Unha antoloxía controvertida, se alguén falase dela

Hai silencios que son moi significativos, mais eu non podo por máis tempo calar: este ano participei nunha antoloxía de poesía que non me satisfai. Trátase da Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega. Apuntes para no disolverse en la común semilla del tiempo, con edición de Antonino Nieto Rodríguez para a editorial Endymion. Unha obra de case 900 páxinas publicada en Madrid en español.

Arredor dun 25% das autoras e autores que aquí constan fornecen obras pertencentes á literatura española, xa que só as obras escritas en galego pertencen en propiedade ao canon da literatura galega

Teño que agradecer publicamente, despois de o xa ter feito persoalmente, o convite de Nieto para participar nunha obra tan voluminosa e abranguente, e o feito de poder ver os meus versos a carón de moitos dos vultos da poesía galega actual así como doutros novos nomes que merecen xa recoñecemento. Tamén celebro partillar espazo con plumas de gran valor no contexto da poesía española, pois a proximidade da boa literatura non pode facer máis que honrar os meus versos. Mais onde non estou en absoluto de acordo é en que esta antoloxía deba constar como “de poesía contemporánea gallega”. Por que? Simplemente porque arredor dun 25% das autoras e autores que aquí constan fornecen obras pertencentes á literatura española, xa que só as obras escritas en galego pertencen en propiedade ao canon da literatura galega. Facer figurar, por tanto, como de “poesía contemporánea gallega” unha antoloxía con escritores en español non responde a uns criterios minimamente rigorosos dun punto de vista académico.

Dáse a entender, para os pouco atentos, que eu escribo en castelán e que a literatura galega é tamén a que se escribe en castelán, e ambas as cousas non a podo deixar pasar

Porén, o erro é maior e ten consecuencias no ámbito socio-político que non podemos escusar. Na metade dos casos, dos autores que comunmente escribimos a nosa obra poética en galego (70% da antoloxía) non se fai explícito que os poemas que figuran en castelán son tradución propia. Deste modo, o lector amplo de fala española, non necesariamente informado das taxonomías académicas nin sequera das particularidades culturais do noso vello país, pode ficar enganado sobre o compromiso cultural da maioría das escritoras galegas ou, ideoloxías á parte, da idiosincrasia que nos é propia. Dito sen rodeos: dáse a entender, para os pouco atentos, que eu escribo en castelán e que a literatura galega é tamén a que se escribe en castelán, e ambas as cousas non a podo deixar pasar.

Resúltame incómodo agora ter que asumir que non acepto o criterio con que foi elaborada esta obra. Entendo que o abafante silencio que a envolve en moitos casos é debido ao mesmo que me impediu até o presente escribir estas liñas amargas: a maioría dos poetas agradecemos de corazón que unha editorial de Madrid e un artista de Verín mostren interese polas nosas obras, habitualmente marxinadas no contexto hispánico por galegas e por poéticas. No entanto, no meu caso unha dor galeguista e outra filolóxica venceron unha vaidade que con certeza noutras ocasións me ocultará o que máis importa. Así son eu de lento, mais tamén de sincero.

Un afán por “que la lengua no sea motivo de división”, outra das consignas desta antoloxía, constitúe unha actitude que beneficia só nunha dirección: a da lingua literaria preponderante

Repasando as poucas referencias que atopei na rede a esta Guía viva na que a partir de agora ben me poderei considerar o máis heterodoxo de todos, escoitei o programa enteiro Mundo Babel dedicado integralmente á obra en cuestión. Alí puiden escoitar afirmacións pouco razoábeis, por exemplo, de Blanca Andreu, cando afirma que “en Galicia los que escribimos en castellano permanecemos en una marginalidad absoluta”; ou outras pouco convincentes, como a do propio Antonino cando xustifica os criterios lingüísticos: “Por primera vez están los poetas que escriben en gallego y los poetas que escriben en castellano [...]; desde los más académicos hasta los que beben y se empapan de lo que en los bares y en las calles pasa [...]; escriben o viven, nacidos o no, en Galicia”. Este criterio vai contra o canon vixente e é amábel, desde logo, con todos os que non escriben en galego, e desde esta óptica, Valle-Inclán, a Rosalía que máis me gusta, moitísimo Cunqueiro, todo Torrente, etc, poderían ser admitidos como pertencentes á literatura galega. Mesmo Xulio Verne, quen visitou Galiza en varias ocasións e ten a obra traducida na nosa lingua, ou Cervantes, oriúndo do Bierzo e, agora sabemos, estudante en Monterrei, podería figurar nas antoloxías de novela galega. Isto serían boas intencións, estratexias turísticas ou lazos que unen en lugar de idiomas que afastan, mais logo as contas non dan certas: cando encontramos unha antoloxía de poesía española figuran entre os nomes autoras e autores pola súa obra en galego, catalán e vasco? Tería sentido que isto sucedese cando en todo o mundo se entende que a lingua española é o castelán?

Acontece, e nos países con lingua propia sabémolo moi ben, que en casos como este un afán por “que la lengua no sea motivo de división”, outra das consignas desta antoloxía, constitúe unha actitude que beneficia só nunha dirección: a da lingua literaria preponderante. Non por acaso no último Galeusca as escritoras e os escritores veñen de denunciar por enésima vez a desatención do Estado para con as linguas distintas do castelán. Por todo isto non podo ser condescendente con esta antoloxía, por moito que me honre, noutros sentidos, que a miña obra faga parte dela. O corazón obrígame a falar, aínda que nada gañe perante quen amabelmente me convidou a participar nin perante quen non queira ver referido o seu cuestionábel silencio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.