A morte biolóxica, social e política da Galiza

A cousa é ir indo. Ir indo como romeiros dunha procesión da santa compaña neste mundo absurdo á espera ou de volta dunha morte anunciada. Completos e satisfeitos. Enterrando non cadáveres senón semente, engadiría Castelao. Mais desta volta nunha sementeira fértil de recorte e inxustiza social no canto de solidaridade distributiva e que co paso das sucesivas investiduras presidenciais populares está a deixar tras de nós o ronsel dun país desafiuzado e sen outra luz que a do seica España está peor, ten máis suicidios por P.I.B. Na comarca da Limia, en concreto, só tres casos no mes de novembro. E a nós que máis nos ten se xa estamos mortos. Ou é que tamén tiñamos que ir de vivos. Que máis nos ten se xa fomos certificados dunha morte primeiro biolóxica no tocante dun fallo irreversible en todo o sector primario. Nin gandería, nin pesca, nin forestal, nin agro, nin as eólicas foron quen de cortar a sangría demográfica, o avellentamento exacerbado dunha pirámide de poboación totalmente invertida, sen medidas estratéxicas e prioritarias tanto de estímulo e fomento da natalidade como de captación e fixación dos censos sobre todo no medio rural.

Que máis nos ten se xa fomos certificados dunha morte primeiro biolóxica no tocante dun fallo irreversible en todo o sector primario. Nin gandería, nin pesca, nin forestal, nin agro, nin as eólicas foron quen de cortar a sangría demográfica

Que máis nos ten se xa velamos tamén unha morte social no tocante dunha memoria colectiva que desaparece xunto co derradeiro membro dese imaxinario sometido a deturpación permanente da súa lingua e cultura; sen falar da sangría migratoria, xunto cos emprendedores, os investigadores e os mellores expedientes académicos que despois da factura persoal, social e económica do investimento que supuxo a súa formación agora vense condenados a escapar deste implacable xenocidio. Morte que finalmente tamén é política no tocante á desaparición das pegadas que esa memoria colectiva ata onte viva foi quen de deixar testadas, de ser as partillas do patrimonio inmaterial que vindeiras  xeracións puideran recoller e aproveitar como guía e modelo, xeracións hoxe toqueadas e envilecidas pola locuacidade e o poder autócrata dun só home, dun só partido e dun goberno de suplantación que segue a presentar cifras e datos inmellorables da situación socio económica formidable dun país irreal mentres a cidadanía opta polo suicidio, o patíbulo colectivo dun desesperado punto final nas súas desafiuzadas vidas.

Estamos mortos ou non? Había que espetarllo tamén ós directivos das caixas que idearon as preferentes e o presidente da Galiza que tutelou as súas decisións, indemnizacións e quitas

Estamos mortos ou non? Había que espetarllo tamén ós directivos das caixas que idearon as preferentes e o presidente da Galiza que tutelou as súas decisións, indemnizacións e quitas. Que vivos serán eses que manteñen o sangue nas veas na franqueira mesma da exclusión social, no abismo da desprotección social e con familia numerosa, sen soberanía decisoria, sen democracia proporcional, cun autogoberno seriamente cuestionado coa perda definitiva da autonomía financeira imprescindible para un país de seu e que só pode garantir unha entidade de aforro forte, solvente, co enderezo xenuinamente galego e de marcado carácter social. Que ser vivo é quen de soportar o baleiro, a desesperanza que produce pensar nas alternativas políticas reais e posibles fronte o PP cando non son quen de fundar sequera ó entendemento entre eles nunha auténtica cultura de coalición. Ningún ser vivo, tristemente este é o sentimento máis necrosado, insufrible e letal, ninguén é quen de soportar o baleiro da desilusión. Que máis nos ten que pasar para decatarnos de que xa estamos mortos.

Que ser vivo é quen de soportar o baleiro, a desesperanza que produce pensar nas alternativas políticas reais e posibles fronte o PP cando non son quen de fundar sequera ó entendemento entre eles nunha auténtica cultura de coalición

Con todo, di o presidente Núñez Feijóo que Galicia vale a pena; foron as súas verbas peche de discurso como candidato á investidura dunha responsabilidade dese nivel. Galiza, é verdade, xa está a pagar a pena, unha penitencia propia do mesmo inferno, Galiza por mor do resultado e da perpetuación do seu goberno de inanición xa está a pagar a pena de acreditar a nosa propia morte biolóxica, social e política como a auténtica condena á un inferno en vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.