#25N. As vontades dun pobo

Non era consciente CiU da certeza do seu lema electoral "La voluntat d'un poble". Vistos os resultados cun pouquiño de perspectiva histórica, só de dous anos, podemos ver o seguinte: no ano 2010 a maioría da sociedade catalá quixo quitar ao Tripartit do goberno, e fíxoo do único xeito posíbel naquel momento: votando a CiU. De paso mandoulle unha mensaxe clara a ERC: "En Catalunya non queremos como presidente un Virrey do reino español, queremos un presidente autónomo".

No ano 2010 a maioría da sociedade catalá quixo quitar ao Tripartit do goberno, e fíxoo do único xeito posíbel naquel momento: votando a CiU

CiU e La Vanguardia, valga la redundancia, equivocáronse ao pensar que aqueles votos eran seus para sempre. Cada vez as votantes son menos fieis aos partidos, e castigan sen complexos aquilo que non lles gusta. Ao longo destes dous anos Artur Mas decidiu pactar prioritariamente co PP, proclamando "vicepresidenta polos feitos" e nova virreina a Alicia Sánchez-Camacho, sorrindo os dous mentres esquilmaban as vidas da cidadanía traballadora para maior gloria de enormes empresas sanitarias, especuladores, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional. Xa sabedes: catro barras ou a rojigualda nos carteis electorais, e só o símbolo do euro nos seus cerebros.

Mentres tanto a sociedade catalá fervía. Fervía contra os recortes, os desafiuzamentos, fervía mesmo contra todo o sistema económico e político (15-M), e fervía pola independencia como nunca antes se vira

Mentres tanto a sociedade catalá fervía. Fervía contra os recortes, os desafiuzamentos, fervía mesmo contra todo o sistema económico e político (15-M), e fervía pola independencia como nunca antes se vira. E Esquerra, Iniciativa-EsquerraUnida e as Candidatures d'Unitat Popular andaban a escoitar e falar, cada un á súa maneira, coa sociedade efervescente das rúas e as prazas. Nestas circunstancias a Felip Puig ocorréuselle unha idea para que as catalás non poidesen ver que estaban sendo estafadas: quitarlles os ollos con balazos de goma. Mais iso tampouco foi suficiente.

A última hora quixo Artur Mas surfear na onda independentista (Beiras dixit)

A última hora quixo Artur Mas surfear na onda independentista (Beiras dixit). Para gañar máis poder quixo poñer o neopreno de revolucionario, mesías, mártir ("estou disposto a ir ao cárcere pola independencia", chegou a dicir). Pero a onda resultou ser moito máis grande e difícil do que el pensaba. Esta onda non estaba feita para oportunistas. Era unha onda con resaca, unha onda que traía dúas correntes simultáneas: INDEPENDENCIA e XUSTIZA SOCIAL. Esa foi o 25-N "La voluntat d'un poble". Tres organizacións políticas, ERC, ICV-EUiA e CUP, ascenderon como a escuma das ondas combinando en diferentes graos eses dous ingredientes imprescindíbeis que unha gran parte da sociedade catalá pedía a berros.

Tres organizacións políticas, ERC, ICV-EUiA e CUP, ascenderon como a escuma das ondas combinando en diferentes graos eses dous ingredientes imprescindíbeis que unha gran parte da sociedade catalá pedía a berros

Ah, si, e logo están os partidos españolistas (PP, PSC e Ciutadans). Todo o meu respecto para as súas votantes. Ningún para a maquinaria mediática española, que quere vender como unha victoria o resultado do tripartito unionista a pesar de que perderon un escano con respecto ao 2010. Señores de El Mundo, El País, La Razón, ABC: por moito que Wert tente destrozar a educación española, de momento aínda sabemos sumar e restar.

A soberanía de Catalunya reside nas cidadás de Catalunya: 87 diputadas.
A soberanía de Catalunya reside nas cidadás de España (?): 48 diputadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.