A imprevisibilidade transformadora e o postnacionalismo galego

Segundo o filósofo español Félix Duque a postmodernidade remata no ano 2001 coa destrución das torres xemelgas de New York, masacre simbólica e real dunha civilización e dun modelo económico. O desconcerto social xerado daquela ante semellante deslocalización total do terror castigando directamente a cerne mesma do todo poderoso imperio anglosaxón capitalista, ultraliberal, intocable e asegurado á todo risco por poderosas axencias financeiras privadas internacionais, marca o punto de inflexión dunha xeira. Nunhas poucas horas a imprevisibilidade absoluta do terror transforma crenzas, desexos, arelas, fantasías e anhelos dunha sociedade americana, branca, heterosexual, supostamente desenrolada e ata entón inquebrantable.

Ese carácter imprevisible e transformador agromou tamén no panorama político galego coa volta do veterano nacionalista Xosé Manuel Beiras

Ese carácter imprevisible e transformador agromou tamén no panorama político galego coa volta do veterano nacionalista Xosé Manuel Beiras. Unha imprevisibilidade transformadora que tamén impregna a totalidade das reflexións de Edouard Glissant e que non é outra que a ceibada polas diferentes culturas do mundo cando entran en relación entre si, caracterizándose pola ambigüidade, a imaxinación, o mestizaxe, a resistencia e a resilencia, a capacidade de sobreporse ao adverso.

O impacto decisivo dos medios de comunicación como experiencia que activa o imaxinario colectivo transforma a mesma definición de identidade e fai que teña que ser repensada en tempos de globalización, repensada nunha dimensión multicultural

Galiza, igual que moitas comunidades, nacións, países ou continentes, segue a padecer a hemorraxia das migracións que, salvando todo o negativo, inevitablemente conéctannos dun extremo ó outro do mundo facendo que as culturas actuais vivan nun mesmo momento varios tempos e espazos, unha contracción amplificada polas constantes influencias que chegan das imaxes, as culturas e as identidades en continuo movemento. O impacto decisivo dos medios de comunicación como experiencia que activa o imaxinario colectivo transforma a mesma definición de identidade e fai que teña que ser repensada en tempos de globalización, repensada nunha dimensión multicultural que bebe de múltiples fontes e repertorios, que pode ser multilingüe, transumante e ata clonarse como esa mesma identidade primixenia moi lonxe do territorio onde naceu.

Hoxe toda reflexión sobre a identidade en termos conservacionistas semella como un intento de forzar os feitos, de deter procesos sociais inexorables, en constante renovación e transformación constante; é como pretender embalsamar nun conxunto de matices invariables algo que xa está en transformación permanente.

A mestizaxe colle o novo sen rexeitar o pasado e na súa imprevisibilidade modifica, erosiona, lima, transforma. Cruza as liñas divisorias entre las linguas e culturas para desmontar a estabilidade, a inmobilidade, a unicidade e o monolitismo

A mestizaxe é un fenómeno que facilita o pensamento do encontro e da relación nun mundo total, onde a internacionalización das culturas, ideas, tendencias, modas, gustos móvese a unha velocidade que atravesa continentes. A mestizaxe colle o novo sen rexeitar o pasado e na súa imprevisibilidade modifica, erosiona, lima, transforma. Cruza as liñas divisorias entre las linguas e culturas para desmontar a estabilidade, a inmobilidade, a unicidade e o monolitismo. A diferenza non deteriora, e cando as ideoloxías do mundo, as súas visións, as súas cosmogonías e prefiguracións, os castelos no aire que se erixen se veñen abaixo, é necesario levantar de novo este imaxinario. Non se trata de soñar o mundo ideal, senón de intervir no real, de transformalo.

Non se trata de soñar o mundo ideal, senón de intervir no real, de transformalo

E neste contexto de relación e apertura ao outro aparece a creatividade como un rizoma necesario, sen centro nin periferia, abríndose á compenetración co outro mantendo as diferenzas. A complexión dunha identidade de relación comporta unha apertura ao outro, sen risco de disolucións, onde a centralidade do imaxinario colectivo é un factor dinámico da vida que converte aos individuos e a súa rutina, xunto coas fantasías e anhelos, no terreo de xogo onde se está a decidir o futuro da nosa sociedade. Non será ningunha débeda histórica herdada do plebiscito do 1936, nin ningún factor dogmático, a clave de bóveda para que Galiza poda exercer ou non a súa plena soberanía será que así o queira ou non a vontade maioritaria do pobo galego. E dado o carácter plural e marcadamente migratorio da nosa sociedade, será só na imprevisible e rotunda centralidade do noso imaxinario colectivo onde se lle permita ao postnacionalismo galego acadar o respaldo electoral masivo, factor da transformación total deste país nunca antes imaxinada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.