A mala administración

Un dos programas de maior audiencia na TV estatal puxo este día o foco nas duplicidades administrativas e destrago de recursos que xeraba o mantemento dunha Administración do Estado ineficiente e hipertrofiada. Por mor da desconfianza histórica de Felipe González, Aznar, ZP e Rajoy aos gobernos autonómicos mantéñense Ministerios como Sanidade, Educación ou Cultura e Deporte, que teñen case todas as súas competencias transferidas.

Por mor da desconfianza histórica de Felipe González, Aznar, ZP e Rajoy aos gobernos autonómicos mantéñense Ministerios como Sanidade, Educación ou Cultura e Deporte, que teñen case todas as súas competencias transferidas

Canda a unha AENA que é a axencia aeroportuaria máis centralizada e ineficiente do mundo occidental, no canto de transferir os aeroportos galegos á Xunta e garantir a súa xestión autónoma e aberta á participación da sociedade civil da súa contorna territorial.

Hoxe en día, na época de Internet e das novas teconoxías, os Delegados, Subdelegados do Goberno e toda a Administración periférica estatal sobran. Como as Deputacións na Galicia, que constitúen un esquema centralista e decimonónico que se mantivo só a xeito de contrapoder. Ou as grandes axencias estatais, que amorean 32.000 millóns de euros de débeda agachada e que non teñen papel nun Estado autonómico de fasquía federal.

España é plurinacional e, xa que logo, só se pode organizar en rede, por medio dun conxunto de técnicas federais (nomeadamente no eido fiscal e financeiro) e confederais

España é plurinacional e, xa que logo, só se pode organizar en rede, por medio dun conxunto de técnicas federais (nomeadamente no eido fiscal e financeiro) e confederais (nos asuntos de lingua, cultura, Dereito civil e réxime local, onde Galicia habería ter dereito de veto, canda os restantes países con lingua e Dereito civil propios). Neste contexto, suprimir o actual Senado que gasta 55 millóns de euros para irmos a unha segunda Cámara territorial elixida polos Parlamentos autonómicos (cun só senador por Comunidade Autónoma e outro máis, por exemplo, por millón de habitantes) e que custase a quinta parte sería acaido para artellar este esquema plurinacional en rede.

Coas duplicidades actuais non podemos seguir. E son o Estado e as Deputacións os que han sufrir os meirandes recortes, porque os Gobernos autonómicos  xestionan os servizos públicos esenciais.

 

Feijóo repite Goberno

O feito de que Feijóo  reproduza case na súa totalidade o seu Goberno amosa un grao de suficiencia moi preocupante. Nomeadamente o mantemento de Jesús Vázquez, que agravou a guerra lingüística, é un mal síntoma de que Feijoo instalouse no peor continuísmo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.