AGE: a única oposición ó PP trala involución de PSdG e BNG

Desexaba antes das eleccións un éxito contundente para a Alternativa Galega de Esquerda, de tal xeito que lles impedise aos seu compoñentes (Esquerda Unida, Anova, Espazo Ecosocialista Galego e Equo) caer na tentación de rachar a coalición desde cálculos partidistas. As previsións máis optimistas foron superadas e non deixan sitio para algo que non sexa manter unha fórmula que tan bos resultados deu: a responsabilidade co compromiso asinado coas persoas que lles votamos e a intelixencia de apostar por unha solución que demostrou que funciona só poden levar a potenciar aínda máis esta coalición no futuro, deixando de ser unha coalición técnica para converterse en algo estratéxico, que incluso debería estenderse ó resto de España con IU, ICV, Compromís, Chunta, etc.

Pero que foi o que fixeron ben en AGE? Basicamente dúas cousas. A primeira que o electorado ve moi positivamente que as forzas políticas se unan porque entende que non están a ter un comportamento partidista de competencia estéril no mesmo ámbito ideolóxico senón un apoio xeneroso entre todas para derrotar a quen está a destruír as conquistas sociais. Isto se ve reforzado na medida en que o discurso de transformación real resulta crible e o de AGE o era sobradamente, en parte grazas á figura política de Beiras. O segundo acerto de AGE consistiu na comprensión por parte de Anova de que a situación actual precisaba dunha resposta esencialmente económica e social, sen abandonar as reivindicacións nacionalistas, pero tendo claras as prioridades. Ningunha das catro forzas que compoñen AGE nega o carácter de nación para Galicia e apoia nitidamente un aumento do autogoberno para esta terra, pero todas perciben que que te boten da casa por estar no paro resulta moito máis básico que que non te deixen falar a túa lingua, aínda que ámbalas dúas cousas representen agresións dos de sempre.

Os dous partidos pequenos integrantes de AGE, o Espazo Ecosocialista Galego e Equo poden ter unha función aglutinante na coalición e deberían empezar a traballar nela conxuntamente porque non hai sitio para dúas forzas ecosocialistas en Galicia

Os dous partidos pequenos integrantes de AGE, o Espazo Ecosocialista Galego e Equo poden ter unha función aglutinante na coalición e deberían empezar a traballar nela conxuntamente porque non hai sitio para dúas forzas ecosocialistas en Galicia. En caso contrario algunha delas terminará máis pronto que tarde por converterse en algo marxinal e irrelevante na política galega (non teñen máis que mirar cara ó estrepitoso fracaso de CxG por empeñarse en ir en solitario). Que ningunha das dúas se deixe cegar polo resultado acadado nas autonómicas porque o éxito só lles pertence na proporción que lles corresponde ó que representan. Equo ten a vantaxe de que conta cunha marca a nivel de España, pero non está claro que esta marca sobreviva ás europeas ou ás municipais. O Espazo Ecosocialista Galego ten a vantaxe de que conta cuns cadros con máis experiencia na política e nos movementos sociais, e que defende máis claramente un elemento imprescindible en Galicia como é o galeguismo, o que lle permite ter un discurso e unha estratexia máis claros, fundamentados e coherentes, co que cabe preverlle máis capacidade de crecemento. Pero non ten sentido esperar a ver cal dos dous sobrevive se poden colaborar para estender as ideas que defenden ambos.

A vitoria do PP pode resultar sorprendente, pero non é unha maldición que pesa sobre Galicia senón o resultado da incompetencia maiúscula do PSdG e do BNG

A vitoria do PP pode resultar sorprendente, pero non é unha maldición que pesa sobre Galicia senón o resultado da incompetencia maiúscula do PSdG e do BNG. Non imos repetir o que xa se dixo ata a saciedade tralos resultados electorais, que o PSdG e o BNG fixeron unha oposición desastrosa que impediu que o electorado vise en eles unha alternativa real. Polas declaracións trala derrota electoral non cabe esperar cambios en ningún deses dous partidos. O PSdG segue a comportarse como un partido vello sen conexión coa realidade social nin capacidade de reacción para volver a resultar atractivo para a xuventude e os sectores máis dinámicas. Resulta incomprensible que o seu candidato e secretario xeral non dimitise na noite electoral para abrir un proceso de renovación imprescindible se quere seguir a presentarse como alternativa ó PP.

As declaracións de varios dirixentes na liña de acusar de traizón a Beiras por darlle entrada a Esquerda Unida na política galega, obviando calquera autocrítica, demostran que o BNG segue encerrado nunha percepción autista da realidade

No caso do BNG ocorre unha situación similar: viulle as orellas ó lobo, pero aínda non sentiu os seus dentes como para reaccionar de verdade. As declaracións de varios dirixentes na liña de acusar de traizón a Beiras por darlle entrada a Esquerda Unida na política galega, obviando calquera autocrítica, demostran que o BNG segue encerrado nunha percepción autista da realidade; crer que o BNG pode acadar en Galicia o papel de CiU ou do PNV significa non comprender que estas forzas só son maioritarias nas súas comunidades porque están apoiadas pola dereita económica propia, cuxos intereses representan.

O BNG segue sen entender que o problema agora é de supervivencia económica da xente, de perda acelerada de dereitos sociais en sanidade, en educación, ..., e persiste en obsesionarse coa cuestión nacional como se os países que son independentes non estivesen tamén en crise. Acaso non son Grecia, Portugal e Irlanda independentes e, sen embargo, están sometidas ás mesmas agresións neoliberais que Galicia? E que cree que faría CiU nunha Cataluña independente? Exactamente o mesmo que está a facer o PP en España.

Os cantos de serea para unha reunificación do nacionalismo son prematuros porque non se ve intención algunha de rectificar no BNG e resultaría suicida para Anova volver con el

Os cantos de serea para unha reunificación do nacionalismo son prematuros porque non se ve intención algunha de rectificar no BNG e resultaría suicida para Anova volver con el. Parece que aínda fai falla que o BNG sufra máis castigos electorais nas europeas e nas municipais para que esperte á realidade.

A reunificación é xa posible se así o desexan: o BNG non ten máis que integrarse na Alternativa Galega de Esquerda na que ten as portas abertas de par en par

De tódolos xeitos, a reunificación é xa posible se así o desexan: o BNG non ten máis que integrarse na Alternativa Galega de Esquerda na que ten as portas abertas de par en par. Pero para iso faría falla que se dese conta de que o problema central que estamos a padecer é o da contradición dereita/esquerda, cousa que aínda está lonxe de suceder vistas as declaracións dogmáticas e sectarias coas que se puxeron en evidencia os seus líderes tralas eleccións, exceptuando o seu portavoz nacional que soubo apuntar cara á autocrítica e presentar a súa dimisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.