Que nacionalismo merece este país?

As campañas políticas tiveron, tempo ha, un saudable efecto para as organizacións que participaban nelas. Fornecían un curso intensivo para o coñecemento da realidade social, achegaban os representantes (ou aspirantes a selo) aos seus hipotéticos representados e tecían unha sorte de fío emotivo, de empatía sentimental, entre a cidadanía e aquelo que se deu en chamar clase política. Así aprendeu o nacionalismo político a vertebrar o seu discurso ideolóxico, a verificar o grao de identificación da sociedade cos, aínda etéreos, presupostos programáticos que propalaba. Foron os tempos da transición, anos duros no esforzo, pero impagables como aprendizaxe acelerada nas artes da mediación social. Daquela, o nacionalismo non tiña verdadeiro poder político pero, pola contra, destilaba ilusión, identificación co país, comprensión das contradicións que o abeiraban, ansia por acadar unha comunidade de intereses co pobo do que se sentía parte,… Pero a día de hoxe as cousas teñen cambiado de máis.

Esgazado e atrapallado, o nacionalismo galego semella ter andado camiños sen retorno no proceso de inanición

Esgazado e atrapallado, o nacionalismo galego semella ter andado camiños sen retorno no proceso de inanición. E nesa deriva, a cota que lle corresponde ao BNG non semella a máis  afortunada. Non quero, nin podo, analizar con detalle o que ten ocorrido nos últimos vinte anos para chegar á decadencia política que padece, pero si quero apuntar algúns datos que parecen confirmar a rotura (definitiva?) daquel fío sentimental que o unía ao pobo.

Sente a incomprensión, o desleixo dun país de vellos e alienados que non é quen de comprender a santidade que lle ofrecen os salvados, que non se deixa guiar por unha tropa de escollidos

Se alguén quixo perder o seu tempo na lectura das reaccións que emitiron os/as dirixentes do Bloque para xustificar a súa derrota electoral, de seguro que atopou unha liña de continuidade na maior parte delas: a culpa non é deles/delas, a culpa é do corpo electoral. Semellante argumento, sendo xenerosos na consideración conceptual do termo, non é novo. Pola contra, vén sendo esgrimido, sistematicamente, nos últimos tempos a xeito de mantra rutineiro. Por veces, de xeito solapado. Adubiado, no medio de consideracións pseudoesquerdistas (non estaría mal que identificaramos o que é esquerda), abrolla o resentimento pola incapacidade do común por recoñecerse como parte dun corpo nacional, por non atender debidamente as propostas nacional-progresistas que haberían remexer, ipso facto, calquera obstáculo que nos afasta da felicidade colectiva,… No peor dos casos, todo isto non é máis que paternalismo da máis baixa estofa, pero non fai moito mal.

Porén, por veces, o que se escoita é moito máis descarnado, cruel: Galiza non nos merece! Podería ser a rabecha pasaxeira dun neno malcriado, pero non é tal, é moito peor, porque iso é o que verdadeiramente sente, padece, unha parte desa clase dirixente. Sente a incomprensión, o desleixo dun país de vellos e alienados que non é quen de comprender a santidade que lle ofrecen os salvados, que non se deixa guiar por unha tropa de escollidos/as que (só eles/elas) coñecen o camiño da salvación. Tal que así.

Noutrora, o que foi o xermolo do BNG tería reparado nesa mutua incomprensión e atoparía azos para superala. Hoxe, non. Da xeira da transición non queda o espírito, queda, por desgraza, unha retórica alcanforada que só se airea en cada Día de Patria, unha mística piramidal que afoga os seus afáns  no control dunha autoproclamada ortodoxia e unha contradición eterna e  fulcral entre ser e actuar como elementos transformadores ou exercer como a vangarda que (case) ninguén reclama.

E, ao cabo, o sarcasmo máis feroz: un vello de 76 anos arrampla con boa parte do capital electoral dese BNG estrito a base de mobilizar á mocidade!

Hoxe, por sobrarlle, ata lle sobran os vellos. Ninguén quere nada con eles. E menos que ninguén ese BNG, impoluto nas súas análises e recorrente nas súas diatribas. Pero están aí, cheos de medo pola súa seguridade persoal, indefensos no rural ante a soidade e os asaltos, temerosos de perder o pouco que lle arrabuñaron a este Estado desquiciado, máis convencidos de máis vale conservar o pouco que se tén que arriscar a aposta nun futuro incerto. Porque son parte, imprescindible, do país, os 135 xubilados por cada 100 mozos que manteñen fogares e facendas, que aínda alimentan a cativa esperanza que se agocha por aquí. E podemos zanxar o asunto co voto cautivo, co voto manipulado, coas fotografías de monxas severas que trafican con persoas alleadas, coa “implacable campaña de acoso mediático”, coas sisudas lecturas dun contexto sociopolítico que xamais! tira a favor. O malo é que o receo é mutuo, tampouco eles confían no BNG. E non son os únicos, tampouco confían moitos dos novos, nin boa parte dos restos da clase media, nin sequera partes significativas dese proletariado acaroado ao sindicalismo nacionalista. Mágoa de bois!, que diría Castelao. E, ao cabo, o sarcasmo máis feroz: un vello de 76 anos arrampla con boa parte do capital electoral dese BNG estrito a base de mobilizar á mocidade!

Sei, iso si, que quen queira construír a nación e gañar o respecto dos seus concidadáns terá que sentirse parte dela, de toda ela, intrínseca, cos seus defectos e as súas virtudes, coa ansia de mellorala, de estimulala, mais nunca de infravalorala

Non sei que fará Beiras, nin Francisco Rodríguez, nin calquera outro dos históricos ou dos dirixentes, esa é unha leria que a min non me corresponde dilucidar. Sei, iso si, que quen queira construír a nación e gañar o respecto dos seus concidadáns terá que sentirse parte dela, de toda ela, intrínseca, cos seus defectos e as súas virtudes, coa ansia de mellorala, de estimulala, mais nunca de infravalorala. De recompoñer, en última instancia, ese fío emotivo que algún día semellou existir. Marxinada, do discurso político, a centralidade social que permite atender as plurais reivindicacións dunha colectividade complexa, só parece quedar unha pelexa rabuda, cóbado contra cóbado, pola hexemonía desa tal esquerda ou, como xa anticipan algúns, o retorno do liderado carismático. Derrotado o interclasismo, só queda afondar na pureza doutrinaria. Alá eles. Pero tamén deben saber que ninguén ten garantido o cariño de por vida. Tampouco o BNG. Polo menos, o meu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.