Oubiña, a trabe

Boa parte da traxectoria firme do Celta desta tempada débese á achega de Borja Oubiña, o xogador insignia do equipo, convidado pola directiva celeste a unha renovación vitalicia. Este éxito do internacional vigués énchenos de ledicia xa que supón a súa recuperación como futbolista profesional, tras a gravísima lesión que tivo en setembro de 2007 en Anfield, naquel fatídico partido no que debutaba na Premiere League co Birmingham City. Aínda lembro a conmoción que nos producíu velo saír en padiola, transcorridos apenas once minutos do inicio do partido, tras unha durísima entrada de Dirk Kuyt, o internacional holandés do Liverpool.

Oubiña sufríu unha das máis graves lesións dun futbolista, a rotura dos ligamentos cruzado anterior e lateral do xeonllo esquerdo e dos cornos posteriores de ambos os dous meniscos. Unha lesión cruel que lle supuxo catro operacións moi delicadas e varias recuperacións e recaídas. Un calvario que durou catro anos que Borja superou grazas ao seu enorme espírito de superación. Supoño que aquela lembranza dolorosa de Anfield, unha das catedrais do fútbol internacional onde se conta ao comezo e ao remate dos partidos o emocionantísimo You ‘ll Never Walk Alone, funcionou en Borja como un acicate durante o longo período de recuperación, aquelas horas de ximnasio na Madroa, en soidade, nas que pelexou por continuar sendo futbolista.

Abofé que o conseguíu. Oubiña é a mellor fichaxe do Celta esta tempada, a trabe sobre a que está construíndo as aspiracións de ascenso. Sobre a lameira é o líder que manexa o diapasón do xogo, a cadencia que densifica e serena a estratexia defensiva, o traballador esforzado que recupera e decontado abre á banda coa precisión do ciruxián. Borja organiza sen estridencias, nin berros, mais con indubidable autoridade, agarima e achega confianza aos rapaces da canteira para que eles medren, acudindo sempre onde máis se lle necesita.

Esta achega de arquitecto e albanel de Oubiña é decisiva no Celta de Herrera. Na noitiña da sexta feira pasada, os celestes fixeron unha primeira parte deplorable, na lameira no agromou nin unha idea de xogo. Porén, tras a reanudación, co marcador en contra e sentindo o medo dos seareiros, apareceu a afouteza de Oubiña recuperando balóns a esgalla que logo distribuía con cadanseu pase milimétrico sobre a banda para que alí, no territorio decisivo, as filigranas de Iago Aspas e Orellana os fosen convertendo en gol. Corenta e cinco minutos de xogo eficaz, moderno, fermoso dun mediocentro soberbio, que deseñou unha magnífica remontada. Na bancada de Balaídos volvemos cantar como nas xornadas de gloria do xogo da serpe: «Oubiñas veñen, Oubiñas veñen e van».

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.