Derrotas e autoderrotas

Alén das desfeitas e derrotas particulares sufridas polo BNG e mais o PSOE nas pasadas eleccións, o 21-O supuxo tamén unha nova derrota, quizá por moitos anos, da posibilidade dun goberno alternativo ao do PP en Galiza. Nova derrota que ten, tamén, moito de auto-derrota. Porque, ademais dos “poderes fácticos e mediáticos” que se encargaron de que o resultado fose o que foi, tamén moitos dos líderes e militantes destacados das formacións políticas chamadas a se converteren no goberno que desaloxase das institucións á dereita neoliberal estiveron empeñados en meter goles na súa propia baliza. E non só nesta liga, senón tamén nas anteriores.

Moitos dos líderes e militantes destacados das formacións políticas chamadas a se converteren no goberno que desaloxase das institucións á dereita neoliberal estiveron empeñados en meter goles na súa propia baliza

Pois o conto vén de atrás. Porque esta nova (auto)derrota comezou a se xestar o mesmo día en que, en 2005, BNG e PSOE botaron a andar o goberno bipartito. É lóxico e razóabel que, desde o minuto cero daquel goberno, o PP comezara a intentar desprestixialo, debilitalo e tombalo. E abofé que o fixo, até o punto de, case no minuto cero, chamar aos seus alcaldes a tomar o Parlamento Galego e teren que ser desaloxados da máxima institución do país por provocaren altercados. Síntoma de que a loita contra o caciquismo comezaba ben.

O motivo é sabido: o PP opúñase a que as obras de infraestruturas rurais nos concellos se deixasen de adxudicar a dedo e, a partir daquela, se distribuísen tendo en conta criterios obxectivos como o do índice de actividade agraria. É dicir, introducir criterios democráticos e transparentes que, tendo en conta o que había e volve haber, foi un acto revolucionario.

Esta nova (auto)derrota comezou a se xestar o mesmo día en que, en 2005, BNG e PSOE botaron a andar o goberno bipartito. É lóxico e razóabel que, desde o minuto cero daquel goberno, o PP comezara a intentar desprestixialo, debilitalo e tombalo

Esta anécdota simplesmente ilustra o que sería unha constante ao longo dos escasos catro anos da coaligazón de goberno: profundos cambios transformadores nunca antes vistos e postos en práctica fronte a fortes resistencias conservadoras…..pero non só das do partido conservador. Sabendo, como todo o mundo sabía, ou debería saber, que aquilo non era unha revolución, senón un cambio de goberno co-participado por dúas forzas con diferentes culturas políticas e cunhas estreitas marxes de manobra nun enfaixado marco xurídico-político.

Máis aló da anécdota, poderíase citar aquí toda unha rea de iniciativas que, obxectivamente, supuxeron un antes e un despois, na acción de goberno en Galiza: gratuídade dos libros de texto, banco de terras, decreto de igualdade para o galego no ensino, pulo das políticas de benestar e igualdade, internacionalización da cultura e o deporte galegos, políticas proactivas de vivenda que pularon polo aluguer para os máis novos, avance na proxección turística do país, comezo da deseucaliptización do monte galego e da súa posta en valor, creación de empresas públicas galegas, potenciación do tecido produtivo…..e tantas outras. E a proba do nove: o primeiro que fixo Feixóo ao chegar en 2009 á Presidencia da Xunta foi comezar a desmantelar todas elas, de cabo a rabo, até que non deixou unha en pé.

O primeiro que fixo Feixóo ao chegar en 2009 á Presidencia da Xunta foi comezar a desmantelar todas elas, de cabo a rabo, até que non deixou unha en pé

Por suposto que tamén houbo erros, algúns deles graves e, por máis das veces, anecdóticos. Pero, visto o visto, o que veu despois e o que aínda está por vir, o balance semella positivo. Outra cousa é que moitos se encargasen de darlle a volta á tortilla e presentar como xeneralidade o malo e ocultar a intensidade do bo. É lóxico que as forzas da reacción aos cambios así o fixeran e o fagan. Pero, que finalidade tivo e ten que os que, supostamente, lles tocaba defender as conquistas tirasen pedras contra o seu propio tellado?

Pagou a pena ese hipercriticismo, aínda admitindo erros e meteduras de zoca, que levou ao que levou? Preferimos un goberno-brigada de demolición a  gobernos mellorábeis pero transformadores?

Ou posto doutra maneira: hai alguén dos hipercríticos do e co bipartito que teña a valentía de dicir que a súa colaboración para tombalo e seguir a querer soterralo foi positiva e mellorou as condicións de vida no noso país? Pagou a pena ese hipercriticismo, aínda admitindo erros e meteduras de zoca, que levou ao que levou? Preferimos un goberno-brigada de demolición a  gobernos mellorábeis pero transformadores?

A crúa realidade leva a pensar que a resposta a estas preguntas poida ser, lamentábel e mesmo matizabelmente, si. Porque, ao coro de tais hipercríticos que no seu momento chegou a se manifestar na rúa e mesmo a acusar aquel goberno de vender Galiza, uniuse, desde o primeiro día dos seguintes catro anos na oposición, unha estratexia para deslexitimar constantemente aquel período transformador desde as propias fileiras que o sustentaron, até pechar o círculo de derrota electoral e definitivo descrédito social que a calculada campaña de certo medio de comunicación e, por suposto do PP, se encargara de tracexar.

No nacionalismo, provocou, desde o primeiro segundo tras daquela primeira derrota, unha atolondrada e irresponsábel fuxida cara adiante onde o máis importante era, e é, esquecer o pasado e mesmo promocionar a moitos dos responsábeis de desprestixialo

Foi, e segue a ser, como o mundo ao revés. Con moitas miserias humanas incluídas que non paga a pena lembrar. E, no nacionalismo, provocou, desde o primeiro segundo tras daquela primeira derrota, unha atolondrada e irresponsábel fuxida cara adiante onde o máis importante era, e é, esquecer o pasado e mesmo promocionar a moitos dos responsábeis de desprestixialo. Esquecer e auto-esquecer. Negar e auto-negarse. E, por riba, confundir o papel do que debe ser unha forza con opción de alternativa de goberno con ser apéndice do, por outra banda lexítimo e necesario, movemento sindical, polo que se deixou arrastrar e liderar. E así, como consecuencia, visibilizar e consolidar ante a cidadanía a idea de que o rol principal era o de oposición.

Chegada, pois, a campaña electoral a lóxica imperante foise verbalizando para afortalar a idea central do propio PP: “un goberno de coaligazón alternativo sería un desastre como foi o anterior. Non o dicimos nós: tamén o din os coaligados”. E abofé que o dixeron e cansaron de repetir: “o bipartito foi malo malísimo, iso non se vai volver repetir”. Tal esperpento se creou que até os hipercríticos, agora encarnados noutra alternativa, mesmo saían a defender aquel goberno. O dito, o mundo ao revés.

Tal esperpento se creou que até os hipercríticos, agora encarnados noutra alternativa, mesmo saían a defender aquel goberno. O dito, o mundo ao revés

Os galegos e galegas, claro, non son imbéciles. E se os mesmos, e algúns outros máis,  que estaban chamados a construír unha alternativa de goberno, verdadeiramente urxente, reforzaban a idea da dereita de que aquel experimento xa fora un desastre, a lectura ficaba clara: “mellor non apostar por eles, que nin en si propio cren, e deixalos na oposición, onde parecen estar a gusto”. Os seus lemas de campaña, outravolta, volveron reforzar esa opción e querencia: failles frente, hai que paralos, Galiza decide (o PP ou o caos?). En definitiva, estamos mellor na oposición porque ou é a nosa vocación ou non acreditamos en nós propios, nin somos quen de defender as transformacións e cambios conseguidos por nós mesmos.

Estamos mellor na oposición porque ou é a nosa vocación ou non acreditamos en nós propios, nin somos quen de defender as transformacións e cambios conseguidos por nós mesmos

Chegou o día, pasou o que pasou e, outra volta, comezouse a falar de derrotas. Quizá por moito tempo. Polo ben do país e da súa cidadanía, agardemos que se saiba rectificar. Porque se malas son as derrotas, letais as auto-derrotas nas que se teima en afondar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.