Sen investigación non hai futuro

Paga a pena que nos preguntemos por que a crise está a afectar a España máis que a outros países. E non me refiro só a qué a causou, senón fundamentalmente ás súas repercusións en fervenza e sobre todo ás dificultades para saír dela con razoable rapidez. Aínda que non hai unha única causa, hai un consenso xeneralizado nunha variable moi significativa: a economía española, o noso modelo produtivo, non está suficientemente baseado na investigación, o desenvolvemento e a innovación.

Abonda con lembrar que o gasto global en I+D+i en España en 2011 foi do 1,38% do PIB, mentres que a media da Unión Europea foi do 2% e en Alemaña, por exemplo, situouse no 2,8%, é dicir máis do dobre

Se queda algunha dúbida, abonda con lembrar que o gasto global en I+D+i en España en 2011 foi do 1,38% do PIB, mentres que a media da Unión Europea foi do 2% e en Alemaña, por exemplo, situouse no 2,8%, é dicir máis do dobre. E aínda que sexa obvio cómpre insistir que non estamos a falar de cantidades absolutas senón da proporción do producido no país, que se dedica a I+D.

Por iso, cun diagnóstico tan claro, non se entende como desde 2008, cando a crise estala de modo inexorable, a resposta dos Gobernos sucesivos foi unha redución sistemática das partidas dedicadas a I+D nos Orzamentos Xerais do Estado, estrangulando dese modo o que debería ser a mellor (por non dicir a única) vía sólida de saída da crise. Redución que chega ao paroxismo no ano 2012 cun recorte superior ao 25%, nove puntos superior á media de recorte dos distintos ministerios. Que mensaxe extraer de aí? Claramente, que o investimento en I+D+i é prescindible. Polo menos a pública. O Goberno repite machaconamente que o noso principal déficit en I+D procede do sector privado e que por tanto debe ser o financiamento privado quen encha as lagoas deixadas polo retroceso no financiamento público. E con iso está a deixar o sistema público de I+D nunha situación precaria e case insustentable.

É certo que o investimento privado en España en I+D é escaso: do gasto en I+D en 2010 só un 40% era de orixe privada, mentres que na UE esta porcentaxe se achega ao 60%. Pero pensar que isto vai cambiar da noite para a mañá sen unha estratexia específica para iso, é absurdo, e o Goberno sábeo

É certo que o investimento privado en España en I+D é escaso: do gasto en I+D en 2010 só un 40% era de orixe privada, mentres que na UE esta porcentaxe se achega ao 60%. Pero pensar que isto vai cambiar da noite para a mañá sen unha estratexia específica para iso, é absurdo, e o Goberno sábeo. En primeiro lugar porque o 90% das nosas empresas son pequenas e medianas e máis do 30% mesmo dificilmente poden catalogarse así ao contar con menos de 5 empregados. Todo iso configura un tecido empresarial de difícil penetración para a innovación, que precisa de estratexias e incentivos ben definidos.

Mellorar a presenza da I+D no noso tecido produtivo require inxectar no mercado laboral persoas altamente cualificadas e un bo número de doutores habituados ás tarefas de investigación e de exploración de camiños novos

En segundo lugar, os datos indican que desde o comezo da crise o número de empresas que fan I+D, así coma o seu investimento na mesma, descenderon, crebando a liña ascendente seguida até entón. E que alí onde a actividade de I+D se conserva é principalmente onde conflúen o financiamento público e privado, polo que a diminución da primeira conducirá previsiblemente á retirada da segunda. Mellorar a presenza da I+D no noso tecido produtivo require inxectar no mercado laboral persoas altamente cualificadas e un bo número de doutores habituados ás tarefas de investigación e de exploración de camiños novos e ignotos. Pero lonxe diso os recortes están a levar por exemplo á diminución do número de doutores.

Pensar que a iniciativa privada do noso país vai cambiar a súa estratexia de rendibilidade a curto prazo polo investimento en I+D, que pola súa natureza esixe tempos longos e non está exenta de riscos, é ir en contra dos feitos contrastados

En terceiro lugar, pensar que a iniciativa privada do noso país vai cambiar a súa estratexia de rendibilidade a curto prazo polo investimento en I+D, que pola súa natureza esixe tempos longos e non está exenta de riscos, é ir en contra dos feitos contrastados até agora, a menos que se tomen medidas para iso.

Finalmente, hai que negar a maior: non é certo que o financiamento público da I+D en España sexa maior que o dos nosos veciños da UE. Aínda que representa o 60% dese exiguo 1,38% do PIB, non chegaría a cubrir nin o 40% se nos situásemos na media europea do 2%. Noutras palabras, non se trata de diminuír o orzamento público para equilibrar a proporción público-privado, senón de incrementalo e atraer o privado para chegar así ao nivel dos nosos veciños.

Non se trata de diminuír o orzamento público para equilibrar a proporción público-privado, senón de incrementalo e atraer o privado para chegar así ao nivel dos nosos veciños

Mentres tanto, coas medidas actuais, o noso sistema público de I+D vai adelgazando no que parece ser un dos obxectivos máis ou menos soterrado do Goberno.  As perspectivas para o 2013 supoñen unha nova volta de porca nese camiño. Baixo o anunciado titular de que nos PGE de 2013 se mantén a mesma cantidade global destinada a I+D+i civil que en 2012, agóchase un descenso dun 13,68% das subvencións á Investigación que pasan a transformarse en créditos que case con total seguridade quedarán sen executar como saben todos os especialistas, incluíndo, por suposto, os do Ministerio. Nalgúns programas como o chamado Fomento e Coordinación da Investigación Científica e Técnica, do que depende o desenvolvemento da Investigación en todo o país, o descenso das subvencións alcanza o 23,40%, quedando en 506 millóns de euros, aproximadamente o mesmo que custou o aeroporto de Cidade Real hoxe pechado por innecesario ou menos que a autoestrada AP-36 hoxe en concurso de acredores por uso insuficiente.

Baixo o anunciado titular de que nos PGE de 2013 se mantén a mesma cantidade global destinada a I+D+i civil que en 2012, agóchase un descenso dun 13,68% das subvencións á Investigación que pasan a transformarse en créditos que case con total seguridade quedarán sen executar

A situación é moi grave. A subvención por investigador caeu a niveis inferiores a 2002. En 2012 adxudicáronse 400 bolsas doutorais menos que 2011 e o mesmo ocorrerá en 2013. Os nosos novos doutores buscan as súas saídas no estranxeiro. A investigación vaise esclerotizando por falta de liquidez e recursos. O Goberno e o Parlamento deben expor que papel queren que a I+D+i xogue no noso país, explicalo aos cidadáns e deseñar un sistema acorde a iso, cun financiamento estable e sostido. É urxente, porque, como dicía ao principio, sen Investigación non hai futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.