A crise da esquerda e o poder máxico das palabras

Confeso que me fascinan os exercicios de fe, sen dúbida pola miña radical incapacidade para a práctica desa tan teologal como discutible virtude. Porén, manteño unha case virxinal capacidade para a sorpresa, mesmo cando reiterada. Ambas reaccións –a da incredulidade e a do estupor– mestúranse en min ao ler, día si e día tamén, que estamos ante unha crise terminal do capitalismo e do modelo do Estado-nación que ten servido de soporte xurídico e institucional ao seu desenvolvemento e expansión.

Esquecen os gardiáns da nova (?) doutrina que o novo non advén da doxa –forza inerte que anubía a lucidez, atrofia a creatividade e paraliza a coraxe, motores de calquera proxecto de cambio social– senón que nace da apostasía e da herexía.

 

Iso lémbrame aquelas clases de Lingüística Xeral na universidade nas que nos ensinaban en que consistían os enunciados performativos, cada un daqueles cuxa simple enunciación os converte en factum (do tipo Dígoche que mañá chove ou Prometemos que non vos imos fallar). Pois ben, observo unha fe naïve nos profetas do colapso do capitalismo, convencidos de que son as súas análises que moldan a realidade e non viceversa. Unha fe que, como adoita ocorrer con todos os artefactos doutrinarios, vai acompañada da persecución –simbólica– de todo aquel que, desde posturas, principios e valores de esquerda, ouse discrepar do mainstream da tribo: unha citación socorrida de Zizek costuma ser un dos exorcismos máis habituais, mais a depender do interlocutor e do contexto, calquera outra imprecación excomungadora pode servir. Esquecen os gardiáns da nova (?) doutrina que o novo non advén da doxa –forza inerte que anubía a lucidez, atrofia a creatividade e paraliza a coraxe, motores de calquera proxecto de cambio social– senón que nace da apostasía e da herexía. Ou non foi o propio Marx un hegeliano herexe?

 

A crise non é do capitalismo, é da esquerda

A crise de reconfiguración do capitalismo está a ser aproveitada pola dereita para afianzar a súa hexemonía cultural e política, mentres a esquerda acentúa as súas fracturas históricas e libra o combate dentro das súas propias fileiras

 

Vamos, pois, cun breve exercicio herético. Para comezar, permitídeme negar a maior: o capitalismo está en crise, si, mais no sentido etimolóxico do termo, i.e. nun proceso de reconfiguración, que non de descomposición. Obviamente, todos os momentos de metamorfose crean oportunidades opostas e mesmo antagónicas, polo que non só é lóxico senón tamén necesario –e urxente– que a esquerda defina un horizonte alternativo cara ao cal tentar dirixir o proceso de cambio social, económico e institucional. Mais tal tarefa será imposible se se parte dunha diagnose errada, e é máis que evidente que até agora a crise de reconfiguración do capitalismo está a ser aproveitada pola dereita para afianzar a súa hexemonía cultural e política, mentres a esquerda acentúa as súas fracturas históricas e libra o combate dentro das súas propias fileiras, nunha loita faccional pola primacía nunha suposta alternativa que nin se planifica nin se constrúe máis alá dunha enunciación retórica con insofrible fe determinista –ignorando que as feridas sociais precisan dun poder sanador ben máis eficaz e concreto que a vá crenza no poder taumatúrxico das palabras–. O fortalecemento relativo das opcións da esquerda máis rupturista prodúcese ás custas do debilitamento do conxunto da masa social progresista e non pasa dunha reacción defensiva –lóxica e ao tempo instintiva, mais absolutamente insuficiente– á acción agresiva –e agresora– da dereita.

O capitalismo goza dunha magnífica saúde e está a aproveitar o seu excelente estado de forma para impoñer unha nova división do traballo, que afecta tanto ás relacións inter/supraestatais como ás intraestatais

 

O capitalismo goza dunha magnífica saúde e está a aproveitar o seu excelente estado de forma para impoñer unha nova división do traballo, que afecta tanto ás relacións inter/supraestatais como ás intraestatais. Isto resulta especialmente evidente no seo da UE, onde asistimos a un proceso simultáneo de colonización económica dos países do sur e á fractura social decorrente da desmontaxe do Estado de Benestar, especialmente virulenta neses mesmos países. Nada diso é froito da casualidade: por unha parte, ao librar a guerra na UE, atácase o modelo de benestar do cal este continente é (era?) o modelo internacional máis acabado; por outra, os piares constitutivos do Estado de Benestar son elementos que escapan á lóxica do lucro privado inherente ao capitalismo, polo que a súa supresión afianza o perfil capitalista –abrindo e/ou ampliando nichos de mercado para a iniciativa privada e provocando, por tanto, unha maior dependencia social a respecto dela– das sociedades sometidas á presión financieira global de cara a reducir o aparello do Estado e o peso do sector público na economía, minorando así mesmo o peso relativo desas economías nacionais no conxunto do sistema.

Cada Estado enfronta problemas moi diferentes e dunha intensidade tremendamente variable: iso pouco ten a ver cunha suposta crise terminal do capitalismo, senón coas condicións específicas de cada un deles

 

E aí é onde debemos circunscribir a análise da crise dos Estados-nación, unha crise que afecta en moi diferente grao uns e outros. O que teñen en común os Estados-nación que fan parte da UE é a súa cesión de soberanía a prol das institucións comunitarias, mais equivócase quen enxergue niso un debilitamento do capitalismo: polo contrario, trátase de cesións propiciadas por unha liña de pensamento ultraliberal, que non fai outra cousa senón retirar do control político estatal –máis susceptible dun eventual control cidadán, a través fundamentalmente de mudanzas políticas– amplas competencias na regulación e intervención sobre a actividade económica, entregándoas a institucións sometidas á lóxica dos mercados financieiros internacionais e liberadas das obrigas da accountability democrática. Mais a partir de aí, cada Estado enfronta problemas moi diferentes e dunha intensidade tremendamente variable. Iso pouco ten a ver cunha suposta crise terminal do capitalismo, senón coas condicións específicas de cada Estado, agravadas ou atenuadas en virtude do papel que a cada quen lle corresponde na nova división do traballo aludida máis enriba.

 

Algunhas características da crise do Estado-nación español

En España, ás circunstancias derivadas do seu novo papel (ultra)periférico na UE hai que sumar o esgotamento dun modelo constitucional incapaz de subsanar a ausencia histórica dunha cultura democrática socialmente hexemónica e de dar satisfacción ás demandas de recoñecemento e integración da plurinacionalidade.

 

En España, ás circunstancias derivadas do seu novo papel (ultra)periférico na UE hai que sumar o esgotamento dun modelo constitucional incapaz de subsanar a ausencia histórica dunha cultura democrática socialmente hexemónica e de dar satisfacción ás demandas de recoñecemento e integración da plurinacionalidade. A crise política española decorre primeiramente destas insuficiencias, que non gardan ningunha relación coas de Alemaña ou Finlandia, estados non menos capitalistas que o español. A crise de financiamento do Estado español non fixo máis que acelerar o proceso de descrédito da esfera política, ao mostrar as eivas referidas e mais a sumisión das institucións públicas aos grandes poderes económicos tanto internos como supranacionais. O problema, mais unha vez, é que a transformación do modelo español de Estado-nación está a ser comandado pola dereita política, mentres a esquerda carece dunha alternativa que non consista ou ben na simple oposición aos plans da dereita ou ben en proclamas constituíntes que pretenden pasar por alto a correlación de forzas actual.

 

Só os nacionalismos catalán e basco, en boa medida aliñados ideoloxicamente coa dereita estatal, teñen a suficiente forza como para obrigar a incluír as súas reivindicacións no paquete de reformas que o Estado español deberá encarar nos vindeiros anos, e do cal nin a esquerda nin o galeguismo político teñen motivos para agardar nada bo. Moi polo contrario: un Estado con menos servizos públicos, menos instrumentos de intervención sobre a economía e menos descentralización política (salvo as excepcións catalá e basca) é o peor escenario posible para unha acción política definida desde coordinadas progresistas e/ou galeguistas.

 

É ben certo que a esquerda, en todo o Estado español, se encontra inmersa nun proceso de reconfiguración: (i) a radicalización de amplos sectores sociais, como reacción defensiva fronte á redución das políticas sociais; (ii) o enfraquecemento do PSOE, derivado do esgotamento do modelo pactado na Transición, do seu exercicio do goberno –nomeadamente na última etapa de Zapatero– e da ruptura dos lazos coas organizacións da esquerda social, iniciada por González e actualmente en transe de completarse; e (iii) a burocratización dos aparellos da política partidaria, mesmo daqueles ditos de esquerda: a concorrencia deses factores abre unha xanela de oportunidade para que movementos sociais e forzas políticas da esquerda transformadora (ou rebelde, ou antisistémica, ou revolucionaria, ou... o que o marketing aconselle en cada momento) aumenten os seus apoios e alimenten a ilusión dunha reviravolta na orde social de carácter revolucionario.

 

Emendado Ulrike Meinhoff: o partido socialista non é o problema nin a solución

De nada adianta acertar na crítica –mesmo con argumentos errados– se non se define unha estratexia correcta, que pasa ineludiblemente pola unidade de acción de todas as esquerdas

 

De aí nace, tamen, a crítica á obsolescencia da socialdemocracia. Tal crítica, realizada case sempre desde postulados (filo)comunistas, presenta catro graves defectos. (i) Confundir a crise da socialdemocracia como modelo de acción política coa dos partidos que teñen enarborado a bandeira socialdemócrata ao largo das últimas décadas, mais que traizoaron os ideais que teoricamente defendían e cuxa única diferenza coa dereita non pasaba do remanexamento dunhas décimas do PIB. (ii) Ignorar que o comunismo sofre unha absoluta ausencia de modelo, tras a caída da URSS; e iso si que é unha crise descomunal. (iii) Descoñecer que as grandes mobilizacións sociais dos últimos tempos foron baseadas na defensa do Estado do benestar, no caso español aínda pendente de consolidación. (iv) Obviar a incoherencia entre a crítica á socialdemocracia e a defensa de medidas anticíclicas como discurso central contra a crise económica. Iso non quere dicir que a socialdemocracia sexa a solución, xa que a contracción económica dos recursos públicos e –no caso español– a consagración xurídica do pensamento único neoliberal non deixan marxe dentro do sistema para as políticas socialdemócratas clásicas. Mais de nada adianta acertar na crítica –mesmo con argumentos errados– se non se define unha estratexia correcta, que pasa ineludiblemente pola unidade de acción de todas as esquerdas, desde a humildade de recoñecer que ningunha delas posúe respostas e que só coa reflexión e co traballo en conxunto se pode artellar propostas capaces de levar a iniciativa social e política e de aglutinar maiorías, momento en que si cabería falar de novos procesos constituíntes. Seguir a primar a competición –fundada no interese faccional, no complexo de vangarda e/ou no sectarismo, en todas as súas múltiplas formas– sobre a cooperación é o camiño máis curto para a revolución, mais para unha revolución fascista: máis economía e menos política; máis capitalismo, menos democracia; máis orde, menos pluralidade; máis represión, menos liberdade. Lamentablemente, ese horizonte é ben máis factible que o preconizado polos gurús da esquerda dita revolucionaria, polo que non está de máis pensarmos se traballando pola revolución non estaremos a facilitar a involución: un bo repaso aos erros da esquerda nos anos '30 do século XX pode ser moi ilustrativo nese sentido.

 

A reacción de alborozo pola ruptura do sistema bipartidista, no Estado español próxima a completarse, é un bo sintoma tanto da crise –esta si, probablemente terminal– dos partidos socialdemócratas hexemónicos na esquerda (no contexto español, o PSOE) como da incapacidade das forzas máis radicais para tomar o relevo e mesmo para entender a profundidade do abismo ao cal nos encamiñamos. Curiosamente, o único exemplo dun recambio exitoso é o protagonizado por Syriza, que –lonxe de ser a coalición antisistémica que algúns tentan presentar– practica un discurso socialdemócrata con tintes radicais, mais dentro do marco da democracia liberal: permanencia na UE e na UME, renegociación do financiamento e política social paliativa dos efectos devastadores da crise en amplísimas camadas sociais.

Hai que falar moi especialmente de fiscalidade, única vía para cadrar as contas e campo propicio para a guerra ideolóxica

 

Paradoxalmente, o primeiro paso para proceder á superación da socialdemocracia debe ser o de continuar a defender as conquistas socialdemócratas. Mais iso non abonda: hai que falar de economía e de enerxía, e facelo respectando os límites ambientais do planeta (esa si é unha crise sistémica real); de novas formas de distribución do traballo e da renda; e moi especialmente de fiscalidade, única vía para cadrar as contas e campo propicio para a guerra ideolóxica. E para que todo iso sexa crible e practicable, hai que falar tamén de soberanía, tanto no plano estatal como no nacional e tanto aplicado á política institucional como ao conxunto da vida social (cun fomento decidido do cooperativismo e da autoxestión). Aprofundarei nisto nun próximo artigo, para non facer este máis prolixo do que xa é.

 

As miraxes do Sur

 

Nunha típica estratexia evasiva, a esquerda (dita) revolucionaria busca espellos nos cales contemplarse en latitudes afastadas da nosa realidade social, económica e política. E nese sentido, a fartura de referencias á América Latina provoca en min un misto de fastío –pola reiteración, na maioría das veces acrítica– e revolta –pola incomprensión, tan típica do eurocentrismo que impregna a esquerda desde o seu nacemento.

Os procesos de mudanza en curso na América Latina responden a dinámicas sociais propias daquelas sociedades, dificilmente trasladables ao noso contexto xeopolítico e para as cales, desde logo, non serven senón moi parcialmente os marcos conceptuais europeos

 

Os procesos de mudanza en curso na América Latina –nomeadamente no Brasil, na Venezuela, na Bolivia, no Ecuador, no Uruguai e mesmo na Arxentina– responden a dinámicas propias daquelas sociedades, dificilmente trasladables ao noso contexto xeopolítico e para as cales, desde logo, non serven senón moi parcialmente os marcos conceptuais europeos. Simplificando, o que está a ocorrer na América Latina gobernada por forzas progresistas é a confluencia entre dous grandes proxectos que a esquerda sulamericana soubo facer seus: a edificación, sobre os restos dos Estados autoritarios promocionados polos EUA, dun modelo de Estado social, democrático e soberano; e a construción –esta, en grao máis incipiente– dun Estado de benestar capaz de diminuír as enormes fendas sociais do continente e, ao tempo, de impulsar o crecemento económico. En diálogo con eses dous proxectos, os Estados con maior porcentaxe de poboación indíxena e rural están a enfrontar o desafío da súa inclusión na categoría de cidadáns plenos. Todos eses procesos merecen a simpatía e o apoio da esquerda europea, e mesmo poden servir de aprendizado canto aos modos de organización que alí se están a experimentar; mais sería ridículo consideralos revolucionarios e/ou pretender seguir os seus pasos no tocante ao aspecto programático, xa que calquera deses Estados se encontra moi lonxe do modelo europeo de democracia e benestar vixente até agora. É comprensible a atracción debido a que neses lugares a tendencia é de ampliar as conquistas sociais, mentres aquí se reducen, mais... alguén cre que, se os venezolanos vivisen nun sistema como o da Suecia, tería algunha posibilidade un Hugo Chávez de conquistar o poder? Que cada quen responda en conciencia. O que ocorre é, simple e chamente, que a esquerda latinoamericana está en plena recomposición, nun proceso dinámico e creativo, mentres a esquerda europea –coa excepción, mesmo así parcialmente, da esquerda libertaria– vive tempos de descomposición, atrofiada ora de posibilismo ora de ideoloxismo.

A esquerda latinoamericana arrombou os arroubos de vangarda e procedeu a tecer amplas alianzas progresistas, abertas a sectores ideoloxicamente distantes e baseadas en proxectos concretos de cambio

 

Curiosamente, case sempre se elude un punto crucial á hora de entender o éxito da esquerda latinoamericana: e é que, consciente de que a dereita detén o poder empresarial, financieiro e mediático, a esquerda deses países soubo asumir o reto de conquistar o poder político como único xeito de impedir a completa hexemonía da dereita e como único recurso para modificar as relacións sociais en prol dos excluídos. E para iso, arrombou os arroubos de vangarda e procedeu a tecer amplas alianzas progresistas, abertas a sectores ideoloxicamente distantes e baseadas en proxectos concretos de cambio: combate á fame, reforma agraria, nacionalización dos recursos estratéxicos ou renda social son ideas que todo o mundo pode entender e que posúen forza abondo para congregar un apoio maioritario. Ao lado deses exemplos, temos unha esquerda europea –e española, e galega– máis empeñada na loita retórica intestina e na delimitación de fronteiras tribais que na conformación de proxectos reais de cambio real para as persoas reais que sofren problemas reais.

 

Galiza, ano cero
(título tomado da iniciativa promovida pola Rede Robin Hood)

 

A cidadanía galega de esquerdas –como a do resto do sur da Europa– non se conforma con fiar o destino do público a un fato de xestores engravatados, mais tampouco hai o menor motivo para pensar que llo confiará a un bando de activistas desconectados das súas preocupacións e intereses. Nin a política de despachos nin a política do espectáculo pirotécnico van tirarnos do problema, e sería un bo punto de partida que todos o asumísemos. Do contrario, o panorama é desolador: a práctica desaparición do carácter nacional de Galiza no político, no cultural e no lingüístico; unida á orfandade política dunha esquerda social e cidadá que, se non se remedia a tempo, pode acabar se acostumando a vivir sen partidos, ao xeito do que acontece nos EUA e do que xa prenuncian os novísimos movementos sociais.

As demandas da sociedade civil son basicamente dúas: o control político da economía e o control cidadán da política

 

A sociedade civil galega, mesmo con todas as súas carencias, ten demostrado un enorme dinamismo e capacidade de mobilización, como constatan as sucesivas vagas rexistradas desde mediados dos anos '80: folgas xerais, tractoradas, expansión a novos ámbitos sectoriais, incorporación ao discurso altermundista, Nunca Máis, mobilizacións pola lingua, 15-M... Non é impensable que, de non se cumpriren as súas demandas, esa mesma sociedade civil a cada vez máis –xa hai sinais claros nese sentido– desista da acción política partidaria, electoral e institucional. E cales son esas demandas? Basicamente, dúas: o control político da economía e o control cidadán da política. Non semella tan difícil comezar a dar respostas capaces de, polo menos, (r)establecer unha relación de confianza.

 

É unha obviedade –aínda que poida non parecelo, a teor do que se le e escoita nos últimos tempos– que unha parte da solución pasa pola fusión entre as fórmulas de partido e as de movemento, mais non debe esquecerse outras dúas obviedades: unha, que iso é o contrario das tentativas de apropiación dos movementos sociais por un determinado partido, xa que o tecido social reflicte e require unha diversidade irreductible a un só proxecto político; a outra, que tal tarefa esixe unha síntese e non unha mera xustaposición de acervos ideolóxicos e programáticos e de modos de acción e incardinación no corpo social. Iso, por non falar de que esa síntese debe estruturarse en rede, dun xeito difuso moi pouco do gusto das tradicións da práctica totalidade da esquerda política. Tempo haberá de falar do como abordar esta tarefa –aínda que a pregunta que paira no ar non é tanto esa senón a de quen estará disposto a se pór mans á obra aberta e francamente, non en beneficio propio senón do país; e persoalmente, como xa teño dito algunha vez, desconfío dos descobridores de eldorados, sobre todo cando non descobren un senón varios.

 

Permitídime que conclúa cun exemplo recente da extrema febleza da esquerda galega. Na campaña das eleccións do 21-O, puido verse con toda clareza –e crueza– o abafante dominio da dereita á hora de establecer os frames interpretativos que máis lle conveñen, un dominio cuxa responsabilidade recae en boa medida sobre a esquerda. O PP venceu as eleccións do 2009 porque gañou a batalla da mobilización e as de 2012 impoñendo a estratexia da desmobilización, en ambos casos co mesmo relato: as maldades dese goberno mítico coñecido polo codinome de bipartito. A esquerda institucional (PSdeG e BNG) pasou toda a lexislatura abonando o terreo para que esa explicación se tornase non só verosímil senón mesmo indiscutible, mentres que a esquerda emerxente (AGE) dixo por activa e por pasiva que ese era un modelo de goberno a evitar. As preguntas que se fan moitos cidadáns progresistas, desexosos dun relevo do PP no goberno, ficaron destarte sen resposta: se os gobernos de coalición son unha fórmula non desexable, cal é a proposta da esquerda para dirixir este país? pódese confiar nuns partidos que, cando gobernaron, non convenceron nin aos propios? O PP, sabedor de que desta volta perdería unha manchea de votos a respecto de 2009, xogou a provocar a desmobilización do electorado progresista, e conseguiuno: o conxunto da esquerda perdeu aínda máis votos que o PP, mesmo co desgaste dunha acción de goberno lesiva para multitude de sectores sociais. É imperdoable que a esquerda derramase unha oportunidade como esta, pois resulta complicado imaxinar un panorama obxectivamente máis propicio para os seus intereses –nunha nova mostra, por se aínda fose necesaria, de que a política se define primordialmente en función das condicións subxectivas, ben como da incapacidade da esquerda para aparecer cohesionada e para traballar eficientemente as percepcións sociais.

A quen interesa estudar, verificar, calcular ou medir cando se pode simplemente convencer os fieis para conseguir unha secretaría xeral, vencer unha asemblea nacional ou apañar uns bos milleiros de votos cabreados?

 

Ante esa realidade, ulas lecturas autocríticas? ulos propósitos de emenda? Nin se fixo unha avaliación rigorosa das accións e omisións (aí estivo a grande nódoa) do bipartito tras a perda do poder, nin semella que se vaia facer agora. De xeito que teremos que vivir con explicacións míticas, non fundadas en análises concretas senón en intereses facciosos e curtopracistas. Pasado o tempo, cando posiblemente as cousas xa non teñan remedio, alguén estudará serenamente cal podería ter sido a realidade lingüística deste país se o proxecto de galescolas tivese seguido adiante, establecerá hipóteses sobre a efectividade do banco de terras para o desenvolvemento do medio rural, calculará o impacto do concurso eólico sobre o impulso dunha green economy con reparto social dos lucros ou medirá en termos de PIB o enriquecemento que se tería derivado de continuar a aposta polo ensino público. Mais a quen interesa estudar, verificar, calcular ou medir cando se pode simplemente convencer os fieis para conseguir unha secretaría xeral, vencer unha asemblea nacional ou apañar uns bos milleiros de votos cabreados? Esta é a esquerda política que temos, e disque estamos condenados a facer deses vimbios un fermoso cesto. Eu digo que ou collemos vimbios novos ou, do contrario, nuns anos a decepción será aínda maior, unha vez que todas as máscaras –as vellas, as novas e as remozadas– teñan caído de vez e constatemos, uns abraiados e todos pesarosos, que seguimos estagnados no ano cero.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.