Taxas, avogados, cidadanía

O proxecto de lei de taxas, actualmente no seu último trámite ante o Senado, está pasando desapercibido ante a cidadanía, sobre todo pola xenreira dos avogados a mesturarse co vulgo, que ve a súa reclamación como un clamor corporativista contra a perda da parte do pastel que lexitimamente consideran que lles corresponde.

O proxecto de lei de taxas, actualmente no seu último trámite ante o Senado, está pasando desapercibido ante a cidadanía, sobre todo pola xenreira dos avogados a mesturarse co vulgo

Nun momento de emerxencia nacional, no que todos os movementos sociais asociativos son conscientes da necesidade da unión cidadá sen fisuras para loitar contra o esmagamento dos dereitos máis elementais por parte dun goberno monicreque dos mercados, non é tempo de illamentos clasistas. As diferentes concentracións dos avogados fronte os xulgados en protesta polo incremento abusivo das taxas xudiciais, convocadas de xeito unilateral, foron secundadas por funcionarios de xustiza, organizacións sindicais, xuíces e secretarios que, conscientes da gravidade social da reforma e, informados polos medios de comunicación das devanditas convocatorias, acudiron ás protestas con ánimo de facer pública unha nova inxuria as depauperadas clases medias e baixas.

Agás na cidade de Vigo, acudimos sen ser convocados e así fomos tratados, como intrusos nunha reclamación corporativista

Agás na cidade de Vigo, acudimos sen ser convocados e así fomos tratados, como intrusos nunha reclamación corporativista, o que pon sobre os avogados a sombra da dúbida, reclaman porque é inxusto ou protestan por mero interese económico e persoal?

O ministro de Xustiza vén de articular coa súa  Lei de taxas unha xustiza de dobre vía: a vía disuasoria e leonina para o cidadán de a pé, e, por outra banda, a beneficiosa e sen peaxe ningunha para o poderoso, as construtoras, as grandes empresas, xa que os gastos das taxas son deducibles, e o mesmo para as administracións públicas. Por poñer un exemplo concreto, a mera reclamación xudicial dunha sanción de tráfico leve, de ata cen euros, terá un sobrecuste por taxas do dobre do máximo da sanción, douscentos euros. O mesmo pasa na xurisdición civil e social, xurisdicións nas que está en xogo o precario status económico da maioría da sociedade, temas como alugueres, humidades nas vivendas, despedimentos, denegación de subsidios por desemprego, etc, impoñen por principio e como requisito para demandar, taxas abusivas para todos os cidadáns cuxos ingresos medios sexan superiores aos 1.100 euros mensuais, sen gradación progresiva e sen distinción segundo os membros da unidade familiar, un criterio, cando menos, inxusto e desproporcionado, pois a clase media baixa vese igualada ás grandes fortunas ou as multinacionais supranacionais. Non se pode falar dunha suba ou actualización, xa que é un novo sistema restritivo ata a saciedade, non apoiado por ningún xurista, por ningún sindicato e por ningunha asociación de xuíces, secretarios ou avogados, unha reforma feita de costas á sociedade e ao sentido común.

En aras do triunfo da presión social, no caso das taxas o camiño debe ser o mesmo: unión, determinación e constancia de todos os movementos sociais

En aras do triunfo da presión social, como así está a ocorrer co tema dos desafiuzamentos, onde a mobilización nas rúas provocaron que algo se estea a mover, no caso das taxas o camiño debe ser o mesmo: unión, determinación e constancia de todos os movementos sociais cara a poñer en evidencia a un goberno deslexitimado. É por iso, que habería que facer un chamamento aos Colexios de Avogados para que non sexan excluíntes, trátase de sumar, non de protagonismos nin de clasismos infantís, é sabido que non teñen práctica en saír a rúa, pero as mobilizacións só poden ter un camiño: reúnanse con sindicatos e asociacións veciñais, convoquen conxuntamente en non se ergan en adalides defensores do pobo chan, que sabe defenderse por si mesmo, e que se poñan en pé de igualdade cos cidadáns, primeiros afectados cunha reforma que vai derivar en privatización e externalización de servizos xudiciais, amortización de cadros de persoal e un encarecemento desorbitado do acceso a Xustiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.