O discurso da ciencia fronte ó discurso dos valores

Adoitase dicir que a cidadanía fica moi arredada da política; en parte isto é consecuencia da linguaxe artificial, pomposa e baleira que utilizan desde a política, pero existe unha razón máis profunda: a xente está acostumada na súa vida diaria (na súa profesión, na súa saúde, na educación da súa descendencia, etc.) a razoamentos baseados en argumentos científicos, propios do século XXI, e a política segue a utilizar principios ideolóxicos, máis propios do século XIX.

A xente está acostumada na súa vida diaria (na súa profesión, na súa saúde, na educación da súa descendencia, etc.) a razoamentos baseados en argumentos científicos, propios do século XXI, e a política segue a utilizar principios ideolóxicos, máis propios do século XIX

A ideoloxía pode entenderse de dúas formas diferentes: ben como sistema de ideas (cousa inevitable en calquera discurso) ben como conxunto de principios políticos, valores morais e crenzas de calquera outro tipo. Isto último constitúe un estancamento que non deixa avanzar cara a argumentacións racionais, senón que nos mantén en posicións dogmáticas dado que terminamos construíndo teorías sobre a sociedade tan abstractas que non son falsables empiricamente.

Manter un discurso ideolóxico fronte á dereita significa xogar ó empate cando poderíamos goleala se recorrésemos exclusivamente a unha argumentación baseada nas ciencias naturais, sociais e humanas

Para a esquerda, manter un discurso ideolóxico neste sentido constitúe un erro porque se pon á mesma altura que a dereita: fronte ó principio político de esquerdas da igualdade, a dereita pode esgrimir o da liberdade coa mesma lexitimidade; fronte ó valor progresista da solidariedade redistributiva, as persoas neoliberais poden defender o do esforzo persoal como única fonte de dereito á riqueza; fronte as crenzas humanistas da esquerda, que levan a querer aumentar os dereitos, as persoas conservadoras poden esgrimir as súas crenzas relixiosas para impoñer como ten que vivir a xente na súa vida privada. Manter un discurso ideolóxico fronte á dereita significa xogar ó empate cando poderíamos goleala se recorrésemos exclusivamente a unha argumentación baseada nas ciencias naturais, sociais e humanas, nas que fai auga por tódolos sitios o discurso neoliberal.

Un claro exemplo deste cambio de paradigma podémolo encontrar no ecoloxismo. O ecoloxismo non representa a novidade duns principios ideolóxicos distintos, duns valores morais diferentes ou de calquera outra crenza nova, senón a aplicación das teorías que saen das ciencias. Que esteamos a sufrir un cambio dramático no clima non é consecuencia dunha percepción política determinada senón que é un feito científico; que os animais sofren como nós e que hai que telo en conta no trato que teñamos con eles non se deriva dunha moral animalista particular senón que é o que di a ciencia; que o produtivismo contaminante non leva ó benestar da xente senón á súa escravización consumista non é unha afirmación resultado dunhas crenzas naturistas senón unha constatación física e económica de que o actual sistema non funciona e só leva á destrución da natureza. Esta forma de argumentación científica é a que debemos estender ó resto do noso discurso político para non poñernos á altura da dereita, que só recorre á ideoloxía para esconder o seus privilexios escamoteándoos tras grandes principios teóricos baleiros.

Este rexeitamento da ideoloxía non debería ser algo estraño para a esquerda posto que xa está presente en Marx cando a categoriza como superestrutura coa función de servir ós intereses ocultos da economía

Este rexeitamento da ideoloxía non debería ser algo estraño para a esquerda posto que xa está presente en Marx cando a categoriza como superestrutura coa función de servir ós intereses ocultos da economía. Isto quere dicir que a ideoloxía das clases dominantes non é máis que unha mentira construída para defender os seus privilexios, sen que sexa necesario que teña demasiada conexión coa realidade. Por coherencia, o obxectivo da esquerda non debería consistir en construír unha ideoloxía ó servizo da clase traballadora en contraposición á ideoloxía empresarial dominante, senón en rachar con calquera ideoloxía para construír un "socialismo científico" como teoría verdadeira da realidade social e económica.

Defender unha argumentación política baseada nos feitos científicos pode xerar certas suspicacias no sentido de que o neoliberalismo adoita xustificar o que fai desde un discurso tecnocrático que non deixa lugar para alternativas, senón que presenta como única viable a vía que, casualmente, é a que favorece os seus privilexios ilexítimos. Pero que a dereita recorra a un discurso tecnocrático para defender posicións ideolóxicas non é senón a constatación de que a argumentación que é mellor recibida pola xente é a científica; e a esquerda non pode renunciar a ela: renunciar á ciencia porque a dereita a manipula no seu discurso tecnocrático sería o mesmo que renuncia á linguaxe porque a xente neoliberal mente a cotío en cada palabra que solta.

Que a dereita recorra a un discurso tecnocrático para defender posicións ideolóxicas non é senón a constatación de que a argumentación que é mellor recibida pola xente é a científica; e a esquerda non pode renunciar a ela

Cando a Igrexa Católica protestou estes días pasados contra a decisión do Tribunal Constitucional de aprobar o matrimonio homosexual, non o fixo apelando ás súas crenzas relixiosas ou ós principios morais da súa fe, senón que o seu ataque baseouse en que o matrimonio homosexual ía contra as leis naturais, biolóxicas e antropolóxicas. Se ata o dogmatismo relixioso recorre a un discurso científico para apoiar a súas posicións irracionais porque é o tipo de discurso que se espera socialmente, non cabe máis alternativa para a esquerda que elaborar o seu centrándoo nos feitos da ciencia.

A dereita nin sequera tería que defender outros principios fronte ós da esquerda, senón que podería argumentar que, como propósitos benintencionados, os acepta, pero que na práctica non funcionan. Podería aceptar que os desafiuzados deberían conservar a súa casa, pero que iso produciría un mal maior, consistente na quebra do sector bancario, o que nos arrastraría a todos. Isto é o que hai que contraargumentar e non perderse en discusións escolásticas sobre principios e valores, porque a xente non quere declaracións de boas intencións senón solucións técnivas viables; o primeiro pertence ó reino do ideolóxico; o segundo, ó da ciencia.

Isto calla na cidadanía que percibe á esquerda como xente con boa intención, pero ve á dereita como única capaz de empregar medios eficaces, aínda que duros, para resolver unha crise

As persoas conservadoras poden incluso acusar á esquerda de falta de madurez por negarse a aceptar a realidade, mentres elas toman o touro polos cornos e fan o que hai que facer, por moi duro que lles resulte. Igual que na cirurxía, onde as veces hai que amputar un membro para salvar o resto do corpo, en economía dinnos que tamén hai que aceptar deixar na cuneta a algunhas persoas para que aumente o benestar xeral. Isto calla na cidadanía que percibe á esquerda como xente con boa intención, pero ve á dereita como única capaz de empregar medios eficaces, aínda que duros, para resolver unha crise.

A xustificación dos nosos valores éticos e a defensa dos nosos principios ideolóxicos están moi ben para discusións filosóficas; pero deberían erradicarse do debate político, no que a esquerda dispón de feitos científicos e de teorías corroboradas abondo para derrotar argumentativamente á dereita. Non decatarse disto supón ofrecer táboas de inicio na partida de xadrez que nos enfronta permanentemente a ela. Cremos que os nosos principios políticos, os nosos valores éticos e as nosas crenzas humanistas son a nosa mellor arma contra o discurso insolidario neoliberal cando, en realidade, constitúen unha trampa que nos desvía do que debería ser o centro do noso discurso: alternativas técnicas reais baseadas en feitos científicos, en lugar de declaracións de principios ideolóxicos, máis propios doutros séculos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.