orientación política que se fraguaron na última asemblea da, até daquela, casa común do nacionalismo galego. Estouparon os consensos e rachou o proxecto común, e con eles a fronte nacionalista. Esas fondas disensións, nas formas e no fondo, supoñen que se faga practicamente imposíbel a reunificación en torno aos mesmos moldes e sen cambiar as receitas. E, a pesar dos resultados eleitorais acadados, tampouco semella realista pensar que as diferentes familias nacionalistas queiran renunciar á esencia das súas posicións de partida e, unha delas, ás súas alianzas extragalegas.

No entanto, a dramática situación á que o centralismo español e mais as políticas neoliberais conduciron ao noso país fai hoxe imprescindíbel, máis que nunca, a unidade do nacionalismo e o galeguismo. Está en xogo o futuro dunha Galiza como nación europea que impulse o seu desenvolvemento a partir da dinamización definitiva dos seus sectores produtivos e que permita retomar e intensificar o estado do benestar coa ferramenta do autogoberno, sen outros límites que os que o propio pobo galego autodetermine.

Dita unidade, hoxe en día improbábel no plano orgánico e programático, debería comezar a se tecer desde abaixo, volvendo a restaurar confianzas perdidas e complicidades precisas. Para iso, cómpre que continúen a emerxer novos liderados sociais, orgánicos e institucionais que recollan a testemuña, rectifiquen erros do pasado, escoiten as voces da cidadanía pedindo a rexeneración democrática, abran novos camiños e, finalmente, refunden o proxecto común do nacionalismo galego.

Dita unidade, hoxe en día improbábel no plano orgánico e programático, debería comezar a se tecer desde abaixo, volvendo a restaurar confianzas perdidas e complicidades precisas

As próximas citas electorais, municipais e europeas, deberían supor un punto intermedio, baixo a fórmula de coaligazón electoral, do camiño cara á superación das feridas e desconfianzas, á madureza definitiva e á conquista da hexemonía social e política que permita a Galiza encarar o seu futuro con confianza en si propia. Temos os vimbios, só cómpre tecer, coas mans de todos, un bo cesto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.